Unha empresa non sempre ten carta branca para deslocalizar seccións ou postos de traballo, ou para trasladalos a outra cidade buscando unha centralización da xestión. Unha sentenza do Xulgado do Social de Ourense vén de botar abaixo os plans de Adolfo Domínguez de levar a Madrid a súa sección de comercio electrónico (e os seus seis postos de traballo), que opera dende o polígono de San Cibrao das Viñas e que rexistra importantes beneficios económicos. O xuíz cre que a medida non está xustificada e impedirá a súa realización. O pasado 27 de xuño a empresa remitíralles aos traballadores afectados unha sinxela comunicación informándoos do traslado a Madrid e dándolles apenas un mes de prazo.
A sentenza sinala que "a conveniencia organizativa empresarial non é causa suficiente para non respectar un contrato celebrado para prestar servizos nun lugar distinto"
A sentenza cre que a medida non estaba xustificada e sinala que "a conveniencia organizativa empresarial non é causa suficiente para non respectar un contrato celebrado para prestar servizos nun lugar distinto, senón que haberá de indicarse, cando menos, por que o contrato inicialmente celebrado resulta antieconómico ou non operativo, e iso xustifica a súa alteración substancial". Neste caso non se producía esa motivación económica.
A empresa argumentaba que o obxectivo era crear unha "unidade produtiva autónoma". Porén, o xuíz non atendeu esta xustificación, ao entender que os traballadores simplemente realizarían o mesmo lugar nunha oficina distinta, e que o seu centro de traballo orixinal tamén seguiría en funcionamento. O fallo conclúe que "do que se trata é dunha deslocalización, dentro da mesma empresa, dunha parte da actividade, pero cuxo funcionamento non parece que poida considerarse autónomo".