Perante as eleccións xerais máis galegas da historia

  • Editorial
CC-BY-NC-SA Praza.gal

A piques de rematar a campaña electoral das eleccións xerais convocadas para o vindeiro domingo 23 de xullo, é momento de facer balance de situación para as nosas lectoras e lectores.

Todas as proxeccións e estimacións de voto publicadas coinciden en situar ás forzas de dereita e estrema dereita (PP e Vox) ao borde da maioría absoluta (176 escanos). Un escenario estremadamente desacougante que, de confirmarse, suporía non só un retroceso en termos democráticos para o conxunto do país, senón unha derrota histórica do primeiro goberno de coalición de esquerdas a nivel de Estado tras a ditadura franquista. 

As forzas progresistas galegas están chamadas a mobilizar todo o seu potencial electorado durante o 23 de xullo se queren evitar o terrible escenario da chegada de Feijóo á Moncloa coa mesma receita coa que gobernou en Galicia e a permanencia de Rueda en San Caetano

Un goberno de coalición que, malia os seus erros (o cambio de posición sobre Marrocos, a xestión da Lei Orgánica 10/2022, de garantía Integral da liberdade sexual), ten no seu haber numerosos acertos: a boa xestión da pluralidade política e nacional do Reino de España nunhas Cortes xerais fragmentadas, a razoable unidade de acción do goberno malia as inevitables tensións competitivas entre o PSOE e Unidas Podemos, o afrontamento da pandemia de Covid-19 con rigor sanitario e sensibilidade social, o reequilibrio das rendas salariais e a defensa da clase traballadora (velaí a reforma laboral, a suba do salario mínimo interprofesional, ou a revalorización das pensións), o reequilibrio da inflación tras o pico da guerra de Rusia contra a Ucraína, a boa marcha dos indicadores macroeconómicos, a existencia dunha política seria de transición ecolóxica e climática, a inequívoca defensa da muller fronte á violencia de xénero, a sensibilidade feminista transversal ao conxunto da acción pública...E todo isto, nun escenario disruptivo, moi difícil, onde a pandemia do período 2020-2021 foi sucedida polo amplo impacto da guerra ucraína en toda Europa.

Estamos perante as eleccións xerais máis galegas da historia. Quen candidata á presidencia do Goberno do Estado polo PP volve ser un galego; mais, á diferenza de Mariano Rajoy, cuxa vida política madura transcorreu sempre en Madrid, o candidato Alberto Núñez Feijóo foi presidente da Xunta durante 13 anos, con catro maiorías absolutas consecutivas (2009, 2012, 2016 e 2020). Non é un galego en Madrid; é un presidente galego invicto, tratando de gobernar España coa mesma receita coa que gobernou Galicia. Ao longo da campaña, Feijóo puxo de manifesto que o seu proxecto político para España non é outro que o que desenvolveu en Galicia neses 13 anos: gañar eleccións a base de medias verdades e falsidades completas (especialmente, as dirixidas a “matar” persoalmente ao adversario político), botarlle a culpa de todo á oposición, gobernar cun férreo control dos medios de comunicación, facer políticas favorables aos intereses económicos, sociais e culturais das elites españolas...e desresponsabilizarse do resto.

Estas eleccións serán tamén o segundo intento do Partido Popular de Galicia, tras as eleccións municipais do 28 de maio, para reforzar o apoio electoral da súa “Feliz Gobernación” cara ás autonómicas do vindeiro 2024 (ou do outono do 2023, en caso de adianto electoral).

Así as cousas, as forzas progresistas galegas (BNG, PSdeG, Sumar) están chamadas a mobilizar todo o seu potencial electorado durante o 23 de xullo, se queren evitar o terrible escenario da chegada de Feijóo á Moncloa, e a permanencia de Rueda en San Caetano. 

E aínda que, en democracia, todo voto individual é útil en canto expresa libremente unha preferencia política única e intransferible, será responsabilidade do electorado decidir en cada caso cal ha de ser a papeleta máis útil para evitar un triunfo das dereitas, á vista do impacto previsible das regras de asignación de escanos en cada circunscrición, por causa do método D´Hondt. Coa reserva que merecen as enquisas e proxeccións electorais publicadas, algúns datos poden axudar a facer mellor esa valoración persoal.

Tras as eleccións locais, o PSdeG foi facendo os seus deberes con desigual resultado. Os seus dous escanos pola Coruña e Pontevedra, e o escano por Ourense e Lugo danse por consolidados, mais nestas últimas provincias dispútase un segundo escano co Partido Popular. En particular, o segundo escano por Lugo é obxectivo estratéxico de Ferraz, tendo en conta que por ese escano pelexa o que todo apunta será vindeiro candidato á Xunta de Galicia polo PSdG, o renacido Gómez Besteiro, co apoio explícito de Pedro Sánchez (que até foi rebautizado como galego no mitin do 20 de xullo en Lugo). Os resultados de Lugo serán, neste sentido, unhas primarias para valorar a solidez da proxección política de Gómez Besteiro cara ás galegas.

Sendo este o panorama, non hai motivos para o desánimo nin para nihilismo. Ao contrario. Todos os votos son útiles e necesarios para defender o país, e defender a democracia fronte ás súas ameazas

Pola súa parte, a organización sucesora de Unidas Podemos, Sumar, leva dando mostras de éxito na súa tarefa de “salvar o partido” –e o goberno– á esquerda do PSOE. As proxeccións de voto poñen de manifesto que Yolanda Díaz, a ministra mellor valorada do Goberno, é a peza imprescindible para lograr que a parte minoritaria do goberno de coalición poda capitalizar en votos os resultados da súa xestión. Nunha campaña sen erros, a ferrolá –por certo, primeira galega candidata á presidencia do Goberno– fixo os deberes: todo indica que Verónica Martínez obterá escano por Pontevedra, e é moi probable que Marta Lois obteña tamén acta na circunscrición da Coruña. Sexa como for, grazas a estas eleccións xerais, Sumar evitará “nas dez de últimas” a definitiva desaparición do capital político construído polo “cidadanismo” apartir do 2012, e estará presente nas vindeiras eleccións autonómicas galegas.

Parece claro tamén que o BNG dobrará os seus escanos. Aínda que as enquisas previas non lle dan ao BNG a satisfacción das altas expectativas (o grupo parlamentar, o voto útil en clave galega) manexadas na casa nacionalista (probablemente, expectativas ligadas á posibilidade de que Yolanda Díaz lograse ou non reter agora o voto obtido por Unidas Podemos no 2019), o BNG consolida o escano de Néstor Rego, e gañará probablemente a acta para Carme da Silva por Pontevedra. As posibilidades de tirar actas por Lugo e Ourense semellan, no entanto, máis complexas.

Sendo este o panorama, non hai motivos para o desánimo nin para nihilismo. Ao contrario. Todos os votos son útiles e necesarios para defender o país, e defender a democracia fronte ás súas ameazas. É por iso que desde Praza Pública animamos a todas as nosas lectoras e lectores a exerceren o vindeiro domingo a responsabilidade do seu voto, coa consciencia de estarmos nun momento crítico, que exixe a mobilización de tod@s @s demócratas galeg@s de esquerdas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.