Un novo crédito de 55 millóns evita a quebra de Pescanova

Sede central de Pescanova © El Diario

A administración concursal de Pescanova e a banca acredora avanzaron este luns o acordo que permitirá explorar as cada vez máis escasas posibilidades de continuidade da compañía galega. As negociacións iniciadas pola mañá deste luns por Deloitte e os bancos que acumulan o groso da débeda culminaron pola tarde co preacordo, pendente de pechar os seus últimos detalles, para a concesión dun crédito adicional de 55 millóns de euros que permitirá afrontar o pago de nóminas e os gastos máis urxentes. Ou o que é o mesmo: evitar a quebra do xigante do sector pesqueiro.

A negociación cos acredores permitiu constatar a vontade da banca española atrapada na crise de Pescanova de evitar a liquidación, polo menos a curto prazo, do grupo empresarial, segundo informaron fontes da compañía aos representantes dos traballadores. Deloitte, o administrador concursal designado pola Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), negociou as condicións dun crédito que, ademais de liberar o pago das nóminas, facilitará o cumprimento de compromisos con provedores de filiais no estranxeiro, principalmente de Arxentina e Chile, e deixa para unha seguinte fase o refinanciamento dunha débeda que supera os 3.300 millóns de euros.

Nese refinanciamento desempeñarán un papel relevante nunha negociación aparte os bancos portugueses que lle permitiron en 2009 á empresa que presidía Sousa embarcarse na errada planta acuícola de Mira

O acordo que agora se pecha está condicionado á súa consideración como débeda privilexiada, para priorizar o seu cobro en caso de liquidación do grupo empresarial. As negociacións realizáronse con representantes de Banco Sabadell, Banco Popular, Bankia, Novacaixagalicia Banco, CaixaBank e Deutsche Bank, principais damnificados pola xestión realizada polo equipo que presidía desde hai máis de 30 anos Manuel Fernández de Sousa. O diñeiro só se poderá destinar a gastos correntes que eviten o cesamento inmediato da actividade de Pescanova.

Nese refinanciamento desempeñarán un papel relevante nunha negociación aparte os bancos portugueses que lle permitiron en 2009 á empresa que presidía Sousa embarcarse na errada planta acuícola de Mira, unha operación que tamén atrapou o Goberno do país veciño, que subvencionou o complexo con 43 millóns de euros. Caixa Geral de Depósitos, Banco de Espírito Santo, Millennium BCP e o Banco Portugués de Investimento reclaman agora 335 millóns de euros cos que Sousa impulsou a que ía ser a primeira granxa de cría de rodaballo do mundo, situada en Portugal ante a negativa da Xunta, entón presidida polo PSdeG, de facilitar a ocupación de 357.000 metros cadrado de Rede Natura en Cabo Touriñán (Muxía).

A noticia foi acollida con satisfacción polos traballadores de Pescanova, que aprazaron as mobilizacións previstas para este mes de maio como mostra de boa vontade

Para facer fronte ao novo crédito de 55 millóns, Deloitte afrontará a venda de activos da compañía, nunha operación que se incorporará ao plan de viabilidade. A noticia foi acollida con satisfacción polos traballadores de Pescanova, que aprazaron as mobilizacións previstas para este mes de maio como mostra de boa vontade. "Tras a substitución na dirección do grupo, ao ser apartado Sousa da presidencia, produciuse un cambio radical na xestión da compañía, agora hai unha canle de diálogo e un plan de futuro", sinala Francisco Vilar, secretario da Federación Agroalimentaria de Comisións Obreiras de Galicia. Os sindicatos están á espera de coñecer o plan de viabilidade da compañía e o seu impacto nun persoal de máis de 10.000 empregados, 1.500 deles na provincia de Pontevedra, para resolver se retoman as mobilizacións.

Os movementos no consello de administración denotan que os datos que afloran desde a substitución non son precisamente bos

A concesión dos 55 millóns de euros constitúe a primeira boa nova tras a sucesión de desastres á que asisten os traballadores de Pescanova. O último, a posibilidade de que o equipo directivo que encabezaba Manuel Fernández de Sousa, apartado da presidencia polo xulgado que xestiona o concurso de acredores, non só ocultase débeda, senón tamén perdas operativas, unha información que a CNMV non quixo confirmar nin desmentir. Pero os movementos no consello de administración denotan que os datos que afloran desde a substitución non son precisamente bos.

Tras case 40 anos de lealdade absoluta primeiro ao cofundador da compañía José Fernández e despois ao seu fillo, Manuel Fernández de Sousa, García marcha pola súa perda de confianza

Nas últimas dúas semanas producíronse dúas dimisións de conselleiros relevantes. O primeiro foi o ex presidente de Banesto e de Unión Fenosa Antonio Basagoiti, un do cinco membros do consello que votaron en contra da solicitude do concurso de acredores proposto por Sousa. A outra, quizais máis discreta pero posiblemente máis simbólica, produciuse o 30 de abril, pero coñeceuse varios días despois. Trátase do abandono de Jesús Carlos García García, un histórico de Pescanova, á que se incorporou en 1964. Tras case 40 anos de lealdade absoluta primeiro ao cofundador da compañía José Fernández e despois ao seu fillo, Manuel Fernández de Sousa, García marcha pola súa perda de confianza "á vista dos últimos acontecementos".

Sede central de Pescanova © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.