Máis Praza para 2017

  • Editorial

Praza.gal está a piques de chegar aos seus primeiros cinco anos. En case media década foron millóns as persoas que visitaron as nosas páxinas para leren máis de 13.000 noticias que xa publicamos.

Dende o primeiro día marcámonos o reto de publicarmos un xornal plural, innovador e de calidade. Elaborado por profesionais que traballen en condicións dignas para achegaren unha visión ampla e comprometida do país e do mundo, tanto dende a redacción do xornal como dende o plantel de xornalistas que elaboran colaboracións puntuais con nós.

O noso traballo susténtase coas empresas e institucións que confían en Praza.gal para espallar a súa publicidade. Sen elas a nosa sostibilidade económica sinxelamente non existiría. Pero, sobre todo, o sustento de Praza Pública son as 350 socias e socios que, coas súas achegas económicas, tanto as periódicas como as puntuais, fan posible que unha media dunhas 8.000 persoas lean Praza.gal de balde cada día.

Hai máis que contar e para facelo precisamos máis mans. Máis xornalistas que poidan dedicar a súa xornada laboral completa a traballar con nós. Para logrármolo cómprennos 150 socias e socios máis

Hai máis que contar e para facelo precisamos máis mans. Máis xornalistas que poidan dedicar a súa xornada laboral completa a traballar con nós. Para lograrmos ese obxectivo cómprennos 150 socias e socios máis. Só con ese apoio podemos ir máis alá, chegar ata onde agora os nosos recursos non nolo permiten.

É por iso que, ás portas do noso quinto aniversario e dunha época na que moitas persoas pensan en facer agasallos, nos atrevemos a facer un convite. Que o xornalismo de Praza.gal forme parte dos teus presentes de Nadal, do Apalpador, dos Reis, de Papá Noel... De quen ti consideres. Adaptámonos ben a todos eses visitantes ilustres!

É moi posible que coñezas alguén a quen lle gusta o xornalismo de Praza pero aínda non decidiu ou non puido facerse socia ou socio. Podes facelo ti, que sexa parte dos teus agasallos de Nadal

É moi posible que coñezas alguén a quen lle gusta o xornalismo de Praza pero aínda non decidiu ou non puido pasar pola nosa páxina de achegas e facerse socia ou socio, comprometer un apoio puntual ou mensual que, dende 10 euros, nos permita contar máis. Podes facelo ti por el ou ela! Alén diso, se xa es socia ou socio, pode ser un bo momento para ampliares a túa cota ou realizares unha achega extraordinaria antes de fin de ano. Viríanos moi ben para planificarmos o 2017 e, ademais, antes do remate do ano conta con vantaxes fiscais.

Se, unha vez que decidiches agasallar o xornalismo de Praza, queres completar o presente cun libro, un xogo de mesa, un filme... Podes aproveitar que estás diante da pantalla e ollares primeiro na Tenda de Praza, con milleiros de artigos que podes ter na casa en poucos días, listos para agasallar. No caso de que procures unha experiencia especial de lecer para ti ou alguén que coñezas, na web dos Plans de Praza tamén atoparás opcións ben interesantes. En ambos casos a túa compra vale dobre, porque o que adquiras estará axudando ao sostemento económico de Praza.gal.

Queda moito país, moito mundo por contar, e só podemos facelo contigo. Haberá máis Praza no 2017 se ti o queres así. E se agasallas hoxe o xornalismo de Praza teralo contigo cada día. Moitas grazas e moi boas festas!

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.