Marco Topo é un xogo de exploración educativo pensado para que as familias con nenos e nenas de Lugo e de fóra do concello realicen visitas autoguiadas, mentres descubren información e curiosidades. Leva 3 anos de andaina, formando parte da oferta turística de 40 destinos e museos de toda España, sendo o de Lugo o primeiro de Galicia.
Este venres unha festa infantil que se celebrará no Vello Cárcere servirá para presentar o seu xogo Lugo Muramiñae. Este xogo está composto por un mapa, e xunto a un dispositivo con acceso a internet, dá a oportunidade de descubrir a cidade superando probas e preguntas que convidan a explorar Lugo e investigar a súa riqueza cultural, histórica e paisaxística. Trátase dunha nova acción que vén de incorporar a estratexia DUSI de Lugo, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
A aventura, en galego e castelán, inclúe un percorrido marcado cun itinerario que establece 12 paradas informativas en 12 puntos de interese: Parque Rosalía de Castro, Muralla de Lugo, Praza de Pío XXI, Catedral, Porta de Santiago, Porta Miñá, Sala de exposións Porta Miñá, Camiño Primitivo, zona verde do Pazo de Feiras e Exposicións, río Miño, Ponte Romana e Termas Romanas.
Ademais, o xogo propón varias probas en lugares emblemáticos de Lugo, guiados polas personaxes de Marco Topo, caracterizado de romano, e a súa irmá Marta Topo. Para xogar a Marco Topo só fai falla conseguir, de xeito gratuíto, este mapa que repartirá o propio Marco Topo e introducir o código que figura nel na páxina web www.marcotopo.com.
A festa de presentación no Vello Cárcere comezará ás 17.30 horas e nela haberá unha xincana, talleres de pintacaras de Flopis, unhas simpáticas criaturas amigas súas; reparto de globos e un photocall, entre outros. Tamén se realizará un taller de debuxo para inventar o Flopi propio de Lugo, Dusidín. Os creadores de Marco Topo elixirán ao gañador deste taller, que recibirá unha tablet de agasallo.