A violencia machista e o empoderamento das mulleres, eixes da manifestación do 8 de marzo

Imaxe da rolda de prensa celebrada este xoves © OitoMarzo GZ

Compostela acolle este domingo 5 de marzo a manifestación unitaria do feminismo galego, que este ano terá como eixos as violencias machistas e o empoderamento da muller, coa vista posta nas súas condicións laborais e acompañando a convocatoria -para este 8 de marzo- dun Paro Internacional de Mulleres, impulsado dende America Latina. O lema da marcha, Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita, recolle "o ánimo de xuntar esforzos e traballar en común na loita polos dereitos das mulleres e contra todas as manifestacións da violencia machista e contra o sistema heteropatriarcal".

A marcha terá como eixos as violencias machistas e o empoderamento da muller, coa vista posta nas súas condicións laborais e acompañando a convocatoria -para este 8 de marzo- dun Paro Internacional de Mulleres, impulsado dende America Latina

A manifestación, convocada por Batuke Feministas SCQ, Conas Ceives, Conclave Feministas Aleatorias, Fiadeiras, Marcha Mundial Mulleres Galiza, Mulheres Nacionalistas Galegas e Plataforma Feminista Galega, partirá ás 12 horas da rúa do Hórreo (fronte á estación de tren) e rematará na Praza da Quintana. Alí o manifesto (elaborado de xeito colaborativo polas entidades convocantes) será lido por tres mulleres de distintos lugares do país "cuxas historias e loitas representan ben a diversidade e forza do movemento feminista e das mulleres galegas". As lectoras serán Nélida Pisco, vítima de discriminación laboral en Autobuses de Calo (Compostela), Ángeles Fuertes, afectada polo conflito laboral de Linorsa (Ourense) e Pura Seoane, do Sindicato Labrego Galego (Pontevedra). O acto será conducido pola actriz coruñesa Isabel Risco. A marcha recibiu ademais as adhesións de varias ducias de organizacións políticas e sociais.

O texto lembra que no que levamos de ano xa foron asasinadas 15 mulleres polo terrorismo machista e destaca que "o feminicidio é a punta do iceberg, e baixo este feito extremo agóchanse toda unha serie de violencias e discriminacións machistas coas que pretenden construírnos como mulleres ao seu gusto", entre os que están "os mal chamados micromachismos", a "hipersexualización e cousificación dos nosos corpos", a desigualdade social e económica, a relegación ao traballo non remunerado dos coidados, así como a precariedade laboral, o acoso sexual nas rúas e nos traballos, a dispersión xeográfica, as dificultades de emancipación, o empobrecemento "e todos os obstáculos que temos para construír os nosos proxectos de vida".

"Os medios de comunicación e a sociedade xustifican e perpetúan actitudes patriarcais, chegando incluso a culpabilizarnos das agresións que sufrimos por parte dos homes polo mero feito de ser mulleres", denuncian e chámase a "tecer redes de apoio mutuo". "O heteropatriarcado quérenos submisas e caladas, pero nós levamos séculos berrando e loitando, e ímolo derrubar", conclúe o texto. Para axudar á difusión do evento na rede, proponse o hashtag #5MSonFeminista.

 

Imaxe da rolda de prensa celebrada este xoves © OitoMarzo GZ
Cartel da manifestación deste domingo © OitoMarzo GZ

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.