Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de decembro

O patio de decembro (dende Hong Kong) Dominio Público Belén Fernández

Decembro

SEMANA 1

Arranque de campaña, estómago e ilusión

O mesmo día no que arrancaba a campaña electoral comiamos sushi sobre a mesa de reunións da oficina. Sushi preparado por unha compañeira que, ademais, é politóloga: combinación exótica. Mentres analizabamos o arranque de campaña, ela lembraba unha frase de Churchill: “Co espírito sucede o mesmo que co estómago: só pode confiárselle aquilo que poida dixerir”. E na mesma mesa de reunións, transparente, comiamos con “palillos xaponeses” un indeciso creativo, unha socialista emocional e un apoderado de Podemos. Eu comía con garfo. Ningún dos que alí estabamos sobrepasamos os corenta e comentabamos, uns máis ilusionados ca outros, que soportar esta campaña electoral era necesario. Co estómago cheo e tirando de Levogastrol para axudar a dixerir posibles resultados adversos, ninguén nos para. O estómago goberna o mundo.

O debate a catro

“Que guai se me convidaras a cear para ver xuntos o debate decisivo”, deixáballe caer el, tentando concretar un plan romántico. “Non. Eu non te molesto cando ves a final da Champions, ou si?”, negouse ela, rotunda. El marchou, cabisbaixo, disposto a comentar o debate con ela a través de whatsapp para poder colarlle, de cando en vez, emoticonos de amor. Ela apagou o móbil. El puxo “Resacón en Las Vegas”. Ao día seguinte, dende a cama, el tentaba subirse á moda de comentar o debate a catro e tecleaba con dignidade: “O que mellor estivo, para min, foi Rajoy”.  “Vai á merda”, respondeulle ela sentenciándoo.

 

SEMANA 2

Non me desampares

Cando Jorge Fernández Díaz rezaba o “cuatro esquinitas tiene mi cama” xa sabía que un “Angel de la Guarda”, civilizado e de boa familia, axudaríalle a ser Ministro de misa diaria. Esta semana presentóunolo nunha entrevista en La Vanguardia; chámalle Marcelo. “Se tivese un fillo homosexual, que?”, preguntáballe o xornalista na mesma interviú. “Procuraría exercer como pai”, respondía o Ministro. Menos mal que Marcelo, ese Anxo Custodio masculino e sen depilar, sempre está aí para axudalo nas tarefas importantes. Aparcar, por exemplo.

Seguían os reponsables de comunicación de Ciudadanos en Galicia tentando disimular aos seus candidatos logo de tantas meteduras de pata. Hai psicópatas que sofren menos á hora de agochar o cadáver

Disimulen a ese candidato

Seguían os reponsables de comunicación de Ciudadanos en Galicia tentando disimular aos seus candidatos logo de tantas meteduras de pata. Hai psicópatas que sofren menos á hora de agochar o cadáver. Descuartízano, méteno nun conxelador dun jalpón de Michigan e punto. De seguro que aos asesores ganas non lles faltarían. “Menos mal que Marta Rivera de la Cruz va por Madrid”, dirían os de aquí.

 

SEMANA 3

La última andorrana

Sempre que alguén compartía nas redes sociais “la última andorrana” pensaba nunha nova xogada da familia Pujol. Ao final era unha enquisa electoral prohibida que saía á luz cando non se debía, coma unha vedette vida a menos nun espectáculo de variedades.

Os que vivían na comodidade habitual do bipartidismo sofren o impacto

Eleccións xerais

Escoitei a tertulianos dicir que a xente votou con “cara de mala”, que deixou as urnas goteando sangue de carne fresca.  “Situación ingobernable. “España se rompe”. “Ya no somos Europa”. “Fíjense en la reacción del IBEX 35, fíjense”. Os que vivían na comodidade habitual do bipartidismo sofren o impacto. Pero a xente votaba e Rajoy gañaba as eleccións sen maioría suficiente; quen lle ía dicir a el, logo daquelas enquisas do CIS, que Ciudadanos se lle ía a quedar curto. E ao PSOE, Podemos, ou viceversa. Por debaixo, a Lei D'Hondt xogaba ao cinquillo. O Parlamento quedou coma un bar a última hora, coas cadeiras sobre as mesas e as cascas de cacahuete no chan. A xente é lista.

 

SEMANA 4

Xa na propia noite electoral, Núñez Feijóo notaba a suma fría nos pés. Sentía como a marea arrastraba ata a area as algas e as bolsas de plástico

Feijóo e as algas

Xa na propia noite electoral, Núñez Feijóo notaba a suma fría nos pés. Sentía como a marea arrastraba ata a area as algas e as bolsas de plástico. Aos poucos días, definía esa sensación como de “destrución do país, destrución da unidade das xentes”. Apocalipse e tal. A pesares dos malos resultados do PSdeG e Nós, a suma deixaba un certo arrecendo a xiro; a suma daría. O corte de dixestión definitivo dependerá da cordura.

O Rei austero

Se eu teño no meu piso un “Salón de los Espejos”, vostede tamén debería telo. Mire a ver. E máis un “Salón de Alabarderos”, con tapices de escenas bélicas, para ver o Celta-Dépor coas pantuflas sobre un escabelo. E, por descontado, un “Salón del Trono”, alicatado. O 24, Felipe VI lanzábanos o discurso tipo, entre paredes de panos de ouro e volutas, comentándonos que o “Palacio Real” é un edificio común.  É preferible un Presidente da Comunidade consensuado e votado a man alzada, fáganme caso; logo veñen os problemas coa caldeira. Mentres o Rei falaba, noutro Palacio madrileño, o de Cibeles, máis de duascentas persoas sen teito ceaban sopa de marisco sen máis medallas na solapa que as que poda salpicar un langostino.

 

SEMANA 5 

Mentres o Rei falaba, noutro Palacio madrileño, o de Cibeles, máis de duascentas persoas sen teito ceaban sopa de marisco sen máis medallas na solapa que as que poda salpicar un langostino

Loira de bote

En canto remataba a xornada electoral, Susana Díaz comezaba a abrir a cremalleira que perfila Andalucía no mapa. Como quen sae dunha tenda de campaña logo de botar un polvo, repta ata Madrid.

Ata aquí

O ano rematou e na roupa queda o cheiro a comida natural que os extractores cuspen polo patio de luces. Todo queda pegado á roupa do tendal: o pó das alfombras axitadas, a cinza dun cigarro a escondidas, a nostalxia dunha paixase capada e a lúa que entra dende arriba. Tamén as novas reinterpretadas no patio de luces quedan na roupa tendida. Xa arrecende a guiso recén feito, o 2016 está a punto.

 

O patio de decembro (dende Hong Kong) Dominio Público Belén Fernández

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.