As leis que incumpre Europa na protección a persoas refuxiadas

Refuxiados sirios chegan a Lesbos tras viaxar nunha barca inchable dende Turquía © ACNUR/A.McConnell

A partir do próximo martes, as autoridades húngaras arrestarán os refuxiados que cheguen ao país. Ese mesmo día entra en vigor unha nova lei que establece a pena de cinco anos de prisión para as persoas que accedan de forma ilegal ao seu territorio. Actualmente, calcúlase que cada día entre 3.000 e 4.000 refuxiados entran en Hungría, país de tránsito para os refuxiados que buscan chegar a Alemaña.

Con estas medidas anunciadas este venres polo primeiro ministro do país, Hungría vulnerará numerosas leis de asilo, baseadas fundamentalmente no cumprimento dos dereitos humanos e que os Estados membros da Unión Europea deben cumprir. Toda persoa ten dereito a solicitar asilo se sente que a súa vida corre perigo.

Aínda que Hungría non é o único país que vulnera tratados e leis coas que se comprometeu. Outro exemplo son as devolucións sumarias de estranxeiros, as chamadas 'devolucións en quente', denunciadas en España, entre outros países. Nestas ocasións, unha persoa é interceptada pola policía na fronteira e é devolta inmediatamente, sen identificala nin darlle a oportunidade de pedir asilo, ao país veciño. Isto ocorre no valo de Melilla, por exemplo, como demostraron numerosas imaxes e recoñeceu o Goberno, que pretende amparalas con mediante a Lei de Seguridade Cidadá.

Os ministros do Interior dos 28 reúnense este luns para debater sobre a repartición obrigatoria de refuxiados que propuxo a Comisión Europea. A súa resposta retratará o compromiso dos estados da UE coa lexislación comunitaria.

Co simple cumprimento de lexislación que xa existe "poderíanse evitar moitas mortes"

Paco Solans, experto de Estranxeiría da Fundación da Avogacía Española, denuncia que se están incumprindo numerosas leis por parte dos mandatarios europeos. Solans considera que co simple cumprimento desta lexislación "poderíanse evitar moitas mortes" e considera "hipócrita" que se estea demandando unha nova normativa para a crise de refuxiados cando "xa existen leis que contemplan situacións de éxodo de persoas como a que se están producindo" e que simplemente se están ignorando".

Directiva 2001 de protección temporal en caso de urxencia

Como lembra Paco Solans, a Comisión Europea aprobou en 2001 unha normativa que xa establecía normas mínimas para casos de éxodo masivo de persoas, como o que se vive na actualidade. Nesta directiva, os Estados membros comprometíanse a "fomentar un esforzo equitativo para acoller as devanditas persoas e asumir as consecuencias da súa acollida" para "garantir unha protección inmediata das persoas". Nesta normativa, contémplase a repartición proporcional que estableceu a Comisión Europea desde o pasado mes de abril, as denominadas 'cotas'. Se se establece esta repartición obrigatoria, os países membros que se neguen a cumprir coas cotas estarían a incumprir a directiva.

Declaración Universal de Dereitos Humanos

España vulnera a Declaración dos Dereitos Humanos coas súas devolucións 'en quente'

O artigo 14 da Declaración Universal de Dereitos Humanos establece que "en caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, e a gozar del, en calquera país". Este é un dos tratados aos que están adscritos os países da Unión Europea que se está vulnerando a día de hoxe. España coas súas devolucións en quente en Ceuta e Melilla, vulnera este dereito fundamental ao non permitir que as persoas que chega a territorio español poidan solicitar asilo.

Convenio Europeo de Dereitos Humanos

Trátase dunha das cartas que se están incumprindo no máis básico. Neste caso, o papel establece no artigo terceiro que "ninguén será sometido a tortura nin a tratos inhumanos ou degradantes". Hungría incumpre este dereito fundamental xa que son numerosos os refuxiados e testemuñas que denunciaron un trato humillante por parte das autoridades do país.

Outra das disposicións que se recollen no Convenio é a de que "quedan prohibidas as expulsións colectivas de estranxeiros". Unha vez máis, as devolucións en quente baten coa normativa de dereitos humanos á que se adscribiu.

Convención do estatuto do refuxiado

A Convención de Xenebra impide sancionar as persoas refuxiadas

Coñecido tamén como a Convención de Xenebra, de 1951, polo lugar da súa aprobación. Representa "a fundación da protección internacional dos refuxiados", apunta Acnur. Entre outras disposicións, co anuncio do goberno húngaro de Viktor Orbán de aplicar sancións penais de até cinco anos ás persoas que entren de maneira irregular no seu territorio, o país está a vulnerar o artigo 35 deste Convenio. Nel disponse que non se imporán sancións penais, por causa da súa entrada ou presenza ilegais, aos refuxiados que, chegando directamente do territorio onde a súa vida ou a súa liberdade estivese ameazada entrasen ou se atopen no territorio de tales Estados sen autorización".

Leis españolas: protexido pola Constitución

Cada país regula a protección aos refuxiados e ao dereito ao asilo no seu marco xurídico interno. A Constitución Española establece o dereito de asilo como un dos fundamentais. O artigo 13.4 da Constitución española recolle que "os cidadáns doutros países e os apátridas poderán gozar do dereito de asilo en España". Un dereito que tamén se recolle na Lei de Estranxeiría, que establece que unha persoa poderá ser demandante de asilo aínda que non dispoña de visado para permanecer en España.

Os refuxiados vense obrigados a arriscar a vida ao non poderen pedir asilo dende o país de orixe

Como se denuncia desde a Fundación da Avogacía Española, o Real Decreto 1325/2003 tamén prevé procedementos de emerxencia e de evacuación desde a orixe que inclúe a concesión de visados humanitarios e salvocondutos, documentación e permisos de residencia e traballo, axudas sociais e reagrupamento. Este decreto burlouse, como se denuncia desde a Fundación da Avogacía española, ao ignorarse "os chamamentos desde Turquía e Líbano" que desde hai meses están a producirse. Turquía acolle ao redor de 2 millóns de refuxiados sirios e Líbano, a máis dun millón. Como denuncian os propios refuxiados, víronse obrigados a arriscaren as súas vidas por terra e mar ao non concedérselles o asilo desde o seu país de orixe.

Un neno refuxiado leva o seu irmán a través da fronteira entre Grecia e Macedonia © ACNUR/A. McConnell

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.