A entidade ecoloxista ADEGA anunciou este venres os xa tradicionais premios Osíxeno e Dioxina, que cada ano sinalan as mellores e peores actuacións ou actitudes ambientais, e que chegan xa á súa 18ª edición. Ademais, fixo público que o premio Osíxeno de Honra será para a bióloga e escritora Adela Figueroa, histórica ecoloxista, fundadora e ex-presidenta de ADEGA. O galardón quere salientar o seu "traballo e compromiso coa natureza e a cultura de Galicia".
Paloma Fernández e as Brigadas Deseucaliptizadoras foron sinaladas polo seu bo facer
Os Premios Osíxeno 2018 ás millores actitudes ou actuacións ambientais do ano serán, na categorái individual, para Paloma Fernández, voceira da Coordenadora Anti-Encoro do Umia, "por representar a vontade irrenunciábel dunha veciñanza de recuperar o seu río, nunha loita que abrangue xa 25 anos e continúa na actualidade".
E, na categoría colectiva, para as Brigadas Deseucaliptizadoras "polo seu compromiso coa sustentabilidade dos nosos montes fronte á ditadura do eucalipto, efectivizado mediante a intervención directa".
Mentres, os Premios Dioxina 2018 ás accións máis nefastas para o ambiente son, na categoría individual, para o catedrático de Edafoloxía da USC Felipe Macías "polo seu apoio a proxectos tan delirantes e agresivos como a Mina de Touro-O Pino", que se une a outros avais que no pasado deu, destaca ADEGA, "aos parques eólicos do Xistral, á piscifatoria de Touriñán, á balsa mineira das Pontes ou á reapertura da mina de San Fins".
Felipe Macías e a Dirección Xeral de Industria recibirán os Premios Dioxina ás actuacións máis nefastas
Na categoría colectiva o premio vai para os dirixentes políticos da Dirección Xeral de Industria da Xunta "por terse constituido, con leis como a de Depredación e coa súa entrega ao lobby da minaría contaminante, nunha das principais ameazas para o ambiente e a saúde da cidadanía"
Os premios entregaranse o vindeiro domingo 31 de marzo no marco dun xantar que terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu (Rúa Montero Ríos, 18).