A facultade de Ciencias da Comunicación da USC elaborou unha Guía de linguaxe inclusiva en colaboración co Colexio de Xornalistas (CPXG), un documento que dende esta semana se pode descargar libremente na web do CPXG e na web do proxecto. O libro recolle recomendacións para combater o emprego de linguaxes discriminatorias e prácticas para o tratamento informativo de distintos colectivos e situacións que poidan xerar riscos de exclusión.
O manual foi elaborado por alumnado de 1º de Xornalismo tomando como referencia o traballo de Nacho Mirás
Foi elaborado por alumnos e alumnas da materia de Redacción Informativa do primeiro curso do grao de Xornalismo que se imparte na Universidade de Santiago tomando como referencia o traballo e o blog do finado xornalista Nacho Mirás, profesor nesa facultade, "que foi un exemplo no emprego de linguaxes inclusivas e un puntal no combate contra todo tipo de discriminación". O proxecto contou ademais coa colaboración do grupo de investigación Esculca, da Facultade de Ciencias da Educación da USC.
O manual componse de 14 capítulos dedicados a outros tantos ámbitos ou colectivos: Linguaxe non Sexista, Infancia, Persoas maiores, Pobreza, Emprego, Catástrofes e emerxencias, Cooperación internacional, Comercio xusto, Medio ambiente, Persoas migrantes, Persoas privadas de liberdade, Capacidades diversas e Racismo.
O proxecto terá continuidade no presente curso 2018-2019 e incorpora dúas novidades. En primeiro lugar, a guía incluirá novos colectivos ou áreas temáticas sobre os que construír recomendacións: os suicidios, as adiccións, a prostitución e finalmente a moral e a relixión. A segunda novidade consistirá no uso de Instagram, onde se trasladarán as recomendacións da guía aos formatos propios desta aplicación a través de exemplos reais buscados polas alumnas e alumnos.
Algúns dos exemplos prácticos
A obra recomenda usar substantivos non sexuados, empregar dobres formas ou omitir referencias directas ao suxeito mediante formas impersoais
A obra recomenda, por exemplo, usar substantivos non sexuados (profesorado en vez de profesores, ou a poboación galega no canto de os galegos) ou empregar dobres formas, alternando a orde dos xéneros (alumnos e alumnos). Así mesmo, suxire omitir referencias directas ao suxeito mediante formas impersoais: "Quen se beneficien da nova regulación" en troques de "Os beneficiarios da nova regulación".
Tamén se aposta por "evitar termos que perpetúen os roles de xénero" como os que nomean ás mulleres pola súa relación de parentesco con outro home: "a filla de Eduard Punset" en lugar de Isabel Punset. E pola "incorporación de termos que permitan nomear en feminino ás mulleres en cada unha das súas profesións", como "a médica" ou "a bombeira".
Tamén se aposta por "evitar termos que perpetúen os roles de xénero"
Fóra da cuestión de xénero, realízanse recomendacións "para contribuír á inclusión do colectivo das persoas maiores", evitando o paternalismo, resaltando a heteroxeneidade das persoas maiores, evitando os tópicos e os estereotipos e as coberturas mediáticas que se centran exclusivamente nos problemas médicos e a súa dependencia.
Hai tamén suxestións para combater a aporofobia, para evitar a estigmatización das persoas sen emprego, da comunidade LGTBIQ, ou das persoas migrantes.