Saúde, educación e vivenda son as áreas nas que máis medra o gasto dos galegos

O gasto total dos fogares galegos mantívose estable entre 2008 e 2018 CC-BY Alegri

O INE vén de publicar os datos de consumo final dos fogares correspondentes ao ano 2018, estratificados por áreas de gasto e por comunidades autónomas. As cifras globais amosan unha recuperación do nivel de gasto dos galegos galegas, en ascenso dende o ano 2013,  despois do forte descenso que se producira entre o ano 2008 e 2013, cunha caída do 7%. 

Entre os anos 2008 e 2018 o gasto incrementouse notablemente en tres partidas: educación (62%), saúde (+16%), e vivenda (+24%), área que abrangue tamén as facturas de luz, auga e calefacción.

En realidade, a capacidade de consumo dos galegos e galegas é só lixeiramente superior á que había hai unha década (11.118 fronte a 11.053), cun leve ascenso do 0,6%. Pero o máis interesante é observar como foi evolucionando o gasto nas distintas partidas, é dicir, a que áreas tiveron que dedicar as familias galegas un maior esforzo económico.

Así, entre os anos 2008 e 2018 o gasto incrementouse notablemente en tres partidas: educación (62%), saúde (+16%), e vivenda (+24%), área esta última que abrangue tamén as facturas de luz, auga e calefacción. Tamén se incrementou nunha porcentaxe semellante o gasto en comunicacións (+12%).

Pola contra, o gasto descendeu nas restantes partidas, especiamente mobiliario e equipamento do fogar (-19%), vestido e calzado (-17%), alimentación (-11%), transporte (-11%) e ocio e cultura (-12%). 

Esta tendencia de incremento do gasto en saúde, educación, vivenda e as facturas de auga, luz e gas mantívose ao longo dos peores anos da crise

Esta tendencia de incremento do gasto en saúde, educación, vivenda e as facturas de auga, luz e gas mantívose ao longo dos peores anos da crise, mesmo nos momentos nos que a capacidade global de consumo dos fogares baixaba de forma importante. Así, entre 2011 e 2013, mentres o gasto total baixaba un 5% e o gasto en alimentación permanecía estancado, o gasto en educación crecía un 21% e en saúde medraba un 9%. 

As familias galegas gastan moito máis nos pagamentos derivados da súa vivenda (alugueiros, electricidade, auga, gas...) que en alimentación

A información difundida polo INE permite constatar, ademais, que as familias galegas gastan moito máis nos pagamentos derivados da súa vivenda (alugueiros, electricidade, auga, gas...) que en alimentación e bebidas non alcohólicas. Así, no ano 2018 o gasto anual por persoa en alimentos situouse algo por riba 1.737 euros. Mentres, os galegos e galegas destinaron máis de 3.159 euros ás facturas derivadas da súa residencia habitual.

Finalmente, no último ano as tendencias mantivéronse. Creceu o gasto total, e seguiu medrando o desembolso nas facturas asociadas á vivenda (de 3.113 a 3.159 euros por persoa e ano) e en educación (de 123 a 130 euros anuais por persoa). O gasto en sanidade permaneceu estable, mentres que se detecta un gasto cada vez maior en transporte, que medrou un 22% dende o ano 2013, despois de permanecer estancado nos primeiros anos da crise.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.