Mariló Candedo coordina a obra colectiva na que unha decena de autores reflexionan e ofrecen "datos e argumentos" fronte ao "desmantelamento do servizo público de educación". Ofrecémosvos un adianto do primeiro capítulo e outro máis íntegro para descargardes. O volume preséntase este 27 de novembro ás 19:30 horas na sala de prensa da reitoría da universidade da Coruña (Rúa da Maestranza, nº 9)
A lexítima preocupación da cidadanía en relación coas distintas circunstancias que afectan ao sistema educativo, na súa resposta ás necesidades dunha sociedade cambiante e inmersa nunha profunda crise, está sendo aproveitada para xerar un estado de alarma social propicio á aceptación de medidas excepcionais. Estas accións, cuxa xustificación combina argumentos neoconservadores con necesarias doses de liberalismo, insírense nun contexto xeral de acoso e derrubamento dos sistemas de benestar social e dos dereitos individuais e colectivos a eles asociados.
1.1. Recortar, desprestixiar, privatizar: modus operandi das políticas neocon.
Asistimos á actualización de discursos e medidas ensaiadas noutros territorios, presentadas como evidencias obxectivas, propias do sentido común; elementos imprescindibles das políticas educativas que garanten a superación dos problemas educativos, con independencia do seu contexto singular de aplicación. As políticas executadas por parte da dereita conservadora no contexto galego, no conxunto do Estado, ou nos seus distintos territorios, reflicten os ditados de organismos económicos que, como a OCDE ou o FMI, posúen o control a escala internacional e engaden dous compoñentes idiosincráticos: a defensa ideolóxica de sectores como a Igrexa, que ve aumentados os seus privilexios e unha orientación fortemente recentralizadora, consonte ao seu modelo de Estado.
Todo apunta a que estamos diante dun cambio de modelo, que en boa medida se foi xerando con anterioridade á propia recrudescencia da crise económica, coartada perfecta para colocar verdadeiras cargas de profundidade nun modelo educativo que arrastraba algunhas pexas, mais que conseguiu logros indiscutibles en termos de igualdade de oportunidades e equidade social.
Asistimos á posta en escena dun guión destinado ao desprestixio do sistema educativo público, dos seus profesionais e mesmo dos seus principais destinatarios: o alumnado e as súas familias.
Asistimos á posta en escena dun guión destinado ao desprestixio do sistema educativo público, dos seus profesionais e mesmo dos seus principais destinatarios: o alumnado e as súas familias. Pervertendo as bases do pacto social que posibilitou a emerxencia e o desenvolvemento dos servizos públicos de cobertura universal, desde a Administración pública planifícase o seu desmantelamento, peza por peza. O modus operandi resulta ben identificable: comézase minando o seu prestixio e, simultaneamente, coutando recursos humanos e materiais, incitando reaccións de enfrontamento entre os distintos sectores da comunidade educativa para, finalmente, exhibir un modelo educativo renovado, do que se presume unha mellor calidade, e que, por tanto, debe ter outros custos. A educación como mercadoría, un espazo de negocio aínda por explorar, un obxecto de consumo sometido aos rigores dos mercados nunha sociedade crecentemente desigual.
Velaí a estratexia de demolición executada nos últimos anos, que soborda a mingua de recursos, cuxa descrición é obxecto de atención por Sonia Fernández neste libro, e que esixe deterse nos ámbitos máis afectados, albos declarados das coñecidas políticas de austeridade do Goberno galego na lexislatura anterior, con réplicas de distinta magnitude noutros territorios e máis tarde requiridas con carácter xeral polo propio Goberno do Estado, co pretexto de limitar o déficit.
Son as accións con repercusión directa na capacidade compensatoria da educación as que acusan os maiores recortes. A prensa diaria e distintos informes recollen as precarias condicións que impiden a moitas familias cubriren os gastos derivados da educación. Situacións que a comunidade educativa enfronta aplicando medidas paliativas sobre unha desfeita de proporcións difíciles de prever, ao vivirse moitas veces de maneira vergonzosa, agochando os efectos do empobrecemento. Porque diso se trata tamén; ao escatimaren recursos públicos e encareceren servizos educativos complementarios estase obrigando ás familias a un réxime de copagamento educativo, sen sequera nomealo. Aquelas que non poden facer o esforzo quedan fóra da cobertura educativa –sexa na etapa de infantil, con incidencia documentada na igualdade de oportunidades, sexa na universidade– e vense abocadas a enfrontaren as consecuencias da exhibición da precariedade, tal e como lle sucede ao alumnado que leva o xantar da casa, abandona as clases de reforzo, as actividades extraescolares ou os estudos universitarios. Mentres, as administracións educativas desvían a atención con medidas de curto alcance, amparadas nunha cínica e eufemística mercadotecnia, ou miran para outro lado, delegando nas anpas ou nos centros educativos a responsabilidade de garantiren unhas mínimas condicións de resposta que preserven a dignidade dos nenos e nenas e, no seu caso, os parámetros da saúde pública. No ámbito docente abundan as medidas que inciden na súa desprofesionalización, por moito que a Administración negue esta evidencia, amparándose nun concepto “líquido” ou case “gasoso” da calidade.
As administracións educativas desvían a atención con medidas de curto alcance, amparadas nunha cínica e eufemística mercadotecnia, ou miran para outro lado, delegando nas anpas ou nos centros educativos a responsabilidade de garantiren unhas mínimas condicións
A publicación do Real decreto lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito edu- cativo afondou nun camiño de difícil retorno, tanto polo fondo das medidas como polas formas elixidas: sen tramitación parlamentaria e invadindo competencias autonómicas, modificáronse aspectos substanciais de leis orgánicas chave, caso da Lei orgánica de educación (LOE) ou a Lei de universidades (LOU). As súas consecuencias colocan en situación de crecente indefensión amplos sectores da poboación cuxas expectativas de formación resultan fortemente truncadas.
Malia os chamamentos á austeridade, os recortes afectan en moita menor medida ao ensino concertado que, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística, rexistra un incremento dun 30% de fondos nos últimos cinco anos. Ademais, varias comunidades implantaron medidas para fortalecer esta rede: mediante a desgravación fiscal dos seus custos para as familias, coa cesión de terreo público para a construción de centros ou priorizando a autorización para situar centros concertados en localidades onde previamente non se autorizara oferta educativa pública. O nesgo na adxudicación de mellores oportunidades para a rede concertada nos programas estrela da consellaría –Abalar e as iniciativas asociadas ao plurilingüismo– supón igualmente unha estratexia de “descapitalización” do público en favor da rede privada-concertada. A resistencia ao cumprimento das sentenzas que impiden subvencionar os centros que segregan por sexo mostra como a escalada privatizadora é estratéxica, ao igual que sucede no conxunto dos servizos públicos que sustentan o sistema de benestar social, razón pola cal o anteproxecto da LOMCE pretende achegarlle a cobertura legal definitiva, aínda que isto supoña ceder fondos públicos a unha opción educativa moi minoritaria.