Cinco delegados sindicais da Administración da Xustiza en Galicia están a ser investigados e terán que declarar ante a Fiscalía e ante un xulgado de instrución por un presunto delito de coaccións tras diferentes mobilizacións e actos de protesta levados a cabo durante a folga que mantivo o sector case paralizado máis de tres meses. Son todos eles representantes dos tres sindicatos que nin asinaron o acordo que puxo fin ao paro nin negociaran o preacordo que dera lugar á consulta na que a maioría do funcionariado rexeitara a proposta da Xunta: Alternativas na Xustiza-CUT, STAJ e CIG. E ven nos procesos unha "campaña de persecución contra as centrais que non obedeceron a patronal".
Os cinco investigados son delegados das tres centrais que non asinaron nin o acordo final nin o preacordo coa Xunta
En concreto, no xulgado de instrución número 1 da Coruña investígase a delegada da CIG, Chelo Rodríguez, e o de AX-CUT, Javier Fernández, a quen se lles abrira un expediente disciplinario por parte da Dirección Xeral de Xustiza agora en suspenso logo de abrírselles tamén dilixencias previas tras a súa participación nun piquete informativo.
O caso é que ambos os dous sindicalistas. foron falar coa secretaria de Goberno durante un piquete informativo, segundo aclaran, e foi ela mesma quen presentou queixa ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que remitiu a denuncia á Dirección Xeral. Máis tarde, o propio xulgado abriu dilixencias previas por coaccións e o expediente foi suspendido ante un proceso polo que están chamados a declarar o 4 de xullo.
No caso de Pontevedra, a Fiscalía abriu dilixencias de investigación onde cita como investigados tres delegados sindicais por un presunto delito de coaccións tras o acontecido nas votacións levadas a cabo na capital provincial e en Vigo polo persoal da Administración de Xustiza o pasado 27 de abril. Concretamente, están citados o responsable de AX-CUT na Xustiza, Pablo Valeiras, e a súa compañeira Josefina Iglesias, da mesma central; e o representante do STAJ, Enrique Araújo.
As fiscalías de Vigo e Pontevedra abriron a investigación logo de que un sindicalista da USO presentase denuncia ante o TSXG
A Fiscalía de Vigo e de Pontevedra decidiron abrir a investigación logo de que un delegado do sindicato USO en Ourense presentase unha denuncia ante o TSXG na que achegou vídeos sobre o acontecido naquela tensa xornada nos locais de votación da provincia pontevedresa. No caso da Fiscalía de Pontevedra, foron chamados a declarar para o día 26 e están á espera do que se resolva das dilixencias tamén abertas en Vigo.
Os sindicatos afectados ven nestas investigacións e causas abertas unha "caza de bruxas por parte do Goberno galego e, en particular, do conselleiro Alfonso Rueda, que emprega a Fiscalía e un sindicato afín para perseguir". Para Pablo Valeiras, da CUT e en palabras a Praza.gal, "non hai dúbida" de que todo responde a unha "manobra" artellada desde a Xunta e repara no feito de que en ambas investigacións abertas "haxa representantes de AX-CUT". "Xa é casualidade", engade quen lembra que outros delegados xa foran multados por un acto en Pontevedra e que advirte do feito de que todos os agora denunciados pertenzan aos tres sindicatos que non alcanzaron acordo ningún co Executivo.
"É unha caza de bruxas por parte da Xunta e de Alfonso Rueda", din na CUT
Na rolda de prensa, que ofreceron este xoves en Vigo varios delegados do tres sindicatos, acompañados do portavoz de En Marea, Luís Villares, e o deputado do BNG Luís Bará, os demandados vincularon estes feitos a "unha cuestión política de reprender os que non obedeceron á patronal, neste caso á Xunta". "O motivo da represión é que para gobernos afeitos a usar o rodete (son) un mal exemplo" porque se negaron "a asumir o mandato", dixo Valeiras.
"É unha cuestión política de reprender os que non obederon á patronal, neste caso á Xunta"
Para Araújo, o obxectivo da Xunta foi sempre que non frucitificase un éxito que podía ser "un exemplo", polo que agora, "apoiándose nun sindicato amigo, SPJ-USO, o que quere é que acabe a folga como un mal recordo". "Non lle valeu só con asinar un acordo por detrás, un acordo malo, tanto que foi rexeitado pola maioría en votación.... Agora pretende apertar os demais sindicatos, os compañeiros máis activos nesta loita", dixo. "Non é unha casualidade, porque o propio Rueda dixo que houbera intimidación e tiña que haber denuncias", engadiu, logo que todos cualificasen de "mentira" as acusacións de que se impediu o voto.
Por outra banda, Chelo Rodríguez asegurou que o proceso é "unha persecución sindical" para que os traballadores permanezan "calados" e poder "estigmatizar" os sindicatos que non asinaron como "os violentos e os que nunca asinan". Xosé Barreiro, de CIG, agregou que "a represión sindical por parte da Xunta é moi clara, porque hai medios suficientes para non ter que chegar a este punto". Ante isto, advertiu que "a vía penal pode funcionar nos dous sentidos, está aberta para todos". "Aviso a navegantes, porque se cadra acaba indo declarar algún xefe de servizo ou o director xeral, e algún sae máis mal parado do que pensa. Non é ningunha ameaza, pero que saiban que a este xogo podemos xogar os dous", dixo antes de advertir de que probablemente se leven a cabo accións penais "para ir contra dos posibles responsables da administración".
Ademais, tanto En Marea como o BNG trasladaron o seu apoio aos sindicatos nestas reivindicacións e lembraron que a folga foi "histórica, exemplar, con seguimento masivo e unidade sindical". "O PP tentou entorpecer as mobilizacións, perseguir os traballadores e prolongar (o conflito) artificialmente porque non quería un acordo", dixo Vilares.
Pola súa banda, Luís Bará denunciou tamén a actuación da Xunta durante a folga e a "actual persecución dos sindicatos e do sindicalismo reivindicativo e rebelde, fronte a outro máis dócil e domesticado que lle gusta ao PP, para alimentar unha estratexia de amedrentamiento e escarmento".