O ex director xeral da Mariña Mercante, José Luís López Sors, teimou en eximir de calquera responsabilidade os seus superiores, o Goberno ou a el mesmo pola catástrofe do Prestige e desta vez culpou a empresa holandesa Smit Salvage, contratada pola armadora do buque para o seu rescate, do "rumbo errático" do petroleiro, asi como de "maiores verteduras" durante o reinicio do xuízo que se celebra na Coruña.
"Afastar o barco foi o máis útil, o máis conveniente e o mellor desde o punto de vista de defensa da costa", insiste López Sors
Ademais, López Sors volveu defender que a decisión de afastar o barco foi "a máis útil, a máis conveniente e a mellor desde o punto de vista de defensa da costa" e teimou en que era o "menos daniño" para ela. O ex cargo de Fomento confirmou que se estudaran outras opcións, como levar o buque ao porto da Coruña, aínda que se descartou porque, segundo un informe do práctico, "era unha temeridade". Tamén explicou que se meditara introducir o Prestige na ría de Ferrol ou na de Ares, pero que "inconvenientes" de fondeo tamén o impediran. Ademais, precisou que nin tan sequera coa normativa actual "é obrigatorio meter o barco en porto refuxio".
O avogado da propietaria do Prestige acusa o Goberno español de "prefabricar un desastre" coas súas decisións
O avogado Santiago Zabaleta, defensa de Mare Shipping -propietaria do Prestige-, interrogou con dureza a López Sors, chegando a enfrontarse verbalmente con el sobre as decisións tomadas, a situación do buque ou as cantidades de fuel vertidas ao mar. Así, o letrado acusou o ex director xeral de levar o barco "ao corazón da tormenta" e de "prefabricar un desastre", tras cuestionar que houbese contaminación nas primeiras horas do accidente, como sostivo o ex cargo público para xustificar o seu afastamento.
Por outra banda, e a preguntas do avogado de Arco Iris, López Sors insistiu en que o día 14 había un risco "moi elevado" de que o Prestige embarrancase e asegurou que iso sería "tremendo" para a costa galega porque o barco "iría durante anos e anos soltando dosificadamente o fuel que levaba nas súas tripas".
Mentres, mostrou as súas dúbidas de que o barco puidese chegar á ría de Corcubión -unha das posibilidades expostas por algúns expertos- e reiterou que non se considerou esta opción nin houbo "ningunha proposta" respecto diso. Ademais, sostivo que o vento do suroeste "comeríase o barco en dous días".
López Sors acusa a rescatadora do buque por falta de "dilixencia"
Por outra banda, atribuíu a responsabilidade sobre o barco, desde a madrugada do día 15, á empresa holandesa Smit, especializada no remolque e asistencia de buques, á que acusou de falta de "dilixencia". "Veunos a mar de ben a todos, pero sobre todo a Galicia, que estes expertos actuasen unha hora despois de que o armador autorizase o uso de remolcadores", sinalou tras achacarlles un "atraso de 24 horas" na súa chegada á Coruña e facelo "sen ningún equipo", apuntou.
Ademais, argumentou que, cando esta empresa asume o control do barco, "é cando se produce o cambio errático, o cambio de remolcadores e o que produce maiores verteduras", sinalou Sors, quen apuntou que a Administración española se dedicaba neses momentos "a tratar de defender a costa española".
No entanto, a preguntas da avogada que representa, como acusación, á naviera Mare Shipping, María José Rodríguez, admitiu que as autoridades españolas fixeron asinar aos representantes de Smit, para ter o mando do barco, un documento no que se comprometían a mantelo a "non menos" de 120 millas da costa. Sors negou que con esa esixencia condicionasen o traballo para "salvar" o buque da compañía. Mentres, admitiu que, nos días posteriores ao 13 de novembro, lanzáronse ideas como a de "bombardear o barco", exposta polo entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez.