Tras a mobilización, a concreción. Despois de varios meses de protestas contra a que semella cada vez máis abandonada pretensión da Xunta de instalar unha planta incineradora de residuos no concello ourensán do Irixo as asociacións cidadás e colectivos ecoloxistas que impulsaron esa reivindicación dan un paso máis. Non se trata só de frear a incineración no Irixo, senón en toda Galicia, din, e por iso a súa aposta é elevar a rango de lei a prioridade dos "tres erres", reducir, reutilizar e reciclar, por riba da queima de lixo. Con este obxectivo ste luns rexistraban no Parlamento a súa iniciativa lexislativa popular "para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galicia".
O grupo promotor da iniciativa salienta que os seus obxectivos non son novos. Non en van, lembran, a Lei de Residuos de Galicia de 2008 xa establece os "tres erres" como "obxectivo prioritario" e as directivas europeas na materia, traspostas á lexislación do Estado en 2011, "formularon o obxectivo de transformar a actual nunha sociedade do reciclado". Neste contexto chegou o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia (PXRUG) no mesmo 2011, un documento que, na súa opinión, "cumpre só na teoría os obxectivos" da lexislación anterior, xa que no seu orzamento "a suma de prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outras medidas de reutilización e reciclaxe atinxe o 18,1%", mentres que "o 48% dos investimento destínase a unha nova planta de eliminación por incineración". Ademais, din, a Xunta "está a favorecer opcións altamente impactantes" como a prevista "Sogama do sur", xa sexa no Irixo ou noutro lugar, e os "continuos recrecementos do vertedoiro da Areosa", anexo ao complexo de Sogama, en Cerceda.
A ILP propón unha estrutura de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe e un canon de 25 euros por tonelada de lixo incinerado
"Faise necesario clarificar e darlle forza xurídica á xerarquía que establece a prioridade dos tres erres", subliñan, non só para cumprir medidas xa vixentes senón tamén para evitar que cómpre ddeixar de "empregar a atmosfera como vertedoiro para gases acedos, metais pesados, dioxinas e dióxido de carbono", os cales "finalmente acaban caendo de novo sobre os solos, os cultivos e as augas das comarcas próximas ás incineradoras". Por todo isto reclaman a aprobación dunha ILP cuxa eventual -e pouco probable, coa actual configuración da Cámara- aplicación comezaría por modificar o PXRUG, destinando non menos do 15% á "redución" de residuos e non menos do 60% "á preparación para a reutilización para a reciclaxe". Paralelamente, a incineración ficaría "excluída, con ou sen recuperación de enerxía -caso de Sogama- das actuacións a promover pola Xunta para o tratamento de residuos".
E, cales serían as alternativas a esa desaparición da incineración? Entre outras, a implantación da compostaxe doméstica "como modelo prioritario, especialmente nos núcleos de poboación dispersa", así como a "compostaxe comunitaria en pequenos núcleos, barrios e espazos urbanos". Estas accións complementaríanse con plantas de reciclaxe e compostaxe comarcais "de tal forma que ningunha delas teña unha capacidade de máis de 100.000 habitantes equivalentes" ou, o que é o mesmo "40.000 toneladas ano". Polo tanto, a lei suporía pór en marcha unhas 25 plantas en todo o país, que se complementarían cun sistmea de recollida "porta a porta" en poboacións de menos de 10.000 habitantes. Así e todo, a incineración non ficaría prohibida. As entidades xestoras de vertedoiros, incineradoras "e outras instalacións de eliminación" pasarían a pagar un canon "non inferior a 25 euros por tonelada de material entrante", o que suporía uns 130 millóns de euros dende o inicio das actividades de Sogama, nos anos 90.
Neste contexto os promotores da iniciativa sintetizan a súa intención: "que se cumpran as leis". Un dos voceiros da Plataforma Incineradora no Deza Non, Xosé Manuel López, explica para Praza Pública que "tanto os precedentes como as medidas que se levan anunciado nos levan a pensar que non se van cumprir" as directrices legais que conducirían a relegar paulatinamente a incineración e por iso cómpre "facer cousas concretas que muden substancialmente o panorama". Con independencia de que as declaracións de diversos representantes políticos presenten como incerto o futuro da incineradora do Irixo dende a plataforma seguen alerta. "As cousas están aí aínda que non se fale delas", di López, mostra do cal é "o acordo do Consello da Xunta" que di "que a incineradora se vai facer nun período de catro anos". "Se non seguimos traballando, isto vai acontecer", resume no que, lembra, é o inicio do "traballo" para recoller as preceptivas 15.000 sinaturas da ILP.