Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de maio

Patio de luces CC-BY-SA Merixo

Maio

SEMANA 1

Monedero e a dimisión cursi

A principios de maio, Juan Carlos Monedero despedíase da dirección de Podemos. Sería a causa un exceso de burocratización do partido? Monedero é máis de Esquilache e de camisas de-cuello-Mao. Iso é certo, é un romántico. Por iso, para tentar evitar sospeitas, escribiulle a Pablo Iglesias unha carta que foi publicada nun diario dixital. “Para mi amigo Pablo”, titulábase. Unha carta cursi, como a dimisión dun profesor que, en calquera momento, atoparase nos libros de Ciencias Políticas para poder contarse a si mesmo.

Invítame a pecar

A última en marchar da sede de Génova sempre é a señora da limpeza. Cando todos rematan a xornada, ela, a media luz, espalla o Disiclín polos corredores. Desinfecta as fotocopiadoras. No peto da bata leva un pequeno transistor que usa para escoitar os faladoiros da radio. Aquela noite, Ignacio Escolar falaba dunha exclusiva do eldiario.es que desvelaba que Rosendo Naseiro declarara ante notario que o que mandaba na Caixa B do partido era Aznar. Hai poucas cousas que sorprendan menos que un extesoreiro do PP aparecendo de golpe. Máis tarde, ao pasar polo despacho do Presidente, no transistor da bata soaba Paquita la del Barrio:  “Invítame a pecar/ quiero pecar contigo/ no me importa pecar/ si pecas tú conmigo”.

SEMANA 2

Reparto de inmigrantes

A Unión Europea, ante o medo á entrada masiva de inmigrantes decidía que había que establecer cotas de chegada de persoas por países. Para ti, tantos. Ti recollerás tantos miles. Ti uns poucos menos. E así, como apoderándose do dereito da xente a ter a anguria que considere oportuna, repártense o marrón facendo das persoas gando e da Unión Europea un cortello descoidado.

Mortos de mentira

Á xente dálle igual que sexa primavera. Sempre morre

Á xente dálle igual que sexa primavera. Sempre morre. Desta volta, decidiron dar o paso BB. King, María do Carme Kruckenberg ou Manuel (de Lole y Manuel)… Así é todo, é moi posible que todo sexa mentira, como o da primeira vez que o home pisou a lúa e retransmitiu en directo Jesús Hermida. Son mortos de mentira, deses que, queiras ou non, quedan de pé.

SEMANA 3

Publicidade das Letras Gallegas

A Xunta de Galicia dáballe publicidade do “Días de las Letras Gallegas” aos diarios sensatos. A “Periodista Digital” de Alfonso Rojo, por exemplo

A Xunta de Galicia dáballe publicidade do “Días de las Letras Gallegas” aos diarios sensatos. A “Periodista Digital” de Alfonso Rojo, por exemplo.  En troques, non vin o rostro de Filgueira Valverde pestanexando entre os banners dos medios que, durante o todo ano, publican en galego ata os puntos e as vírgulas. Aí non porque, parafraseando á Thatcher, “van seguir facéndoo aínda que non os axudemos”.

Unha de terroristas

“Los presos de ETA quieren a Podemos en el gobierno”. Este foi o titular que provocou atascos importantes nos retretes de media España.

SEMANA 4

24 de maio

Foi un domingo electoral distinto. A resaca da reflexión non pedía Espidifén, non estoupaba a testa nin había náuseas que che golperaran por sorpresa. Todo acontecía amodo, coma un polvo longo e aburrido, incluso. E á noite, logo de que as israelitas refrescaran a pantalla, cadaquén vivía ao seu xeito o tanto por cento escrutado. A uns agretábaselle a pel, a outros as ganas. O PP perdía poder territorial, o PSOE soñaba con pactar cos que ata hai pouco eran populistas. O BNG caía. EU quixo arrimarse ao cambio. Case ninguén fala de UPyD. A uns os ollos rebordábanlles auga de mar; a outros colirio para disimular ante as cámaras.

Fútbol es fútbol

Rafael Louzán abandonaba a Deputación de Pontevedra. Joder, que gran dianteiro perdemos. Durante o seu mandato botou máis quilos de herba artificial nos campos de fútbol da provincia que visitas tiveron os videos do “Obama Gallego”. Botaremos de menos a Louzán, máis incluso que ao xefe de campaña de Sinaí Giménez.

Subiu a marea

En Compostela arrecende a mar e, por se fose pouco, o outro día escoitei a un futuro alcalde da Coruña falar galego nunha entrevista. Subiu a marea e a auga está lista para o baño. O dos cortes de dixestión a deshora era unha lenda urbana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.