Un ano de reforma laboral: máis paro, máis precariedade

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Hai un ano, o ministro de Economía, Luis de Guindos, besbexaba ao oído do comisario europeo de Asuntos Económicos, Olli Rehn, que o Goberno de España estaba a piques de sacar adiante unha reforma laboral "extremadamente agresiva". Non mentía. Un día despois, o Consello de Ministros aprobou unha norma que puña patas arriba as relacións laborais e que agora fai xusto un ano. Os efectos máis inmediatos e de máis impacto foron unhas cifras de paro e destrución de emprego que superan ás de 2011 e que se asemellan ás do peor ano da crise até o momento, 2009.

A reforma abaratou e facilitou o despedimento: eliminou os contratos con despedimento de 45 días por ano traballado e permitiulles ás empresas despedir con 20 días por ano traballado (e un tope de 12 mensualidades) e por un amplo abano de causas económicas. É dicir, desde o 11 de febreiro do ano pasado, as empresas teñen todas as facilidades para impor este despedimento, e son os traballadores os que teñen que recorrelo xudicialmente e pelexar a indemnización de 33 días se consideran que este non estaba justificado por algunha causa económica ou da produción.

As empresas teñen todas as facilidades para despedir e son os traballadores os que teñen que recorrer xudicialmente

Ademais, as empresas xa non necesitan autorización laboral para levar a cabo expedientes de regulación de emprego (ERE), que teñen que negociar cos traballadores. Iso si, se non hai acordo, o empresario pode impor a súa decisión. Uns despedimentos que desde febreiro do ano pasado tamén poden levar a cabo as administracións públicas, que poden desprenderse do seu persoal laboral e facer un ERE con requisitos similares aos das empresas.

O resultado inmediato? No último ano, o desemprego creceu en 691.700 persoas e destruíronse 850.500 postos de traballo, segundo a última Enquisa de Poboación Activa. Ademais, o número de persoas ocupadas, é dicir, con traballo ben sexa por conta propia ou allea, está en mínimos: 16.179.438, moi lonxe dos datos dos anos de bonanza, cando os afiliados á Seguridade Social superaban con moita folgura os 18 millóns.

Os ERE aumentaron un 66% a respecto de 2011

Entre xaneiro e novembro de 2012 o número de expedientes de regulación de emprego aumentaron un 66% respecto ao mesmo período de 2011. Os traballadores afectados por expedientes de regulación de todo tipo pasaron de ser 278.999 en 2011 a algo máis de 400.000 ao longo de 2012.

"O balance é bastante desastroso, caeu moi forte o emprego, e ademais ao mesmo tempo que cae a poboación activa, por exemplo, por mozas que volven á educación ou emigran, por inmigrantes que volven aos seus países de orixe, aínda que haberá que ver se se trata tamén de mulleres que abandonan o mercado laboral. Isto quere dicir que as expectativas da xente non melloran", sinala Santos Ruesga, catedrático de Economía Aplicada na Universidade Autónoma de Madrid.

Contratación e indemnizacións

A contratación apenas aumentou nin sufriu cambios desde que a reforma entrou en vigor: máis do 90% dos novos contratos que se asinan cada mes son temporais. A contratación indefinida medrou en 300.000 contratos. Con todo, un informe da UGT sinala que aínda que aparentemente aumenten trátase dunha comparación enganosa que esconde "unha menor calidade do emprego": desde o pasado febreiro diminuíu a indemnización de todos os indefinidos, tamén a dos aprobados antes da reforma. Ademais, inclúense os chamados 'contratos de emprendedores', que a pesar de ser indefinidos teñen un ano de proba durante o que o despedimento é gratis.

Máis do 90% dos novos contratos son temporais

"A reforma laboral non permitiu que se incremente a contratación indefinida. Os contratos indefinidos ordinarios crecen no conxunto do período, aínda que en realidade as cifras quedan compensadas pola desaparición do contrato de fomento da contratación indefinida [de 33 días por despedimento] e o descenso das conversións a indefinidos que se produce en xeral en 2012 fronte a 2011", di o informe. O sindicato subliña, ademais, que a conversión de contratos temporais a indefinidos descenderon un 10,1%.

Neste período formalizáronse uns 86.000 contratos de emprendedores, unha modalidade que está fortemente bonificada se se mantén o emprego tras o ano de proba. Con todo, UGT sinala que o 82% destes novos contratos están a facerse sen acollerse aos incentivos fiscais, o que significaría que as empresas están a substituír os contratos temporais por estes e primando, así, o despedimento gratis durante un ano. En calquera caso, representan tan só o 0,6% do total de contratos asinados.

"A calidade do emprego diminúe e iso aumenta as desigualdades, e unha sociedade máis desigual crea potencialmente menos empregos", apunta Santos Ruesga.

Emprego público

As novas condicións da reforma laboral facilitaron que as administracións públicas eliminen postos de traballo. Durante 2012, fixérono con forza, especialmente sobre o emprego temporal. Tras o axuste sobre os eventuais, os expertos sinalan que durante este ano as administracións poderían empezar a tocar o seu núcleo de emprego indefinido.

O ritmo de destrución de emprego público foi maior que no privado

O ritmo de destrución no emprego público foi maior que no privado: o público rexistrou unha caída do 7%, mentres que no privado o emprego destruíuse a un ritmo do 4,3%. É o segundo ano no que o sector público destrúe postos de traballo: concretamente 219.000, case sete veces máis que en 2011, cando se eliminaron 32.400 empregos públicos.

Negociación colectiva

Doutra banda, a reforma entraba de cheo na negociación colectiva: daba todo o poder ao empresario para modificar as condicións laborais unilateralmente e acababa coa chamada ultraactividade, que garantía a vixencia dos convenios (e, por tanto, dos dereitos adquiridos polos traballadores nunha empresa) e que agora está limitada temporalmente se empresa e traballadores non chegan a un acordo sobre a súa renovación.

"Observouse certo parón na negociación colectiva, e é algo que se materializará no aumento da conflitividade, nalgúns sectores máis que noutros. A concertación social, ben a gran escala ou ben no ámbito micro das empresas, ivo a virtude de xerar un clima de paz social bastante estendido, pero poderiamos estar no inicio dun cambio importante", subliña Santos Ruesga.

As subas salariais apenas chegan ao 1,3%, o nivel máis baixo en 20 anos

En decembro do ano pasado, había 3.069 convenios pendentes de negociar que afectan a 5,4 millóns de traballadores. Ademais, a subida salarial media apenas chega ao 1,3%, a máis baixa en máis de vinte anos e moi lonxe da subida da inflación, próxima ao 3%.

Os sindicatos alertan de que en moitos casos as empresas tratan de alargar a negociación para evitar aplicar as actualizacións salariais e para forzar que a vixencia do convenio decaia.

Manifestación en Santiago contra a reforma laboral CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.