Un estudo debate as políticas de cohesión rexional na UE e as balanzas fiscais interiores

Capa do documento © Ideas for Europe

O Centre Maurits Coppieters, en colaboración coa Fundació Emili Darder, vén de publicar un informe sobre as balanzas fiscais entre a Unión Europea e diversas rexións, que denuncia que os criterios políticos para a asignación de fondos europeos entre as rexións dentro dun mesmo Estado non son suficientemente claros, o que provoca tensións na distribución final da axuda. Segundo o documento, esta capacidade dos gobernos dos estados membros pode, en certas ocasións, chegar a distorsionar o propósito orixinal da Política de Cohesión e, neste caso, a política rexional europea non axudar a harmonizar as diferenzas, senon que as fai aínda máis grandes. Unha información do blogue Espazo Europa.

Con ocasión do día de Europa este vindeiro venres 9 de maio, o Centre Maurits Coppieters (en colaboración coa Fundació Emili Darder) publica un estudo sobre as balanzas fiscais entre a Unión Europea e diversas rexións. A presentación en rolda de prensa organizada pola Fundació Emili Darder tivo lugar o 8 de maio en Palma de Mallorca e o estudo está dispoñíbel en www.ideasforeurope.eu/paper dende o día 9 de maio.

2014 é un ano especialmente importante para a política rexional europea, pois é un período no que finaliza a implementación dos fondos europeos 2007-2013 e se prepara a nova etapa de investimentos

Os autores do estudo: Jaume Garau e  Felix Pablo analizan, entre outros, os casos de Catalunya, Escocia, Galiza e Flandres. Os autores cren que 2014 é un ano especialmente importante para a política rexional europea, pois é un período no que finaliza a implementación dos fondos europeos 2007-2013 e se prepara a nova etapa de investimentos (2014-2020 ). É, polo tanto, un bo momento para facer balance: avaliar como se fixo no pasado e sacar conclusións para o futuro. Os resultados obtidos permítennos concluír como:

  • En xeral, as rexións con maior índice de riqueza per cápita son as que maiores contribucións fan ao orzamento. Ao mesmo tempo, as rexións con niveis de renda per cápita máis baixo, están recibindo máis investimento da UE.
  • Con todo, hai excepcións: Irlanda do Norte, Valónia, Valencia, Illas Baleares e Catalunya teñen un financiamento europeo particularmente baixo en relación aos seus niveis de renda e presentan saldos fiscais especialmente negativos, tendo en conta o seu grao de desenvolvemento económico.
  • Rexións con niveis similares de desenvolvemento, obteñen un financiamento europeo moi diferente.
  • Cinco das seis rexións europeas que reciben financiamento europeo máis baixo en relación coa súa renda presentan situacións políticas excepcionais: Països Catalans -con lingua e cultura diferente á da maioría do seu estado; Irlanda do Norte e Valónia. Con todo, non se pode falar da existencia dunha clara correlación entre o estatus político de “nación sen estado” e a súa relación financeira coa UE.

Por contra, os criterios políticos para a asignación de fondos europeos entre as rexións dentro dun mesmo Estado non son suficientemente claros. A situación é relevante se temos en conta que hai situacións anómalas: territorios con niveis similares de ingresos, reciben  cantidades moi diferentes de financiamento europeo e teñen saldos fiscais moi desiguais coa UE.

Os gobernos de Madrid e Londres, por exemplo, teñen unha capacidade significativa para decidir o importe final dos fondos europeos que reciben cada unha das rexións deses estados

Aínda que os mecanismos de distribución dos fondos europeos son establecidos por Bruxelas, os gobernos dos Estados teñen unha marxe de manobra significativa para decidir o importe da axuda europea que finalmente lle atribúe a cada rexión dentro do seu estado. É dicir, os gobernos de Madrid e Londres, por exemplo, teñen unha capacidade significativa para decidir o importe final dos fondos europeos que reciben cada unha das rexións deses estados.

A falta de transparencia e de criterios claros e obxectivos sobre a forma na que os fondos europeos son adxudicados entre rexións dun mesmo estado, provoca non poucas tensións na distribución final da axuda entre ditas rexións

Precisamente, esta capacidade dos gobernos dos estados membros pode, en certas ocasións, chegar a distorsionar o propósito orixinal da Política de Cohesión. A falta de transparencia e de criterios claros e obxectivos sobre a forma na que os fondos europeos son adxudicados entre rexións dun mesmo estado, provoca non poucas tensións na distribución final da axuda entre ditas rexións: o paradoxo pode ocorrer cando áreas con niveis de renda per cápita e de poboación moi semellantes, reciben un financiamento europeo moi diferente. Hai casos de rexións que teñen a mesma renda per cápita e  poboación e, en cambio, reciben un volume de investimentos en fondos europeos até tres veces maior que outras. Neste caso, a política rexional europea non axudar a harmonizar as diferenzas, senon que as fai aínda máis grandes.

Capa do documento © Ideas for Europe
Jaume Garau nunha reunión do Centre Maurits Coppieters © Ideas for Europe

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.