"O conflito está estancado". O comité de folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia valora así a xuntanza que mantivo este luns con representantes da Xunta nun novo intento por desbloquear a folga indefinida que paraliza os xulgados e provoca a suspensión de centos de xuízos e procedementos varios desde o pasado mércores. A reunión rematou sen acordo logo de que os sindicatos rexeitasen unha oferta de suba salarial que consideran "ridícula" e de que constatasen que "non hai movemento ningún" por parte do Goberno para solucionar a discriminación que sofren con respecto a outros compañeiros ao descontárselles o soldo por coller baixa.
O comité de folga ve "estancado" o conflito e a Xunta asume que as posturas están "moi distanciadas"
Sen avances neses dous puntos, os representantes dos traballadores prevén xa "un conflito longo" tras unha xuntanza na sede da EGAP na que os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e de Función Pública, José María Barreiro, constataron tamén que as posturas están "moi distanciadas" e advertiron que a nova oferta económica que este luns puxeron sobre a mesa "é a última".
A Xunta ofreceu aos traballadores unha suba de 15 euros mensuais para cada unha das categorías respecto da oferta anterior. Xa que logo, do incremento do complemento autonómico de entre 660 e 900 euros anuais, aplicable en tres anos e sempre a partir de 2019, pasou o Goberno a unha suba de entre 816 e 1.080 euros, aplicable ao 50% en 2019 e a outra metade en 2020. Con todo, non se aplicaría desde marzo de 2018, como reclaman os sindicatos, nin suporía chegar ás súas peticións, rebaixadas este luns un 18% e que supón un incremento anual e liñal de 2.700 euros.
"Baixamos a petición e demosramos que se alguén aquí quere negociar somos nós, pero a súa oferta é ridícula", advirte o comité de folga, que rexeita o ton ameazante da Xunta, que insiste en que non haberá máis ofertas. "Quedaron en chamar esta semana", retrucan os sindicatos.
Os traballadores reduciron nun 18% as súas pretensións económicas e a Xunta ofertou 15 euros máis ao mes con respecto á anterior proposta
Para a Xunta, a proposta do persoal segue "fóra da realidade". "Pídennos unha suba liñal que, fronte aos 270 euros de antes, suporía un aumento de 225 euros ao mes, o que significaría 2.700 euros ao ano. Isto en tres anos (e desde 2018), asegurou Martín, mentres que Barreiro cualificouna de "esaxerada e desproporcionada". "Parecen querer seguir coa folga, cos prexuízos que se causa á cidadanía", dixo o responsable de Función Pública.
Barreiro, ademais, insistiu nos ataques aos representantes dos traballadores que xa fixera noutras ocasións. Reprobou que o comité de folga —no que están representados os sete sindicatos do sector— rexeitase supostamente outras "melloras", como "o aumento de prazos", reforzar os xulgados de violencia machista ou as "melloras no permiso de paternidade ou maternidade". E fixo fincapé en que no comité de folga "só hai homes".
Función Pública acusa os sindicatos de rexeitar melloras na conciliación ou nos xulgados de violencia machista; "amosa ignorancia", responde o comité
Para o comité de folga, as súas palabras demostran "unha ignorancia supina" e supoñen, "unha vez máis" que os dous responsables da Xunta "non sexan válidos como interlocutores". "Os sindicatos levamos tempo reclamando máis medios para os xulgados de violencia de xénero, denunciando a falta de nomeamento de maxistrados, a necesidade de psicólogos... Pero esa reivindicación non está entre as que estamos negociando, senón que con elas levamos toda a vida", explican. "Estamos fartos de que se empreguen a conciliación ou a violencia de xénero como armas nun conflito", quéixase o persoal que lembra que na Xustiza "non hai diferenzas entre homes e mulleres". "O que pedimos, pedímolo para todos e para todas", insisten.
Alén disto, desde o comité tamén responden ás declaracións do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que acusou os traballadores de "facer reféns aos cidadáns". "Quen fai que os cidadáns teñan unha Xustiza de segunda categoría é a inoperancia deste goberno", rematan, antes de anunciar unha manifestación nas sete cidades galegas para o vindeiro xoves, así como outras mobilizacións reivindicativas nunha folga que este martes sumará o seu quinto día.