CCOO-Ensino denuncia a negativa de Educación a negociar os cadros de persoal de secundaria en xullo, como se viña facendo até agora. O sindicato critica que a Consellaría lles comunicara aos sindicatos, mediante un correo electrónico, que non sentará a negociar porque os datos "non serán definitivos ata setembro", o que entenden é unha "nova artimaña da Xunta para adiar o impacto que poden ter os recortes de persoal no servizo educativo", atrasando o proceso ata setembro para así poder "impor unha política de feitos consumados". Comisións chama á unidade sindical para a organización de mobilizacións intensas en setembro.
CIG-Ensino esixe o restablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto
De igual xeito, CIG-Ensino esixe o restablecemento do dereito de nomeamento nos meses de xullo e agosto para o persoal docente substituto que teña prestado servizos á administración durante polo menos cinco meses e medio e convoca a unha concentración este mércores ás once da mañá en San Caetano para esixirlle á Consellaría de Educación que rectifique.
Nun escrito dirixido ao conselleiro de Educación o pasado venres 29 de xuño, o sindicato esixiu o mantemento do contrato polo que lle retribuía e cotizaba ao profesorado o tempo de vacacións que lle correspondía en función do tempo traballado. Ao remate da concentración realizarase unha asemblea co profesorado afectado no local do sindicato na que se analizará a súa situación e as medidas de presións a levar a cabo.
A CIG denuncia que Educación agardou até que remataron as clases para dar a coñecer este medida, malia ter tomada a decisión no Consello da Xunta do 21 de xuño. O sindicato advirte ademais que este recorte vai dirixido a traballadores e traballadoras "que xa teñen unha situación moi precaria con traballos de poucos días, cambio constante de domicilio e a obriga de estar a disposición da Administración de xeito continuo". O mesmo critica CC.OO., que engade que en moitos casos se trata de traballadores que están preprarando oposicións para acceder a postos noutras comunidades autónomas.
Peche no CEIP de Carballeda de Avia
Alumnos, nais, pais e veciños do concello de Carballeda de Avia iniciaron este luns un encerro no CEIP Pena Corneira para protestar polas intencións da Consellería de Educiación de recortar á metade o cadro de profesores deste Colexio de Educación Infantil e Primaria. Trátase dunha nova mobilización convocada pola ANPA O Carballo, que nos últimos días, ademáis, xa contactou con outras asociacións de nais e pais de toda a provincia de Ourense e de Galicia co fin de coordinar futuras mobilizacións e accións conxuntas co obxectivo de parar as políticas de recorte que a Xunta ten preparadas para o próximo curso nos colexios do rural.
Dos 7 profesores que actualmente dan clase no CEIP Pena Corneira, a Consellería de Educación recortará 3, co que o Colexio quedará, o próximo curso, con só 4 mestres para os 50 nenos matriculados
Dos 7 profesores que actualmente dan clase no CEIP Pena Corneira, a Consellería de Educación recortará 3, co que o Colexio quedará, o próximo curso, con só 4 mestres para os 50 nenos matriculados en Infantil e Primaria nese Centro. A ANPA oponse a esta política de recorte do profesorado e demanda “menos cartos para os bancos e máis para a educación pública” no contexto económico actual. O obxectivo destas protestas é evitar unha situación que podería levar ó peche dos colexios rurais, que son fundamentais a día de hoxe para poder evitar un maior despoboamento destas comarcas.