Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de maio

O patio de maio © Iago Sánchez Losada

Maio

Semana 1

Volve o domingo electoral

O 3 de maio sabiamos oficialmente que volveriamos votar, que habería un novo domingo electoral. Para min case todos os domingos son aburridos, ata que o vermú decide facer efecto. Son xornadas tristes, de paseos en familia, de empurrar un columpio mentres comes pipas. Por iso, os sábados de reflexión compro nécoras (co permiso de Ana Cermeño), porque sei que ao día seguinte avecíñase un domingo distinto. Un domingo electoral. Compro marisco para celebralo aínda sabendo que, como todos os domingos do ano, a peor sensación vén pola noite: cando caes na conta de que ao día seguinte –os luns  son días despois- volves ao de sempre. “A xente debería votar aos mesmos que votou en decembro; exactamente aos mesmos. Que se fodan”, escoiteille dicir a non sei quen. 

Pon esas transparencias

Dende hai uns anos, a Xunta está obrigada a facer públicos os movementos sexis de cada un dos seus departamentos. Tamén os contratos menores. Publícanos para borralos pasada unha semana, como quen lanza un chío do que arrepentirse polo que dirán. “Transparencia porque nos obrigan, pero que non se pasen. Ou a ver que carallo é isto”. Algo así. Pero este xornal cazaba para sempre algunhas das publicacións deses contratos antes de seren fumigados. Nelas quedaba claro que os cartos públicos repártense a dedo. O dedo, esa modalidade eficaz de masturbarse.    

E agora que?

Esta semana o Banco Central Europeo decidía sacar de circulación o billete de 500 euros. A ver que fago eu agora con todo isto!

Semana 2

Un par de botellíns

Podemos e Izquierda Unida asinaban que concurrirían xuntos ás eleccións chocando un par de birras. Un par de cervexas de cristal que sitúan a Iglesias máis preto de cumprir os seus desexos e a Garzón a piques de poñerse unha coleta postiza. Foi estrano velo berrar, un par de segundos despois, o “Si se puede” do partido morado. Notábaselle abducido, coma os que aseguran que fixeron o amor cun extraterrestre. Hai veces que unha soa cervexa se sube, sen querer.

O novo

O PPdeG ten novo secretario xeral. Miguel Tellado, chámase. É de Ferrol. “Será o Iniesta do PPdG”, dixo del Feijóo. Ás poucas horas do seu nomeamento, Tellado acudía a un dos faladoiros televisivos cos que colabora para acusar ao bipartito de “impoñer o galego”. Lo que mola es el bilingüismo harmónico. Sempre se volve ao bipartito aínda que sexa coa fronte marchita. 

Semana 3

O século XIX

Juan Rosell, presidente da CEOE, afirmaba que iso do traballo “fixo e seguro” é un “concepto do século XIX”. É doado falar así cando se fai dende o balcón da burguesía -un concepto moi decimonónico, por outra banda-. Vexo a Rosell vivindo no XIX, calzando botíns brancos de piqué e bastón, con greñas románticas, sentíndose cómodo aí, sabendo que os dereitos dos traballadores retrocederon un século.

O embargo ao PP

Mentres as enquisas lle daban mellores resultados que nas eleccións de decembro, a Audiencia Nacional dáballe ao PP un prazo de 10 días para pagar unha fianza de 1,2 millóns de euros con ameaza de embargo. “Oye, chaval, ¿eso de los billetes de 500 cuándo empieza?”, escoitaron preguntar a un alto cargo a un dos do departamento de Administración.

Semana 4

Ciudadano venezolano

Albert Rivera visitaba Venezuela créndose Miguel de la Quadra Salcedo lanzándose á aventura pola conca do Orinoco. Crocodilos con chándal bolivariano, pijos de Naturhouse. En serio: é insoportable o cinismo dos que van por aí denunciando ditaduras mentres non soportan a presión de ter que denunciar as de aquí. “Las dictaduras tienen cierta paz y orden”, dixo Rivera ao volver, durante unha entrevista. Calculen o nivel.

Xocas

O mesmo sábado da final da Champions, Leiceaga marcáballe un gol aos de case sempre. Tamén na tanda de penaltis. O PSdeG non precisaba tanto un lifting xeracional como de mentalidade. Agora a ver de quen se arrodea. Non vale manter o de antes, como se fai sempre para non mancar sensibilidades e comités provinciais. Contra a naftalina vazquista impúsoxe Xocas, un tipo que pensa diferente, segundo din as bolsas de olleiras que leva sempre na cara.  Caballero e Vázquez intercámbianse os panos dos petos das súas americanas para limpar cadanseus mocos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.