Praza e eldiario, unha nova etapa

  • Editorial
Praza, o xornal da Galicia que vén CC-BY-NC-SA Praza Pública

Vimos de celebrar o oitavo aniversario de Praza.gal. Na liña do que vos avanzamos hai poucas semanas, abordamos o comezo deste noso noveno ano con novas ideas e novos proxectos no marco dun intenso panorama informativo. Tamén con algunhas mudanzas no horizonte.

Un deses primeiros proxectos foi o lanzamento de TEMAS, os monográficos para socias e socios de Praza.gal cos que afondamos na análise pausada do que sucede no país e no mundo, contextualizando os feitos e fuxindo da última hora permanente que, ao noso xuízo, é unha das principais ameazas actuais para o xornalismo e, daquela, para a cidadanía á que nos debemos. Ao tempo, TEMAS é tamén unha aposta por profundarmos na relación coas socias e socios, indispensables, coma sempre, para o sostemento económico da redacción de Praza.gal e o seu futuro crecemento.

Praza.gal e eldiario.es terán de agora en diante unha nova relación, xa establecida de mutuo acordo e marcada como ata agora pola colaboración, pero con termos diferentes aos destes anos

No que atinxe ás mudanzas, unha das primeiras será unha nova relación con eldiario.es, o xornal cuxa edición galega a redacción de Praza veu editando dende finais de 2012, uns meses despois do noso propio nacemento. Dende hai algún tempo, eldiario.es está a traballar nunha reformulación xornalística e empresarial desa edición galega no marco dos seus plans de expansión. Concretarase proximamente coa conformación dun equipo xornalístico e comercial de seu, alleos a Praza.gal.

Praza.gal e eldiario.es terán de agora en diante unha nova relación, xa establecida de mutuo acordo e marcada como ata agora pola colaboración, pero con termos diferentes aos destes anos tanto no eido xornalístico como no comercial. Dende a nosa aposta por fortalecermos Praza.gal como xornal independente, plural e en galego, saudamos o enriquecemento do ecosistema informativo nun contexto no que, como subliñabamos no editorial do noso oitavo aniversario, resulta imprescindible -se cadra, máis ca nunca na historia da autonomía- velar pola pluralidade informativa e situar en primeiro plano ese medio país que en múltiples instancias é obviado para facer como que non existe.

Dende a nosa aposta por fortalecermos Praza.gal como xornal independente, plural e en galego, saudamos o enriquecemento do ecosistema informativo nun contexto no que resulta imprescindible velar pola pluralidade informativa e situar en primeiro plano ese medio país que en múltiples instancias é obviado

Dende a nosa preferencia polas arterias por riba das fronteiras, aproveitamos tamén estas liñas para responder con claridade algunhas preguntas que nos chegaron por diferentes vías nos últimos días a respecto destas mudanzas. A primeira resposta é sinxela: Praza.gal mantén a súa estrutura xornalística e económica e os seus plans de futuro intactos, na liña do trazado a finais do pasado ano, tal e como sucede cada doce meses. Sempre, coa convicción de medrar sobre bases sólidas que só poden ser tal se implican condicións laborais dignas para cada membro do equipo. Para facelo, como nestes oito anos e como en todos os que virán, o apoio das socias e socios resulta indispensable, o mesmo que a confianza das empresas, entidades e institucións que confían en Praza.gal como soporte publicitario.

Como vos diciamos hai pouco, o noveno ano de Praza.gal está cheo de cousas por contar. Dispoñémonos a seguir facéndoo da vosa man.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.