Cascos asegura que os danos provocados polo Prestige "foron inevitables"

Álvarez Cascos declara no xuízo do Prestige Dominio Público @copecoruna

"Non me consta". Con esta frase, tan de moda nos últimos días, Francisco Álvarez Cascos botou balóns fóra ante a maioría das preguntas que respondeu este martes no xuízo sobre a catástrofe do Prestige que se celebra na Coruña. O que fora ministro de Fomento durante o sinistro declarou como testemuña e atribuíu todas as decisións tomadas respecto ao buque "aos técnicos", aclarando que todas elas foron "as máis correctas e axeitadas en base á información" da que se dispoñía naquel momento. "Sería unha temeridade pola miña parte dar recomendacións técnicas", aclarou.

Cascos atribúe todas as decisións "aos técnicos" e aclara que todas foron "correctas e axeitadas" 

"Outras decisións terían sido moito máis graves. Non hai quen defenda que con outras decisións se tería evitado a contaminación; os danos que provocou o fuel eran inevitables", asegurou Cascos en resposta ás preguntas do avogado de Nunca Máis, ao que negou que coñecese a consigna do ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, de afastar o petroleiro en alta mar ou asegurando non lembrar cando se acordou ese afastamento e negando que el ordenase envialo "ao quinto pino", tal e como se lle atribuíu. Tamén negou que se optase por meter o petroleiro no abrigo dalgunha ría ou porto. "Non coñezo ningún peirao voluntario para acoller o petroleiro; esa alternativa non existiu nunca", aclarou. 

O que fora ministro co Goberno de Aznar deixou claro que el nin tan sequera estaba "informado" constantemente sobre as decisións que se tomaban en medio da catástrofe, aínda que si "do criterio xeral". Álvarez Cascos insistiu unha e outra vez en que se aplicaron "os protocolos marítimos" baseados na lexilslación e que se seguiu o Plan Nacional de Continxencia, pero negou que as decisións non fosen as axeitadas, senón todo o contrario, e malia que moitos avogados puxeron en dúbida que se seguisen os plans previstos polas administracións marítimas e de salvamento.  

"Non me imaxino o xefe dos bombeiros de Nova York sentado nun tribunal por non ter impedido a caída das Torres Xemelgas", dixo 

Para o ex membro do Goberno central, a culpa da catástrofe medioambiental provocada polo buque foi unicamente do Prestige e das súas propias, "nin tan sequera das condicións de navegación". "Das molladuras non teñen culpa os paraugas, senón a auga", manifestou Cascos, que aludiu ao "afán desmedido de lucro" das empresas vinculadas ao petroleiro como principal culpable do sinistro. "Non me imaxino o xefe dos bombeiros de Nova York sentado nun tribunal por non ter impedido a caída das Torres Xemelgas", chegou a manifestar o ex ministro, que se atribuíu o papel de vítima e negou calquera responsabilidade na xestión do Executivo. "Será moi difícil demostrar que non era culpa do barco", advertiu. 

"A Administración española actuou para paliar os riscos da catástrofe", engadiu. Ademais, lembrou que nada do ocorrido tería pasado se se tivesen seguido as recomendacións do Goberno español anos antes, cando pediu ante as autoridades marítimas que os barcos con máis de 23 anos (como o Prestige) non puidesen navegar. "Durante anos, tan só a este buque tivo problemas fronte a Fisterra", insistiu. 

O ex ministro defendeu o seu dereito a "manter algunhas actividades de ocio durante as fins de semana da catástrofe"

Por outra banda, Cascos recoñecou que continuou "mantendo algunha" das súas "actividades de ocio", como a coñecida cacería, durante as fins de semana  nas que ocorreu a catástrofe. "O Ministerio funciona 24 horas e non crin que tivese que ser nómada nin trashumante", defendeuse. "Estaba perfectamente informado; se tivese conciencia de que tería sido útil estar en Galicia, tería estado aquí", insistiu tras lembrar que si estivo presente noutras catástrofes como a de Biescas ou un grave accidente ferroviario. 

HABERÁ AMPLIACIÓN

Álvarez Cascos declara no xuízo do Prestige Dominio Público @copecoruna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.