A lei deixará de discriminar os pais que queiran poñer aos fillos o apelido materno primeiro

Un bebé, ao pouco de nacer Dominio Público Christian Abella

Primeiro o apelido do pai, despois o da nai. A inercia e a tradición patriarcal seguen en 2017 presentes na lei a través dunha norma que fai prevalecer o apelido do home sobre o da muller á hora de inscribir un fillo ou unha filla. Unha discriminación formal á que a entrada en vigor da nova lei do Rexistro Civil porá fin o próximo mes de xuño despois de pospoñer seis anos a súa posta en marcha.

Poñer o apelido da nai en primeiro lugar non é unha imposibilidade, pero si é algo suxeito a máis esixencias que ao contrario, dando por feito que o primeiro debe de ser o do home. O Código Civil prevé a posibilidade de que ambos "de común acordo" decidan "a orde de transmisión do seu respectivo primeiro apelido, antes da inscrición rexistral".

Na actualidade, poñer diante o apelido da nai require a autorización de ambos proxenitores, algo que non ocorre se o do pai vai primeiro

Con todo, "se non se exercita esta opción, rexerá o disposto na lei". O disposto na lei é o regulamento no que se fai patente a predominancia masculina e o que invalidará a lei que entra en vigor nos próximos meses, aprobada en 2011. "O primeiro apelido dun español é o primeiro do pai e segundo apelido o primeiro dos persoais da nai, aínda que sexa estranxeira", especifica.

Este enguedello lexislativo conduce a que, na práctica, "faga falta a autorización de ambos os dous proxenitores no caso de que se queira poñer o apelido da nai primeiro. Non ocorre así cando é ao revés", sinala un empregado do Rexistro Civil en Madrid. Por iso, Teguayco e a súa parella Marta non puideron poñelle primeiro o apelido dela á súa filla, que naceu en Santa Cruz de Tenerife.

A nai tivo que quedar ingresada e cando Teguayco acudiu á oficina do centro médico -agora permítese inscribir aos bebés nalgúns hospitais nun prazo de 72 horas- dixéronlle que a única alternativa era presentar unha declaración de ambos. Noutros casos, inscribindo o bebé nas propias oficinas do Rexistro Civil, pode pedirse que a nai acuda directamente a mostrar o seu consentimento.

3.000 primeiros apelidos maternos en 2016

Os rexistros oficiais contabilizan 3.000 peticións de anteposición do apelido materno en 2016 no Estado, segundo datos facilitados polo Ministerio de Xustiza. O que comparado co número de nacementos que se producen ao ano en España -420.000 en 2015- conclúe que o número de familias que acceden a esta opción é mínimo. "Creo que pesa moito aínda a cultura que temos. É algo que quizais podería ser mal visto nalgunhas familias paternas", opina Lourdes Jiménez, avogada experta en Dereito de Familia.

Tan só 3.000 parellas pediron antepoñer o apelido materno durante 2016 no Estado

"É un trámite molesto porque se esixe un requisito extra. Pero en casos como o noso é un impedimento importante, xa que coa nai ingresada perder tempo buscando un computador para redactar unha declaración e facer que Marta a asinase non era algo que me apetecese moito. Ademais, nin tan sequera sei se era posible facelo eu mesmo. En principio este tipo de declaracións hai que asinalas presencialmente ou facelo ante notario. Ambas as opcións eran inviables dada a situación", explica.

O prazo para inscribir un fillo ou unha filla no Rexistro Civil é de oito días que se poden ampliar a 30 por causas xustificadas. "Se a muller está enferma ou ingresada pódese presentar un documento do hospital e pódese pór a orde que se queira aínda que vaia só un dos proxenitores", aseguran fontes do Rexistro Civil.

Pero o descoñecemento e a falta de información claras fai que unha posibilidade que se permite desde 1999 non fose unha opción para Teguayco, que afirma ter claro desde o principio pór o apelido materno en primeiro lugar porque lles facía ilusión pensar que este pequeno detalle puidese servir para cambiar un pouco as cousas. "Sabemos que pode ser un detalle insignificante, pero queriamos que o mundo no que vivise a nosa filla fose un pouco máis igualitario e que non había mellor forma de facelo que deixándolle claro que as mulleres non teñen por que ir en segundo lugar".

Así será a reforma da lei

A partir de xuño deste ano a reforma da lei do Rexistro Civil, cuxo preámbulo fai referencia a que a norma "prescinde da histórica prevalencia do apelido paterno" co fin "de avanzar na igualdade de xénero", fará que ambos os proxenitores se poñan de acordo e asinen un documento de autorización -queiran pór o apelido dela ou del en primeiro lugar- que pode remitir ao rexistro calquera deles", aseguran fontes do Ministerio de Xustiza.

A reforma da lei do Rexistro Civil aclara que se "prescinde da histórica prevalencia do apelido paterno" co fin "de avanzar na igualdade de xénero"

No caso de que non se poñan de acordo ou cando non se indicou a orde dos apelidos, o encargado do Rexistro Civil requirirá aos proxenitores para que en tres días o comunique. Se non ocorre así, "o encargado acordará a orde dos apelidos atendendo ao interese superior do menor". Isto é: evitar malsonancias ao combinar o apelido co nome, carácter común ou non do apelido, por orde alfabética ou sorteo, aclara Xustiza.

A partir de xuño, ambos os dous proxenitores teñan que poñerse de acordo e asinar un documento para elixir a orde dos apelidos

A xuíza da Asociación de Mulleres Juezas Lucía Avilés celebra que o cambio estea a piques de producirse porque esta "é unha forma de manter a posición privilexiada do pai de familia e, de feito, a reforma chega moi tarde. Este é un dos supostos do Dereito no que se mantén a prevalencia do xénero masculino por razóns que non se plasman na lei, é dicir, son argumentos extraxurídicos, ideolóxicos", afirma.

A maxistrada apunta á cautela porque haberá que esperar ao regulamento que desenvolverá a lei e no que xa está a traballar o Ministerio de Xustiza. A Avilés preocúpalle que "o interese superior do menor" sexa unha forma de "abandonarse á inercia constante de pór primeiro o do pai. Algo así como 'se se fixo toda a vida é o que máis cómpre'".

Un bebé, ao pouco de nacer Dominio Público Christian Abella

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.