Patio de luces: As novas máis salientables (ou non) do mes

Diego Giráldez, asomado ao patio CC-BY-SA Praza Pública

Dende este xaneiro, cada semana Diego Giráldez ollará dende este Patio de luces as novas máis salientables (ou non) do mes. Comezamos polo principio, asomándonos ao mes que se dispón a rematar.

Xaneiro

SEMANA 1

Hai tarxetas que caducan.

Cando hai cinco anos Sara González atopou as tarxetas de crédito no chan, vomitaba con mestría. Era bulímica. Utilizounas ilegalmente para comer e matar a ansiedade. Estaba enferma. Hoxe está mellor. Criou un par de fillos e conseguiu pagar as indemnizacións impostas por aquel delito menor. Pero este ano, para ela, arrancou mal: un Xulgado do Penal, e un erro dos avogados poderían enviala a prisión durante seis meses se non paga unha multa de 1.440 euros. O que gastaba un directivo de Bankia nunha noite de putas e flores tirando das tarxetas de crédito opacas, que non caducan. Sara solicitou un indulto, coma un corrupto afín.

Kalashnikov.

O xoves día oito, entre os adoquíns de París, colábase a tinta vermella que parodia o sangue fresco. E todo por ter como primeiro mandamento a sátira. Como Voltaire, que tamén era francés e blasfemo e un día decidiu que “cando o fanatismo gangrena o cerebro, a enfermidade é casi incurable”. Pois iso, que nin Zeus nin Manitú. É preferible tomar en serio tan só aos personaxes de ficción que estean catalogados como superheroes. Ao final, calculen a ironía, os que atentaron para paralizar unha revista foron abatidos nunha imprenta

SEMANA 2

Consellería de Efectos Placebos.

Os enfermos que colapsan os servizos de urxencias dos hospitais galegos teñen a culpa. E todo porque “o 70% dos cidadáns non se vacinaron contra a gripe”, dicía o xoves Rocío Mosquera, conselleira de Sanidade. Iso non llo di á cara a un colega meu, hipocondríaco, que dende que decidiu vacinarse agarra un gripazo anual dos de suar na cama con ouriñal ao carón. Para Mosquera, que as padiolas atasquen os corredores non ten que ver con que -como informou este diario- o SERGAS recortara 1.400 profesionais sanitarios dende 2009. Eviten coller gripes por enriba das súas posibilidades.

Coia, città aperta.

Esta mesma semana, na que a Juan Carlos I atribuíaselle unha nova “filla da Transición”, Abel Caballero comparaba a rotonda do barrio de Coia coa Fontana de Trevi. Ese mesmo día viron a Anita Ekberg lanzarse polo tobogán de DiSanremo, en Samil.

Santísimo Círculo de Sevilla.

A segunda semana de xaneiro remataba dun xeito tranquilizador: o líder de Podemos berrando en Sevilla que haberá Semana Santa. Menos mal, todos temos un traxe de costaleiro no fondo de armario ao que sacarlle o máximo partido.

SEMANA 3

O xuízo do electricista.

Hai tres garaxes na historia da arquitectura contemporánea que son emprazamentos clásicos: aquel no que Doc fabricou o DeLorean, o do chalet da exministra Ana Mato, e o de Manuel Fernández Castiñeiras, o “electricista da Catedral”. O que neles se garda, de súpeto, faise invisible para o resto. “Eu nunca vin feixes de billetes de 1,7 millóns de euros”, declaraba no xuizo a muller do ladrón confeso do Códice. “Non me sorprendeu que comprara vivendas porque aforrabamos moito, sobre todo el”, dixo con aires de Infanta. Algún día, Castiñeiras terá que devolver o condensador de fluzo.

Bárcenas e os colegas de módulo.

Na noite do xoves 22, Bárcenas saía do cárcere e erguía unha man con catro dedos. Era un xesto de despedida para os seus compañeiros do Módulo 4, prometérallelo. Coa man que lle quedaba solta dáballe a primeira labazada a Rajoy: “Le he hecho caso. He sido fuerte”. O extesoreiro dicía que estaba a meditar pedir a reincorporación no PP.  “Que monte un cos colegas que deixou en Soto del Real, os que tiña fóra non son de fiar”, reaccionou o camareiro ante un comentario dun tertuliano televisivo de moda.

A troika era un mito.

Durante un tempo, non se falou doutra cousa en Atenas: Afrodita púxolle os cornos a Hefesto con Ares. O marido, para vingarse, teceu unha rede na cama na que sabía que os ía atopar. Cando estiveron atrapados, Hefesto chamou aos deuses do Olimpo para que os viran espidos, aí, humillados. Gañou Syriza.

SEMANA 4

“Grecia non é España”.

Outra portada enferma de La Razón que se facía viral un luns. Voceiros de partidos que se desmarcaban do acontencido en Grecia e que antes chamaban “homólogos” aos líderes do “Pasok” e “Nueva Democracia”. Unha antiga foto de Tsipras con Lidia Senra rapidamente tuiteada por ANOVA. Demis Roussos gardado na recámara. Un F-16 grego estrelábase contra un hangar en Albacete. As novas do comezo da derradeira semana de xaneiro xiraban arredor de Grecia. Natural.

Feijóo virtual.

Esta semana, Feijóo anunciaba unha nova lei de transparencia “das máis avanzadas de Europa”. Ao día seguinte presentaba en FITUR un botafumeiro virtual. O artiluxio naif está pensado para atraer turismo, suponse que o botafumeiro virtual tamén.

Diego Giráldez, asomado ao patio CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.