Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de novembro

O patio de novembro © Isabel Machado

Novembro

Semana 1

Políticos orquestra

Antes era distinto. Aos políticos bastáballe con cubrir as canas con Farandol ou deixarse  apertar as meixelas por unha señora alporizada nun mitin. Bicar a un bebé, se acaso. Ultimamente, a menos dun mes das eleccións xerais, o gabinete asesor esfórzase para que o candidato aprenda, entre a visita a unha fábrica e un almorzo con empresarios, a coreografía de El Hormiguero. Pablo Iglesias cantaba por Krahe, Rivera de copiloto de ralli, Pedro Sánchez escalaba, Sáenz de Santamaría bailaba. O prime time é a nova plataforma para que os políticos dean a sensación de non ser políticos. Antes, para iso xa bastaba con deixar fuxir un bocexo no pleno do Parlamento e que, sen querer, saíse nun telediario.

Rompan filas

O ex Xefe Maior da Defensa durante a etapa de Zapatero, José Julio Rodríguez, incorporábase ás listas electorais de Podemos. Unha semana despois, o Goberno expulsábao do Exército por incumprir o “deber de neutralidade”. Que Pedro Morenés, actual Ministro de Defensa, recoñecera en marzo deste mesmo ano que tiña asinado 32 contratos coa súa antiga empresa (dedicada á fabricación de material armamentístico) dende que é titular deste ministerio, non ten nada que ver coa neutralidade. Será estratexia militar. Outra bomba das que quedan aí, sen estoupar.

Semana 2

Actores veteranos

Unha das películas que máis me entretivo nos 80 foi “Cocoon”. Un grupo de anciáns, todos actores veteráns, recobraban de súpeto a vitalidade logo de bañárense nunha piscina na que uns extraterrestres somerxeran movidas extrañas. Lembreime do filme esta semana, cando escoitei que o Consello de Contas do Estado tiña que redactar un informe sobre o asunto catalán.

París

Hai quen, cando chega a París, decide percorrer o “París de Amélie”. Presumir de comprender a Sartre. Visitar Disneyland. Xogar coa perspectiva para que a Torre Eiffeil quede na palma da man. Un selfie e un sorriso. A Gioconda no Louvre. Pasear para cruzarte con mortos recoñecibles aos que homenaxear cun minuto de silencio; con corpos aos que tararearlles a Marsellesa. Eses mortos son como de aquí. É lóxico que a brutalidade nos conecte. Logo está a guerra que queda lonxe e, no medio, moita xente aínda pola que chorar. E viu a guerra.

Semana 3

A guerra

Poucas horas despois dos atentados de París, aínda coas veas inchadas, Francia bombardeaba Siria. Como quen dispara bébedo logo de caer en depresión. Foi neste intre cando se constataba que todo continúa. Que a xeopolítica está trucada igual que unha escopeta de feira e que o poder esquiva as vías para rematar co terrorismo xusto antes de apretar o botón da guerra. Tamén que “por un mundo máis xusto”, Bush, Aznar e Blair conseguiron que ninguén fale xa do anticiclón das Açores.

Un ditador normal

O pasado 20 de novembro cumpríanse 40 anos da morte de Franco. Logo de catro décadas, aínda hai xente que ten fe no oxímoron de que Franco era un ditador civilizado. Un estadista de pro; un asasino mediocre, incluso. “No sé por qué le tienen tanta manía al Caudillo, era un señor normal”, comenta Pitusa ao saír da misa homenaxe a José Antonio. Hai persoas decentes que aseguran que non estamos para reabrir a cicatriz cando, en realidade, nunca estivo pechada. O problema é que hai políticos que chegan a gobernar un país e non son quen de condear publicamente que hai tan só 40 anos  -nos setenta- unha ditadura militar, asasinaba a garrote vil. “Quiero que ordenen llevar camisa azul a todos los que en su día la llevaron”, profetizaba Goytisolo nun verso.

Semana 4

“Adeus, Balbino”

Entereime do pasamento de Xosé Neira Vilas a través do Facebook de Alfonso Pato: “Adeus, Balbino. Vaise o ninguén máis egrexio da historia de Galiza”, escribía o colega dende París. A morte descontábanos a presenza dun imprescindible xusto un día antes do “Black Friday”. Sen Neira Vilas –aínda que Balbino quede aquí para sempre- somos máis probes.  E sen Oroza, e sen Chao Rego, sen xente así.

O Nadal chega sempre antes ca ti

Cando a finais de agosto, Pórtico montaba os escaparates de Nadal a xente comezaba a comprar o marisco para conxelar. De que o Nadal chegue antes tamén teñen a culpa os chiringos de praia que penduran o cartel “Hai lotería de Nadal”. E os alcaldes que dán orde de poñer o alumeado antes de tempo e os supermercados que fan pirámides de turrón reseso. Sexa como sexa, aínda que vos falte o valor para afrontala, desfrutade desta época de manta e resaca. De migas doces sobre a alfombra e calcetíns gordos. De balcóns kitsch porque as luces son dos chinos. Da cea de empresa antes da xornada electoral. Propoño unha emboscada para celebrar xuntos o Fin de Ano nun punto neutral: na casa de Bertín Osborne, por exemplo, que é a de todos.

O patio de novembro © Isabel Machado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.