Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de febreiro

CC-BY-SA Diego Giráldez

Febreiro


SEMANA 1

Eufemismos revisables

Coa crise, aprendimos que un rescate é, en realidade, unha “liña de crédito”, e que emigrar na procura de traballo, “mobilidade exterior”. Tamén que un crú desafiuzamento é un lixeiro “procedemento de execución hipotecaria”; abaratar o despido, “flexibilizar o mercado”; e un recorte, unha “medida estrutural”. Todo así. Agora, febreiro arrancaba coa sinatura dun Pacto Antiterrorista entre PP e PSOE no que formalizaban que a cadea perpétua será, aquí entre nós, unha “prisión permanente revisable”. Tamén aprendimos que o equipo asesor de Pedro Sánchez ten pinta de ser un novo eufemismo que os socialistas terán que asumir.

Galicia no mapa, sudadita

A Xunta deulle 300.000€ a Enrique Iglesias para facer o videoclip do seu último –que non derradeiro- tema dance. Gravaron unha rave party dentro mosteiro beneditino de Carboeiro para informar de que “hay calor en la bahía”, e tamén na Fervenza da Toxa. Dance, dance. E todo para situar a Galicia no mapa, disque. Fusión internacional. É doado maxinar a ese matrimonio de Michigan vendo o clip na televisión por cable. Ela, sobresaltada: “Mira, Steven, o tímpano románico do mosteiro de Carboeiro, en Silleda!”. “Oh, Susan, si! Temos que ir. Incluso podemos facer que a viaxe coincida coa Semana Verde”. “Pois si”.


SEMANA 2

Dous galegos na Lista Falciani

No arranque da segunda semana, desvelábanse os nomes de miles de presuntos defraudadores e clientes do HSBC Swiss Private Bank, de Xenebra. David Bowie, Tina Turner, Valentino Rossi, Elle MacPherson, o rei Abdalá II, un exsenador de Celanova e un maxistrado coruñés en excedencia compartían photocall. Non hai festa gastronómica na que non haxa un galego sentíndose unha celebritie infranqueable.

Hepatite C

Membros do colectivo de afectados pola Hepatite C asistían a un pleno do Parlamento Galego dende a tribuna de convidados. Dende alí, vían como o PPdeG rexeitaba unha proposta para asumir as súas demandas. Estouparon. Foron expulsados por chamarlles “asasinos” aos que decidiron votar en contra da súa saúde. Feijóo declaraba despois que “non son os deputados os que receitan”. Obvio. Tampouco son os doentes os que deberían ser expulsados dun Parlamento mentres os que insultan á intelixencia dos cidadáns quedan sentados.

Máscaras

Uns días antes do arranque do entroido, Pedro Sánchez fulminaba a Tomas Gómez. Foi esa mesma semana na que todos crimos que Uma Thurman fixera unha reconstrución da súa identidade e, ao final, tratábase tan só dun exceso de maquillaxe. Logo virían as imputacións de Griñán e Chaves.


SEMANA 3

A moza das perlitas

O ABC, en exclusiva, revelaba que Pablo Iglesias suspendeu a unha das súas alumnas por levar “perlitas”. Ela, María de las Mercedes, hoxe alcaldesa do PP en Redueña, aseguraba que o seu estilo é de Zara, de “gente normal”, que non encaixaba dentro do perfil de Iglesias e que por iso este suspendeuna tres veces. Tres. Hai bisutería máis rendible. Aínda que para perlas preciosas, desas que cegan, as de Bieito Rubido.

As explicacións de Monedero

O venres, Juan Carlos Monedero comparecía ante os medios para explicar as diversas informacións sobre o seu patrimonio e ingresos. Falou preto de dúas horas e presentou unha factura cursada pola súa propia empresa. O contrato non; como aquel de Pemex, tiña unha cláusula de confidencialidade. Botoulle a culpa ao “réxime do 78” e tirou de argumentario. El di que foi suficiente. Mentres, Montoro, que no 78 estaba doutorando, seguía a remexer con esa cara de malo.

#ONosoDerbi
O derbi galego gañábao o Celta. 0-2. O “Alfageme” segue intacto.


SEMANA 4

Rosalía moderna

O día 24 Rosalía cumpría 178 anos. Para a idade que ten, segue a ser un exemplo de que, se te coidas, podes chegar aí sen medicamentos. Ese día, cando os usuarios abriron Google para pescudar a actualidade, atoparon a Rosalía intacta e moderna. No Twitter inventábanlle o hastag #EusonRosalía e os timelines de Facebook ateigábanse de ducias de “rosalías” de múltiples xestos e cores. Á fin, foi para iso que Zuckerberg inventou esa rede social, para ligar con mulleres guapas.

O estado da Nación

Os columnistas circunspectos están decaídos: as listas das “máis lidas” dos diarios online din que a xente preferiu dixerir o debate clicando nas novas que recollían as anécdotas do pleno. Ler os discursos dos líderes resumidos en dúas frases. Rajoy dixo “patético”. Un deputado desmaiábase. Descubríase que Celia Villalobos é unha desas usuarias irritantes que convida a xogar ao Candy Crush pero que non bloqueas por pudor. O estado da Nación é gaseoso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.