Un estudo dos Estados Unidos sinala a UE como gran perdedora co TTIP ao eliminar as barreiras agrícolas

A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, en Vilalba © El Diario

Un estudo do Departamento de Agricultura de Estados Unidos (equivalente ao Ministerio) analizou por primeira vez o impacto que tería no comercio agrícola se estivese en vigor o TTIP, as siglas en inglés do polémico tratado de libre comercio e investimentos que a Administración Obama negocia coa Unión Europea. O informe, elaborado polo Servizo de Investigación Económica deste departamento en novembro e filtrado agora, presenta tres escenarios con distintos niveis de aranceis. No tres Europa é a gran perdedora, con beneficios até sete veces máis baixos que os da contraparte norteamericana. Mesmo hai un escenario sen beneficios para Europa.

Ao longo das súas case 40 páxinas, o estudo Agricultura no TTIP: aranceis, cotas arancelarias e medidas non arancelarias, deixa entrever que parte gaña: "En xeral, as ganancias bilaterais e as exportacións netas co TTIP levan a aumentar a produción agrícola en EUA. O aumento das exportacións agrícolas tamén conduce a un aumento de prezos agrícolas. Pero para a UE, o aumento das importacións leva un descenso dos prezos agrícolas".

"Por boca dos propios norteamericanos, os europeos non temos moito que gañar. Este estudo vén dicirnos que debemos cesar as negociacións con EUA para non sacrificar nin a agricultura nin a cidadanía europeas"

O eurodeputado e portavoz dos socialistas belgas no Parlamento Europeo, Marc Tarabella, foi o primeiro en acceder ao estudo a mediados de decembro. Nunha carta enviada o luns ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, Tarabella pide agora unha reacción das institucións ao informe pero tamén finiquitar as conversas, e con elas, o TTIP. "Por boca dos propios norteamericanos, os europeos non temos moito que gañar. Este estudo vén dicirnos que debemos cesar as negociacións con EUA para non sacrificar nin a agricultura nin a cidadanía europeas", di.

O Partido Socialista belga, xunto cos seus colegas franceses, votou en contra do informe de opinión do TTIP en xullo, provocando un cisma na bancada socialista do Parlamento Europeo.


Tres escenarios

O Departamento de Agricultura de EUA utiliza tres modelos de simulación "para medir os efectos do TTIP en tres escenarios". O primeiro é o de eliminar as restricións arancelarias e as cotas conservando certo grao de protección en cada lado. Con el, as exportacións estadounidenses aumentarían (segundo un cálculo a partir de datos de 2011) 5.500 millóns de dólares, sete veces máis que no lado europeo (800 millóns). "As exportacións agrícolas europeas caerían un 0,25% fronte a un aumento de importacións na UE do 0,5%", destaca o informe, que apunta á carne de vacún e as materias primas como as principais exportacións de EUA, fronte ao aceite vexetal e o queixo ao lado europeo. "A UE impón aranceis máis altos ás importacións que Estados Unidos, o que explica os maiores beneficios para EUA", sinala o texto.

O segundo escenario propón a eliminación de todas as barreiras, incluídas as "comunmente impostas no comercio agrícola como as medidas sanitarias e fitosanitarias que axudan a mellorar a seguridade alimentaria pero que supoñen barreiras técnicas específicas" ás exportacións. Trátase de barreiras non arancelarias que afectan á carne, os campos de cultivo, os legumes e verduras, a froita, entre outros aspectos.

Con este segundo simulacro, as exportacións de EUA a Europa crecerían até case 10.000 millóns de dólares, fronte a 2.000 millóns para o lado europeo. Para Washington, o produto máis exportado neste suposto sería a carne de porco. Para a UE, a froita e as verduras. "O aumento das exportacións bilaterais entre ambas as rexións en materias primas e mercadorías non comportaría con todo un aumento da produción", advirte no entanto o informe. En termos xerais, as importacións na UE superarían as exportacións.

Para o eurodeputado Marc Tarabella, "as conclusións son inapelables"

O terceiro escenario é o de eliminar unha serie de medidas non arancelarias moi limitadas e "podería levar aos consumidores a optar por produtos elaborados domesticamente fronte ás importacións". Aquí o informe non se atreve a dar números concretos pero asegura que "as ganancias por exportación serían moito máis baixas para EUA e para Europa", dando a entender que os beneficios serían insignificantes.

Para o eurodeputado Marc Tarabella, "as conclusións son inapelables". "Por unha banda, o sector agrícola europeo sería o gran perdedor deste intercambio. Por outro, os europeos poderían sufrir mesmo efectos negativos". "Os desequilibrios en canto aos beneficios son astronómicos e os prezos dos produtos estadounidenses irían á alza", denuncia.

A ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, en Vilalba © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.