A recentralización do Estado tamén afecta á cooperación internacional

Presentación do III Plan de Desenvolvemento da Illa de Santo Antão, cofinanciado polo Fondo Galego. © Fondo Galego de Cooperación Internacional

A Axuda ao Desenvolvemento autonómica e local vese ameazada polos recortes orzamentarios e polo debate sobre se a actividade no exterior das ONGD debe estar xestionada polo Ministerio de Exteriores e polo Estado central.

As Comunidades Autonómicas convertéronse na diana de todos aqueles que avogan por recortar e centralizar o poder nunhas poucas mans 

As Comunidades Autonómicas convertéronse na diana de todos aqueles que avogan por recortar e centralizar o poder nunhas poucas mans. Se fai unhas semanas era Esperanza Aguirre quen falaba de devolver competencias transferidas ao Goberno central, fai xa meses que os que aniquilaron as partidas orzamentarias de Axuda ao Desenvolvemento xustifican a súa decisión en que a imaxe exterior do país debe ser coordinada polo Ministerio de Exteriores.

Segundo este discurso, a institución estatal debe ser quen xestione a cooperación internacional, pero nada se di das comisións exteriores de Industria, por exemplo, que moitas comunidades teñen no estranxeiro. Un pensamento que para as ONGD agocha máis nada que unha escusa para a súa política de recortes e que pouco teñen que ver coa eficacia dos proxectos.

“En época de vacas gordas ninguén cuestionaba que houbese accións para o desenvolvemento desde as institucións estatais, as autonómicas e as locais"

“En época de vacas gordas ninguén cuestionaba que houbese accións para o desenvolvemento desde as institucións estatais, as autonómicas e as locais. Ata fixeron ferramentas para apoiar esta necesidade nos Estatutos, con axencias autonómicas ou dando autonomía aos concellos”, comenta María Paz, compoñente da directiva da Coordinadora Galega de ONGD e responsable de Solidariedade Internacional Galicia. Unha realidade que xorde do activismo polo 0’7% e que grazas á implicación da sociedade civil se conseguiron asignar 22 Pactos contra a Pobreza (cinco autonómicos, dous provinciais e 15 municipais), chegando a converterse a Axuda ao Desenvolvemento descentralizada nun 12,55% da estatal (446 millóns de euros, segundo os cálculos da Coordinadora de ONGD España).


O valor engadido de ser complementarias

Todo isto resúmese en proxectos sobre o terreo con ONG moi específicas que achegan valor engadido e especialización. “Trátase de que cada un faga o que mellor sabe facer. As autonomías xestionan a Sanidade e Educación para os cidadáns de España, por iso son as máis indicadas para coordinar unha acción deste sector noutro lugar”, comenta María Paz. De feito, a cooperación descentralizada destina máis do 50% da súa axuda a proxectos de saúde, saneamento, auga, vivenda e seguridade alimentaria.

Hai condicións culturais que fan que unhas comunidades estean máis próximas a uns países ou colectivos que outras. “É o caso de Galicia cos países lusófonos, como varios dos países preferente para a Xunta”

O mesmo pasa coa pesca ou con condicións culturais que fan que unhas comunidades estean máis próximas a uns países ou colectivos que outras. “É o caso de Galicia cos países lusófonos, como varios dos países preferente para a Xunta”, indica Daniel González Palou, secretario Técnico do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que comenta que Alemaña “gasta miles de euros en tradutores en Cabo Verde” mentres que eles non o necesitan. “Galicia teñen unha entidade propia fóra de España que non debe perderse”, rematan dende o Fondo Galego.

 

A cooperación descentralizada conta con outra razón para existir: a sensibilización e a educación para o desenvolvemento. Ademais de estar máis preto dos cidadáns, as ONGD locais e autonómicas están máis preto dos recursos e as fontes, tanto públicas como privadas. Mentres que só o 10% dos fondos estatais para Axuda ao Desenvolvemento están xestionados por organizacións non gobernamentais, esta porcentaxe crece ata o 70% nas comunidades. Isto refórzase en moitas coas Axencias de Cooperación autonómicas, institución que non existe en Galicia. “Durante un tempo falouse de creala e estivo perfilándose, pero cos actuais recortes falar dunha axencia galega é un soño”, comenta María Paz.


Os recortes empezaron polos Orzamentos Xerais do Estado e continuarán coma se dun dominó se tratase nas autonomías, as deputacións e, finalmente, os concellos

Efecto dominó

Uns recortes que empezaron polos Orzamentos Xerais do Estado (e que continuarán coma se dun dominó se tratase nas autonomías, as deputacións e, finalmente, os concellos). Ben o saben desde o Fondo Galego, que aínda que non recibe subvencións nin do Estado nin da Xunta, xa sufriron un descenso das entidades doadoras. “A principios de anos deuse de baixa como socia a deputación de Pontevedra e en marzo, a de Ourense, ademais de concellos como Cangas, Guitiriz ou Castrelo do Val”, comenta o secretario Técnico do Fondo Galego, que aínda conta co apoio económico de 93 municipios e dúas deputacións. “Todo foi crecendo ata 2009, tanto en apoio económico como en número de municipios”, comenta González Palou, que asegura que o obxectivo da institución na súa 15º aniversario redúcese a “non ter máis baixas”.

Galicia é unha das comunidades que menos achega do Estado español -un 0’06% do seu PIB-

Debido a que Galicia é unha das comunidades que menos achega do Estado español -un 0’06% do seu PIB- , moitos dos proxectos das ONGD deben ser cofinanciados pola Xunta de Galicia e polos Estados nos que se vai actuar. É a chamada cooperación bilateral, que pese ao atraso burocrático que ás veces leva consigo, é unha forma eficaz de lograr que o proxecto sexa sostible e achegue resultados a medio prazo. Unha forma de cooperación que diferencia de novo a Axuda Oficial ao Desenvolvemento estatal da descentralizada.

En só tres anos, o Plan Director pasou a depender directamente do Presidente da Xunta, a ser unha Secretaria Xeral e, agora, a ser unha subsecretaría dentro dunha Concellería tan caixón de xastre como é Presidencia

Ademais da redución de ceros nos orzamentos, a cooperación descentralizada viu formas moito máis sutís de pór a cambadela: incumprimento de pactos, atrasando o pago de subvencións xa concedidas, negándose a abonar segundos prazos de proxectos xa en marcha, chegándose a pedir a devolución de fondos concedido e obrigando a paralizar as accións. Outro detalle da rebaixa que os Gobernos actuais fixeron á importancia que ten para eles a axuda ao desenvolvemento é a degradación que sufriu na xerarquía os departamentos que se ocupaban disto: en Galicia, en só tres anos, o Plan Director pasou a depender directamente do Presidente da Xunta, a ser unha Secretaria Xeral e, agora, a ser unha subsecretaría dentro dunha Concellería tan caixón de xastre como é Presidencia.

Presentación do III Plan de Desenvolvemento da Illa de Santo Antão, cofinanciado polo Fondo Galego. © Fondo Galego de Cooperación Internacional

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.