As estatísticas silencian os casos de violencia machista contra prostitutas

Acto da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA MMM

Polo menos 20 mulleres que exercían a prostitución foron asasinadas no Estado entre 2010 e 2012, 19 a mans de homes e unha por unha muller, segundo unha investigación desenvolvida por Feminicidio.net, un portal especializado na documentación do feminicidio en España. No seu informe clasifican 17 destes asasinatos como "feminicidios por prostitución" (14 cometidos polos clientes), e dous deles como "feminicidios íntimos", perpetrados polas súas parellas. Con todo, só un destes casos está contemplado nas estatísticas oficiais de violencia de xénero.

"Estes casos non están asumidos como un problema de violencia de xénero, como si sucede noutros países, sobre todo en América Latina. A prostitución está tan asumida na sociedade e na cultura tradicional, que non se cuestiona o seu consumo nin ven estes casos desde a visión da violencia de xénero", di Graciela Atencio, coordinadora do informe e directora de Feminicidio.net. A investigación pretende visibilizar este tipo de feminicidios e denunciar o tratamento "amarelista" que se lles dá cando si chegan aos medios de comunicación.

Polo menos vinte mulleres que exercían a prostitución foron asasinadas no Estado entre 2010 e 2012

"Na maioría dos feminicidios por prostitución cometidos por homes e rexistrados, os asasinos tiveron un ensañamento brutal co corpo das vítimas e en todos os casos elas enfrontáronse a ese momento do final nun estado de vulnerabilidade social e/ou legal", di o informe, que considera que estes casos son tan só "a punta do iceberg".

A maioría das vítimas eran novas: seis mulleres tiñan unha idade comprendida entre os 20 e os 29 anos e outro nove, entre 30 e 36 anos. As catro vítimas restantes tiñan entre 42 e 48 anos. En canto á nacionalidade, dez das vinte mulleres eran estranxeiras, tres españolas e outras cinco de orixe estranxeira pero con nacionalidade española.

O informe sinala que as institucións e fontes encargadas do reconto de vítimas por violencia de xénero que non contabilizan os feminicidios por prostitución "presentan limitacións nos seus rexistros de casos". A falta de información centralizada impide que o informe recolla, por exemplo, en que casos houbo xuízos, sentenzas e en que sentido producíronse estas. Tampouco é posible coñecer se algunhas das mulleres asasinadas eran vítimas de redes de trata nin quen foron os seus asasinos.

Acto da Marcha Mundial das Mulleres contra a violencia machista CC-BY-SA MMM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.