A Xunta remite unha carta publicitando axudas a persoas con discapacidade a unha usuaria morta en 2010

Carta enivada polo Goberno galego este mes de agosto © El Diario

“Para a Xunta de Galicia, a atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade, que lle causou ou lle poida chegar a causar unha limitación para as actividades da vida diaria ou necesidades de apoio para a súa autonomía persoal en igualdade de oportunidades, converteuse nun reto ineludible, que require unha resposta firme, sostida e adaptada ao noso modelo de sociedade”. Así comeza a carta remitida hai unhas semanas pola Consellería de Política Social a unha usuaria do sistema público.

Nada fóra do común se non fose porque a destinataria da comunicación do Goberno galego faleceu en 2010. Foi o fillo desta muller quen tivo que lela e descubrir “con indignación” que, para a Xunta, a súa nai segue viva seis anos despois.

Segundo o seu fillo, a falecida non recibiu mellor trato en vida. Despois de gozar dunha axuda durante algo máis dun ano, recibiu unha carta para informala de que non lle correspondía e que, por tanto, debía devolver integramente o cobrado

O obxectivo do escrito, datado o 12 de agosto e asinado polo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, é adaptarse aos últimos cambios normativos e garantir “a máxima eficiencia e axilidade” mediante a declaración do grao de discapacidade nunha tarxeta cuxo modelo de solicitude pode descargarse na web da Consellería.

Segundo o seu fillo, a falecida non recibiu mellor trato en vida. A muller, que sufriu unha grave enfermidade ao longo de 20 anos, “púxose moi contenta cando a Xunta lle concedeu unha pequena paga mensual”. Despois de gozar dela durante algo máis dun ano, recibiu unha carta para informala de que non lle correspondía e que, por tanto, debía devolver integramente o cobrado. Ademais, lembra, “é surrealista que no seu día a Administración foi 'áxil e eficiente' ata que polo seu estado de invalidez a DXT lle retirou o carné de conducir, con todo o que implica prohibir a unha persoa conducir e ser 100% dependente”.

A explicación da Consellería de Política Social de Xunta é que o ocorrido se debe a un “erro humano”. Segundo explicou a través dun correo electrónico a eldiario.es, a Xunta pretendía informar da posta en marcha dunha tarxeta para persoas cunha discapacidade superior ao 33% para facilitar o seu acceso a determinados servizos, e ía facelo a través dunha carta.

A explicación da Consellería de Política Social de Xunta é que o ocorrido se debe a un “erro humano”

“Ese envío quedou posposto tras detectar erros nalgúns deles”, explican desde a Consellería. Ese "erro humano” posibilitou a saída “dun pequeno número” de comunicacións. O Goberno galego non detalla cantas. Sobre o feito de que a carta chegase a unha persoa falecida, indican que, desde que se implantou un novo sistema de xestión chamado CENDIS, “están a aplicarse procesos de control de calidade” e ademais “depurouse ao máximo posible” o “censo de persoas con discapacidade recoñecida”.

Tamén asegura a Xunta que se puxo en marcha “un sistema automatizado de control de vivencia que se nutre das fontes de información do departamento de Xustiza e do Instituto Nacional da Seguridade Social (INNS)”. A Consellería admite que “a pesar disto, o sistema non é perfecto”, e precisa que se rexistran “desfasamentos de até tres meses”.

En canto ao caso concreto, un falecemento que se produciu hai seis anos, o Goberno galego apunta: “O que debeu suceder foi un fallo no envorcado de datos; é dicir, ao pasar a información da vella base de datos, que tiña moitas carencias, á nova, incluíronse por erro os desta persoa falecida”.

A carta da Xunta emprega, ademais, a denominación franquista da rúa onde residía, a avenida Fernández de la Mora

Chegar seis anos tarde non é o único erro que comete a Xunta neste expediente administrativo. Ademais de considerar que a falecida é unha “usuaria” dos seus servizos, emprega a denominación franquista da rúa onde residía, a avenida Fernández de la Mora, e que segundo confirmou o Concello de Ponteareas, foi eliminada no período 2003/2004.

A Xunta bota balóns fóra sobre isto e explica que as súas comunicacións mantiveron a dirección que figuraba na primeira solicitude: “Emprégase a que aparece na ficha de datos persoais que cobre a propia persoa cando solicita a discapacidade".

 

Carta enivada polo Goberno galego este mes de agosto © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.