A Xunta de Galicia afirma non ter aínda claro se serán doce ou catorce as doenzas identificadas no programa de cribado neonatal. Na actualidade inclúense na denominada proba do talón corenta enfermidades. Pediatras, sindicatos e asociacións da pacientes critican os recortes planeados pola Administración galega, segundo salienta Radiofusión. O SERGAS nega que exista motivación económica nesta medida e alega que trata de evitar un sobrediagnóstico.
A Asociación de Fenilcetonúricos de Galicia (ASFEGA) confía en que a comunidade non renuncie ao seu programa, referencia para o conxunto estatal. En novembro, o Ministerio publicou no BOE a orde que define a carteira básica de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde (SNS), garantindo unicamente o cribado de sete transtornos. En tempo de recortes, o protocolo de mínimos definido polo Goberno, temen en Asfega, pode xustificar un retroceso nas coberturas do programa galego, que na actualidade identifica unha vintena de transtornos obxectivo, e que, por diagnóstico diferencial, amplía a súa vixilancia até corenta patoloxías". "Non hai razón obxectiva, nin científica nin económica, para reducir” indica, asemade, o catedrático de Pediatría da Universidade de Santiago José María Fraga Bermúdez.
"Nenos e nenas serán diagnosticados cando xa teñan secuelas irreversibles"
"Isto traerá consigo que estes nenos e nenas sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas e eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital” afirman dende CIG-Saúde, que denuncia que a falta dun estudo que facilite a identificación precoz destas enfermidades (galactosemia, acidurias, entre outras), fará que os e as pacientes teñan que presentar síntomas e os e as pediatras sospeitaren o diagnóstico para serlle solicitada a proba correspondente.