O exilio caribeño dun emérito bribón

  • Editorial
Juan Carlos de Borbón, chegando á entrega duns premios náuticos en Sanxenxo CC-BY-SA Xunta

Seguindo a pauta de aproveitar determinados momentos nos que a opinión pública baixa a guarda, o primeiro luns de agosto a Casa Real difundía a carta “privada” pola que El-Rei emérito Juan Carlos de Borbón decide marchar “fuera de España, alegando o incremento da presión derivada de “ciertos acontecimientos pasados de mi vida privada”.

As variadas posibilidades xeográficas deste exilio cautelar acabáronse concentrando este 4 de agosto nun país de clima caribeño, caracterizado por ter sido o escenario dunha das ditaduras latinoamericanas máis sanguinarias do século XX. É de agardar que a República Dominicana outorgue hospitalidade e calidez aos paseos náuticos da súa Maxestade emérita; grazas ás vantaxosas tributacións dun país incluído na lista gris dos técnicos da Facenda española, é de agardar tamén que Juan Carlos de Borbón poida gozar do patrimonio persoal amasado ao longo dos 39 anos de reinado.

Porén, o pretérito monárquico é cada vez máis imperfecto, e probablemente o será máis o seu futuro.

Perante a imparable aparición de evidencias que poñen de manifesto a persistencia, reiteración e gravidade dos comportamentos corruptos de Juan Carlos de Borbón, é imprescindible preguntarse a que obedece a política activa de impunidade que o Estado español lle brinda con tanta teimosía

Por moito que a oligarquía do réxime do 78 teime en manter a Juan Carlos de Borbón á marxe de calquera esixencia de responsabilidade (xurídica ou política), as cada vez máis grosas evidencias de comportamentos delitivos reiterados por parte do Xefe do Estado durante o período 1975-2014 fixeron estoupar xa o ferreño culto á personalidade do campechano

As investigacións da Fiscalía do Tribunal Supremo apuntan á existencia de graves delitos económicos polos que Juan Carlos pode e debe ser sometido a procesamento penal, aínda que sexa nese foro privilexiado que é o Tribunal Supremo, un agasallo inconstitucional, este do aforamento, co que o goberno de Mariano Rajoy compensou a perda da inviolabilidade constitucional tras a súa abdicación.

Obviamente, o feito de marchar á República Dominicana non pode impedir que Juan Carlos de Borbón compareza cando sexa requirido polo Tribunal Supremo, sequera sexa porque hai tratado de extradición penal en vigor entre a República Dominicana e España.

Perante a imparable aparición de evidencias que poñen de manifesto a persistencia, reiteración e gravidade dos comportamentos corruptos de Juan Carlos de Borbón, é imprescindible preguntarse a que obedece a política activa de impunidade que o Estado español lle brinda con tanta teimosía ao cidadán Juan Carlos de Borbón. 

Coroación de Juan Carlos de Borbón perante as Cortes franquistas tras a morte do ditador, en 1975 © RTVE

Dúas son as cuestións relevantes neste sentido.

A primeira é a impavidez coa que o Réxime do 78 continúa a defender ao seu Xefe do Estado por antonomasia, que herdou a xefatura do Estado de Franco para exercela durante 39 anos, antes de traspasarlle o  negocio a seu fillo. Unha cousa é a “gratitude por décadas de servizo a España e aos españois”, tal e como se pode ler no preámbulo do Real Decreto publicado no Boletín Oficial do Estado do 19 de xuño do 2014, que creou sen nengún tipo de habilitación legal ou constitucional a figura do Monarca emérito para manterlle toda unha serie de privilexios, e outra moi distinta é a protección garantida desde o Estado para manter a Juan Carlos de Borbón á marxe da Lei. En especial da penal (e da civil, nomeadamente das accións de determinación da paternidade).

Trátase dunha atitude politicamente nefasta e irresponsable. Que o xefe dun Estado se dedicase durante 39 anos a cobrar -presuntamente- comisións e facer de ligazón entre as empresas e o BOE non é o verdadeiramente grave, pois a existencia desa bisagra é consubstancial ao propio capitalismo hispano e mesmo internacional, e aí reside boa parte da tolerancia, e mesmo da complicidade, da oligarquía verbo do Emérito. O realmente grave é a vergoñenta cobertura institucional e política que lle presta a tal persoa un réxime e unhas institucións presuntamente sometidas ao imperio da Lei. Sinxelamente, a corrupción coñecida, tolerada e encuberta do Xefe do Estado emérito contamina ao conxunto do sistema político, económico e institucional dos últimos 45 anos, e dalle unha natureza ilícita. Inxusta.

A corrupción coñecida, tolerada e encuberta do Xefe do Estado emérito contamina ao conxunto do sistema político, económico e institucional dos últimos 45 anos

A segunda cuestión relevante son as iniciativas políticas que deben adoptarse perante a imparable corrosión da lexitimidade política da monarquía borbónica. É imprescindible é que o actual Goberno de España elimine as honras vitalicias concedidas a Juan Carlos de Borbón, simplemente porque é un escarnio grotesco que un presunto corrupto mereza a honra de ser denominado “Rei” ou “Maxestade”. 

Alén do anterior, é inaprazable abrirmos un debate público profundo sobre a xustificación que pode ter no 2020 a existencia dunha xefatura de Estado hereditaria, cuxa lexitimidade política provén –non o esquezamos nunca– dun golpe de Estado, dunha guerra e do exterminio sistemático dunha parte da poboación do Reino.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.