Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de abril

CC-BY-SA Diego Giráldez

ABRIL

SEMANA 1

Kenia non sabe a París

Mortos en África. Nenos con moscas. A xente en África acostuma a morrer. Mentres tes o telediario de fondo, o natural é que alí a xente apodreza. Vivos mortos. Abril arrancaba cun asalto yihadista na Universidade de Garissa (Kenia) que deixaba preto de 150 asasinados. Pero “isto non vai ter repercusión porque non mataron a ningún branco”, dixo un supervivente dos charcos de sangue. Sangue vermella. Kenia segue alí. Cambia de canle. Crea un hastag que disimule que Kenia, todo indica, non sabe igual que Charlie Hebdo.

Fuxan os lentos

O partido de Rosa Díez comezaba a se descompoñer na Semana Santa. Incluso durante o Domingo de Resurrección. Candidatos de aquí bulían para subirse a Ciudadanos de cara ás municipais. Candidatos galegos, quero dicir, “en el sentido más peyorativo de la palabra”.

SEMANA 2

Dixeron que foi a photo finish da Guerra Fría

Un día viñeron os Harlem Globe Trotters ao pavillón municipal do Porriño. Cando baixaron do autobús, decateime do importante que é para un norteamericano un chándal. Transmitían un poder imparable. En Latinoamérica, o uso dos chándales é distinto. Alí o táctel de coloríns ten connotacións políticas. (Aquí, porque somos así, tan só o visten os ionquis e as señoras con problemas de colesterol). O sábado día 11, Obama e Raúl Castro reuníanse durante unha hora en Panamá. De traxe. Dende que Eisenhower e Batista se rozaron no 56 -cando Obama aínda non nacera- Cuba e Estados Unidos non se sentaran a soas. Ninguén sabe como rematará esta historia pero todo apunta a que Fidel iría a ese encontro vestido de Adidas.

Galeano e Grass

“Eu creo que nacimos fillos dos días. Cada día ten unha historia e nós somos as historias que vivimos”, reflexionou Galeano un día ao uso. O luns 13 morría o uruguaio deixando as ventas tan abertas como as venas de América Latina. Esa mesma mañá finaba tamén Günter Grass.  Macabra coincidencia. En fin, literatos...

SEMANA 3

Rodrigo Rato

No ano 2005, un amigo e máis eu fumos convidados a dar un paseo romántico da man dun parlamentario galego polo edificio do Congreso. A cousa rematou nunha cea con varios deputados nun asador madrileño. A sobremesa foi longa; aínda que pareza que non, un parlamentario dá moito de si. Este era do PSOE e Zapatero levaba uns meses no poder. O procurador en Cortes, tranquilo, fumaba un puro. Cando lle preguntei “quen era o membro do PP ao que máis temían enfrontarse nunhas eleccións xerais” respondeu con claridade: “Rodrigo Rato, é o mellor”. Menudo cabrón, atinou de pleno. 

Listas electorais pechadas

Nesta “vai xente das parroquias moi válida”. Naqueloutra “o presidente do clube de patinaxe, din que arrastra xente”. “Espera… Outro carallo…! Cando fixo Fita un módulo de mecatrónica industrial?”. “Mira, nesta vai un virachaquetas”. “Estes dous non estaban imputados por corrupción?”. “A Ramiro tiveron que poñelo con Photoshop, leva tres meses ingresado”. “Esta está ben, é de xente honrada”. O luns día 20, de madrugada, pechábanse as listas electorais. Agora toca esperar a que o buzón se ateigue de material para papiroflexia antes de consumir o voto no colexio electoral con toda a forza do mundo. 

Sufrirán

Esta foi a semana na que Cospedal dixo que o PP traballara moito para “saquear” o país, na que se descubría que un descuartizador de Majadahonda tiña familia en Sarria, e na que Sito Miñanco saía do cárcere sen permiso para pisar Galicia. Todo apunta a que os tres sufrirán morriña.


SEMANA 4

Portugal tem

Entre as calçadas das ruas de Portugal há mais praias do que nas de París de 68. Há areia fina e romántica, liberdade elegante e vermelha. Delas saem poemas ao jeito de sinais emocionantes. O 25 de abril cumpria quarenta anos e os corações brindaram con ginjinha. O mundo encheu-se de cravos limpos, dos que não enferrujam nunca.

Emprazamento

É importante que todos acudamos en masa. Non debemos deixar que os que van nolo conten. Sería un erro histórico.  Suxerídelle á xente que se achegue para que todo funcione. É preciso que os que vaian por primeira vez estean convencidos de que exercer ese dereito é produtivo. Se tedes algún problema, haberá autobuses para carretarvos dende o centro. O Festival de Cans celébrase do 20 ao 23 de maio. Desculpen, mais non sabía como escribir esta peza de xeito que non parecese un anuncio intencionado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.