A Xunta dá un ultimato de tres días aos sindicatos. Terán ata o venres para decidir se aceptan a última proposta da Administración, rexeitada en votación polo persoal de Xustiza, logo da xuntanza que este martes mantiveron na mesa sectorial. De non recibir apoio, o Goberno galego di que se sentirá "liberado de calquera compromiso" para, xa que logo, aplicar esta última oferta, outra que empeore as condicións pactadas ou mesmo non facer suba salarial ningunha. Ademais, o Executivo mesmo dá a folga por rematada e anuncia que retirará os servizos mínimos, forzando os representantes sindicais tras un paro que supera os tres meses.
A Xunta dálles tres días aos sindicatos para acepten a proposta que xa foi rexeitada en votación ou podería non aplicar mellora ningunha
Foi, xa que logo, outro intento fracasado para poñer fin a unha folga agora suspendida --non desconvocada-- e a un conflito que vai camiño dos cen días. O ultimato foi explicado por Juan José Martín, director xeral de Xustiza, tras unha reunión dunha hora na que a Xunta presentou a mesma oferta que foi rexeitada na consulta e qeu supón un aumento de 140 euros máis ao mes para os médicos forenses, 135 para os xestores, 127 para o corpo de tramitación e 122 para auxilios, a aplicar en tres anualidades. Ademais, un plan de recuperación do traballo paralizado a elaborar co TSXG e coa Fiscalía e ao que poderían adherirse todos os traballadores do sector de forma voluntaria, teñan secundado ou non o paro. Tamén unha cláusula de revisión para manter os salarios por riba da media do resto de territorios do Estado.
A mesa sectorial volveu ser convocada para o venres. Se ningún sindicato se adscribe á proposta da Xunta, esta podería aplicar unilateralmente a súa oferta --a través do seu voto de calidade na mesa sectorial--, aínda que tanto o director xeral de Xustiza como o seu homólogo de Función Pública, José María Barreiro, rexeitaron "adiantar acontecementos" e apelaron a agardar. Ademais, Barreiro advertiu que "calquera posibilidade está aberta", mesmo a de "non aplicar" a súa oferta.
Alfonso Rueda dá por rematada a folga, que foi suspendida pero non desconvocada, e anuncia que se derrogarán os servizos mínimos
Antes da xuntanza, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, advertiu de que a folga "xa non está vixente e xa acabou" ao ser "interrompida" e mesmo avanzou que a Xunta procederá a derrogar os servizos mínimos, para os que, até o de agora, estaban reservados 775 funcionarios cada xornada.
Os sindicatos volven amosar as súas diferenzas sobre como resolver o conflito pero coinciden en criticar as formas da Xunta
O que fixo o ultimato foi volver mostrar as diferenzas entre sindicatos, aínda que todos critican as formas da Administración nesta última xuntanza. UGT, CCOO e CSIF prevén someter esta oferta á decisión dos seus afiliados, mentres que SPJ-USO, o maioritario, aposta por que falen os traballadores e decidirá axiña como facer. Por outra banda, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ advirten de que os traballadores "xa se pronunciaron" e xa dixeron "non" a esta oferta en votación.
Para Julio Bouza, de SPJ-USO, a Xunta comete un "importante erro" ao presentar a "mesma proposta" á que o persoal xa dixo non e critica, ademais, que "elimine" dela unicamente a posibilidade de levala a consulta entre os traballadores. En canto á CUT, o seu portavoz, Pablo Valeiras, denunciou que non hai "acordo ningún, senón imposición", lembrou a negativa expresada na consulta e deu por "vivo" o conflito tras instar de novo a negociar no comité de folga, "único órgano competente para negociar mentres a folga non sexa desconvocada".
"A Xunta trouxo a mesma proposta que levou a votación aquel infausto día e non variou absolutamente nada", indictou Manuel Díaz (UGT), quen precisou que a Xunta "se pecha a negociar", polo que o seu sindicato consultará aos seus afiliados. O que fagan o resto de sindicatos "é cousa súa", sostén. Desde a CSIF, pola súa banda, anunciaron que consultarán cos seus afiliados a postura a adoptar pero advertiron tamén de que "non hai ningunha canle legal para a suspensión" da folga, que "ou se desconvoca ou non". "E non está desconvocada", insisten.
"A Xunta quere acabar co conflito humillando os traballadores e os sindicatos", denuncia STAJ
Para Enrique Araújo (STAJ) é lamentable que a Xunta queira "acabar co conflito humillando os traballadores e os sindicatos" e insiste tamén en que o acordo ten que darse no comité de folga e en que a votación do 27 de abril "é válida". Desde a CIG, Óscar Freixedo cualificou de "fraude electoral e cacicada" o ocorrido na mesa sectorial e avanzou que o seu sindicato non está polo labor de "participar nunha manobra orquestrada". Para el, "a Xunta ten todo amañado con dúas organizacións sindicais" e "non se sabe se con catro", polo que CIG non participará no que ve "un esperpento e unha fraude de lei".
Ademais, Tino Novoa (de CCOO) ratificou que a Xunta "sorprende con máis do mesmo", criticou que os representantes da Administración sexan "tan cicateiros" e avanzou que este mércores consultará aos seus afiliados.