O pasado xoves, día 2 de febreiro, chegaron as primeiras reclamacións de usuarios da autovía A Coruña-Carballo debido a unha avaría nun dos puntos de control, concretamente o situado na entrada da Laracha. Hoxe, 6 días despois, o erro persiste; e o prexuízo para os usuarios, tamén.
A avaría só ocorre no traxecto cara á cidade herculina, e consiste en que, ao entrar pola Laracha, os automóbiles que dispoñen do mecanismo automático de pagamento non son detectados, polo que se lles aplica a tarifa como se tiveran se incorporado en Carballo. Iso significa un aumento do 63,6% no prezo do correspondente tramo (de 1,10€ a 1,80€), ademais de supor a perda da bonificación no caso de se tratar -como así acontece na maioría dos casos- dun traxecto de ida e volta.
Contactada por Praza, a empresa concesionaria (Autoestradas de Galicia) afirmou que non ten constancia da avaría e que non recibiu ningunha queixa nin verbalmente nin a través das follas de reclamación disponibles en todas as peaxes. A empresa comprometeuse a recoller toda a información e a dar unha resposta satisfactoria nun prazo máximo de 48 horas.
Horas despois de publicada esta denuncia, a empresa concesionaria baixou a barreira do acceso que presentaba problemas. Dese xeito, os usuarios son obrigados a pasar pola cabina, onde se lles expende un ticket que certifica o seu punto de ingreso na autovía, eliminando o sobrecobro acaecido nos últimos días.