Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de marzo

O patio de marzo © Carlos Pintos

Marzo

Semana 1

A investidura

A primeira semana de marzo, traía unha investidura capada; un debate “antimorbo”, coma un pixama de felpa que non permite o acceso á pel. O candidato Pedro Sánchez e Albert Rivera xogaban a ser un matrimonio fiel que non practica o sexo, que non se toca; Rajoy lanzaba un discurso insultante –“Muy irónico. Muy gallego”, analizaba un tertuliano- para logo chupar caramelos de menta contra a alitose no seu escano; Iglesias e Errejón, sabéndose en directo, medían os tempos e os xestos tirando de teledramaturxia. Todo estaba vendido. O debate remataba como rematan as malas películas de sobremesa: provocando sopor. A clase política dicíalle á xente, prostituíndo unha vez máis a súa soberanía, que en decembro votou mal, que para votar así mellor queden dentro da bata de casa. 

A bufanda asasina

Un afeccionado do Celta decidía rescatar do fondo de armario unha prenda vintage para acudir ao estadio: unha bufanda da peña “Celtarras”. Un segurata entendía que aquilo era “exaltación do terrorismo” e recriminoullo. Tentan cravar nos ósos da xente o límite do politicamente correcto, esa actividade diaria de obrigarnos a crer que todo o que facemos é indecente. Unha bufanda é unha bufanda igual que o fútbol é fútbol.

Semana 2

Fronteiras

Antes, cando ías mercar algo á feira de Valença cruzabas a ponte internacional con nervios. “Inspeccionaranme o coche?” dicía o pai de familia como se levase fardos de coca en vez de toallas e unha hamaca. Logo, Europa díxonos que desmontaban as fronteiras, que todos eramos un. Europa. Esta semana, de madrugada, a Unión Europea –premio Nobel da Paz en 2012- decidía fulminar o dereito internacional ao asilo e deixaba a decenas de refuxiados á intemperie, impotentes, en tendas de campaña sobre charcos, co nariz contra un valado, chorando lodo. Europa inaugura de novo fronteiras, liñas divisorias de indecencia. Ao mellor sería menos doloroso volver ao de antes, a que nos revisen os maleteiros e nos pidan un carné. Pasábanse nervios, mais sabiamos que era así e punto. Hoxe, que nos venden que Europa é uniforme e común, que nos drogan con expectativas de igualdade, as novas lindes humillan con máis franqueza ca nunca.

O “compi yogui” e os medios clásicos

Esta semana, eldiario.es descubría en exclusiva unha conversa a través de mensaxes de móbil dos actuáis reis de España con López Madrid, imputado no caso das tarxetas black. Conversa na que Letizia dáballe ao empresario –ao seu “compi yogui”- palmadiñas de ánimo nas costas. “Isto vai dar que falar”, dicían os que lían a nova no diario dixital. O curioso é que os medios tradicionais, os que chaman “grandes”, non quixeron facerse eco da nova, como fan cando calquera deles destapa un caso de corrupción. Os medios de sempre prefiren ver de refilón “aos pequenos” porque o do xornalismo serio e idependente xa non se leva.

Semana 3

E Besteiro caeu

A xuíz atribuíalle a Xosé Ramón Gómez Besteiro, hoxe exsecretario xeral do PSdeG, seis delitos no marco da “Operación Pulpo”. Xa estamos acostumados a este tipo de novas, mancan pero non impresionan. Agora o verdadeiro morbo destes casos é saber en que se gastan, co “supostamente” de rigor por diante, os cartos públicos. Neste tema en concreto, o auto fala de audífonos, lentes de contacto, de endodoncias e acupunturas, tratamentos homeopáticos e ozonoterapia. Mais de entre todas as cousas hai unha que provoca certa inquedanza: unha factura de instalación dun DIU liberador. O interesante desta historia será ver como se defende ante un tribunal se o do dispositivo intrauterino foi cousa de Besteiro ou de Cacharro. E así todo.

As negociacións 3.0

As negociacións para formar un goberno reactivábanse e, con elas, o baile de chíos e mensaxes de Whatsapp. “Vai falar vostede co candidato para chegar a un acordo?”. “Eu envielle un whatsapp e aínda non teño resposta”, contestaba un dos líderes indignado igual ca un noivo controlador que non recibe contestación a pesar do dobre check. O futuro de España depende de que alguén dea co emoticono axeitado. Lembren que un dos máis famosos é unha merda con ollos.

Semana 4

Obama no Caribe

Obama pisaba territorio cubano. Había preto de 90 anos que un presidente norteamericano non se deixaba salpicar polas ondas no Malecón. Rendiulle homenaxe a Martí na Praza da Revolución, discurseou no teatro habaneiro, saudou a disidentes e viu un partido de beisbol en directo. Botouse de menos a visita a Fidel que estaba na casa, dentro dun chándal eterno, taraeando en baixo: Aunque tú me has echado en el abandono, aunque ya han muerto todas mis ilusiones. Logo tocaron os Rolling.

Je suis…

Os atentados terroristas golpeaban Bruxelas, Paquistán, calquera lugar de África. En Siria todo continuaba igual. As flores e as candeas, corazóns disfrazados de belgas, ateigaban os timelines dos europeos. Tintín e Milú choraban. Je suis Bruxelles. Normal, no resto dos lugares golpeados a xente está acostumada a morrer así. Incluso saen de pasada nos informativos. Un antropólogo analizaba o asunto é concluía que era cuestión de empatía cultural. Se con iso quería dicir que uns asasinados valen máis ca outros, é mellor vivir destripado. Sen estómago.

Cruyff

Tanto os que entenden de fútbol como os que non, saben que Johan Cruyff levaba tempo formando parte da historia. Arsenio Iglesias xa o sabía no 94, cando, na batalla pola liga, o de Arteixo mandou un sopapo retranqueiro ao holandés, con ese acento: “Vexo ao Barcelona angustiado, como se non estivese ben dirixido”. E no seguinte partido, Riazor ateigouse de chupa-chups. Cruyff sempre deixou recordos doces.

Semana 5

Hai semanas así

Sempre hai semanas nas que alguén ten que renunciar a algo. Esta que pecha marzo é unha desas: César Alierta deixaba Telefónica, Pablo Iglesias renunciaba a ser vicepresidente e Mario Vargas Llosa decidía non convidarme á súa festa de cumpreanos. Hai poucas cousas máis valentes que asumir que non serás tratado coma un VIP.

Preguntas no aire

Hai un par de preguntas que marzo deixa no aire: por que os Gemeliers suspenderon o concerto na Coruña? Volverá Feijóo a ser candidato á Xunta?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.