Patio de Luces: As novas máis salientables (ou non) de setembro

O patio de setembro © José Manuel Barros

Setembro

Semana 1

A manifestación “irresponsable” de Vigo

Entre as preto de 200.000 persoas había case de todo: escoitábase berrar perfectamente aos ATS cabreados, aos sindicalistas de toda a vida e ás mulleres embarazadas. Había votantes do PP, bebés con síntomas, médicos e enfermeiros cun rumbo claro. Polas rúas de Vigo, a xente da cidade e a súa área metropolitana brindaba con vasos de solución salina por un hospital “Álvaro Cunqueiro” público e eficiente. Ao día seguinte, Feijóo dicía que a manifestación fora unha “irresponsabilidade”. 200.000 irresponsables. Moito culpable. Como o o rato que días antes da manifestación saúdaba á Conselleira de Sanidade dende un quirófano contaminado. 

Un neno na praia

A principios de setembro, o que se espera dun neno é que comece a arrenceder a plumier. A coloríns de Alpine e a gomas de borrar con babas. Que recolla os bártulos da praia e que mire con nostalxia o pasado estival para coller de novo o ritmo da monotonía. Aylan Kurd, un dos centos de nenos sirios que fuxen da guerra, tiña 3 anos e apareceu na beira do mar, aboiando morto nunha praia de Turquía, sen a posibilidade de saír ao recreo. A publicación desa imaxe molestou. Todos os nenos molestan.

Semana 2

Tractoradas

Os gandeiros prendían os seus tractores -decenas deles- para reinvidicar, en Lugo e Compostela, un prezo xusto para o leite e frear a crise do sector. Composteláns e lucenses, a pesar do entorpecemento que a iniciativa supoñía para a fluidez do tráfico na cidade, uníanse á causa mentres sufrían o caos dos embotellamentos. Eses días lin por vez primeira a Roberto Blanco Valdés, colaborador de La Voz de Galicia. Non lle facía tilín o da “tractorada”, preguntábase se “era lexítimo colapsar unha cidade”. Hai leite enteiro, semidesnatado e sen lactosa. Tamén hai leite que cando o colles do frigorífico, ao probalo, sabe rancio.

Patadas e cambadelas

Din que cando te ataca un león o eficaz é quedarse inmóbil. Fuxir dunha guerra é distinto. Faise por medo e por lóxica. Hai que correr. Menos os runners, que corren facéndose selfies, o resto dos mortais cando o facemos queremos intimidade. Os refuxiados cando corren non pensan nas cámaras porque van soñando co futuro. Esta semana, viamos a unha reporteira húngara meténdolle patadas e cambadelas aos refuxiados, cámara en man, como procurando un plano máis tráxico. Freándolle a carreira. “E a ela? Non a correrán a hostias?”, preguntaba un tipo que estaba ao meu carón, durante o café. “Non incites á violencia, Tonio”, díxolle un camareiro politicamente correcto.

Semana 3

Tradicións medievais

En Tordesillas as mulleres e os homes non agardan a verse espidos no leito, como na Idade Media.Avanzaron moito. O problema é que aos torneos de futbito, que organizan como calquera lugar civilizado, súmase outro que defenden por ser tradición medieval: matar un touro con lanzas. En Tordesillas, que teñen ambulatorio e non arriscan a curar as súas doenzas a base de sangrías. 

Felipe

Lembro ben aquel día de marzo do ano 2000 cando o Ministro do Interior británico liberaba a Pinochet alegando un mal estado de saúde. Ese mesmo día, o dictador subía a un avión cara a Chile, en cadeira de rodas, aparentemente demacrado. Ao baixar do avión, saltou da cadeira con certa axilidade. Lémbróo ben porque ao día seguinte, un bo amigo, tetrapléxico, díxome coa súa dificultade e a súa retranca habituais: “Diego, joder, lévame a Chile!”. Un ano antes, Felipe González declaraba a unha televisión chilena que él era “antipinochetista de toda a vida”. Esta semana o expresidente declaraba que “Pinochet respetaba os dereitos humanos máis que Maduro”. É obvio que Maduro non é unha princesa Disney, pero Pinochet, dende o principio ao final, foi un experto sanguinario. Por el cambio.

Semana 4

Paco Vázquez

O día que Paco Vázquez decidiu lucir un elegante pano de seda no peto da súa americana comezou a ser feliz de verdade. “Agora sí, Paco, agora si”, diría el diante do espello do probador. E a partir de aí comezou a ser esa emisión contaminante para o PSdeG, o seu particular Volkswagen. O 21 de setembro pediulle a Feijóo que cruzara Pedrafita “polo ben de España”. Paco Vázquez, ese dispositivo capaz de esquivar os controis.

Eleccións en Cataluña

A pesar de que o Consello Superior de Deportes asegurara días antes das eleccións que o Barça non xogaría a Liga se Cataluña chegara a ser independente; a pesar dun titular de El Mundo que dicía “El soberanismo catalán rompe la unidad de la Iglesia”, os partidos que defenden a independencia gañaban, en escanos, as eleccións. O plebiscito xa é outra cousa, en votos non. Artur Mas, agora tamén imputado por convocar a consulta do 9N, podería non ser investido Presidente da Generalitat. Todo semella sempre un avance da vindeira película.  Coming soon.

O patio de setembro © José Manuel Barros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.