Finais do mes de marzo. É a semana que escolleu a Conferencia Nacional do sindicato CIG para convocar unha folga xeral en Galicia. Mobilización á que tentarán sumar o apoio doutras centrais sindicais, pero que a CIG convoca por "responsabilidade" e co obxectivo de "trasladar á sociedade que son posibles outras políticas económicas". O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, explica en Praza os obxectivos da folga.
Non ides agardar na CIG ao contido da reforma laboral "profunda" que vai aprobar este venres o Consello de Ministros...
Non. Nós cremos que hai que plantexarlle claramente á sociedade unha mensaxe clara pero tamén en positivo. Debemos denunciar estas políticas que están a levar a cabo as administracións, que son claramente inxustas. Políticas que cargan todo o seu peso sobre a clase traballadora. E dicimos que mensaxe en positivo porque hai outro xeito de facer política, hai outras medidas posibles que se poden acometer para saír desta situación. As que se están a poñer en marcha e as que veñen van afondar a recesión económica. Queremos transmitir que é momento de presionar para que as políticas económicas non ataquen novamente aos traballadores. E non imos esperar á reforma laboral. Estásenos a dicir xa que haberá unha reforma profunda, pero xa sabemos que non é a solución. As políticas de austeridade non son a solución. Hai que esixir políticas que axuden á maioría social, que é a quen se debe a administración. Non hai nada que agardar.
É momento de presionar para que as políticas económicas non ataquen novamente aos traballadores
Acabamos de coñecer o indicador de produción industrial con datos moi negativos para Galicia. O indicador de bens de equipo, aquel máis vencellado ás industrias de base con maior capacidade de xeneración de emprego, é incluso peor que a media. Cara onde imos?
O dato é moi negativo. Fíxese o que di agora o Banco de España, exemplo claro de seguidismo dos poderes económicos e da corrente neoliberal, que predica o mesmo que o Banco Central Europeo. O mesmo Banco de España, que defende as políticas de austeridade, recoñece que estas medidas provocarán unha recesión de punto e medio a finais de ano. E tamén avanza que en 2013 haberá crecemento, pero moi feble. E isto é normal se non flúe o crédito ás pequenas e medianas empresas, moi necesitadas de financiamento, por exemplo. E haberá unha nova caída do consumo interno. É algo lóxico tendo en conta o alto nivel de desemprego e as políticas de austeridade que se pretenden seguir aprobando. E é curioso que os mesmos que predican a favor dos recortes recoñecen que estes non son a alternativa! No caso da industria galega vése como este sector, xenerador de emprego estable e de calidade, ten unha evolución porcentual peor que a da construción.
O mesmo Banco de España, que defende as políticas de austeridade, recoñece que estas medidas provocarán unha recesión de punto e medio
Fala vostede de facer un chamamento á sociedade e de trasladar unha mensaxe positiva. Está receptiva a sociedade? Ou, dito doutro xeito, está a sociedade preparada para responder a ese chamado?
Temos un nivel de desemprego escandaloso, de aí que moita xente teña medo a perder o emprego. É normal. Os grandes medios de comunicación tamén insisten constantemente en que isto afecta a moitos países europeos, que non hai alternativa, que non hai tempo, que os mercados reclaman... Unha mensaxe machacona que algúns sectores da sociedade pode que xa teñan interiorizado. Por iso nós queremos transmitir á sociedade un cambio total nesa mentalidade, que é posible superar esa sensación de derrota. Imos facer o esforzo de levar ese debate á sociedade. Porque cremos que é posible crear modelos máis xustos e solidarios. É fundamental, diría eu. Por iso ás veces hai que afrontar retos como o da convocatoria dunha folga xeral. É a nosa obriga. Se non facemos este esforzo podemos acabar colaborando desa sensación de derrota. Queremos manter vivo o movemento obreiro. Hai que pelexar por un novo modelo. Este non vale.
A convocatoria é para finais do mes de marzo, mais aínda non hai data...
Non, aínda non pechamos unha data pero si que puxemos ese límite do mes de marzo. Será nese momento cando o Goberno aprove os novos orzamentos xerais, que pretenden corrixir un déficit de 40.000 millóns de euros. Isto xa anticipa unha política de recortes brutal. A data non a puxemos fixa, só acotada, para ver se as demais centrais sindicais se suman á convocatoria.
Se non facemos este esforzo podemos acabar colaborando desa sensación de derrota
O ano pasado a CIG convocou, en solitario e co apoio do BNG, unha folga xeral. Nese momento non se sumaron os chamados grandes sindicatos: CCOO e UGT. Como ve a situación actualmente? Hai posibilidades de que se sumen esta vez?
Ben, nós imos intentar que así sexa. As centrais sindicais máis minoritarias de Galicia se cadra si están dispostas a sumarse a esta convocatoria. Pero teño serias dúbidas de que suceda o mesmo no caso de CCOO e UGT. Eles sempre se xustifican. Din que non é o momento, que hai que esperar... E a fin de contas nunca fan nada, só fan concesións á patronal. O último exemplo o temos co que eles chaman acordo de moderación salarial. Que non hai tal moderación! É un acordo de perda de salarios, dito claramente. Por iso non nos fiamos de que se queiran sumar esta vez. Se realmente tivesen interese en facer algún tipo de mobilización xa o poderían ter feito. Eles saberán por que. Eles saberán se realmente cren que non hai alternativas a este modelo económico que ataca sistematicamente á clase traballadora ou realmente teñen outros condicionantes. Isto non é un diálogo social, é unha imposición clara da patronal e o capital. Pero, desde logo, nós imos intentar que se sumen.