Obxectivo: que a oposición á incineradora do Irixo sexa un dos temas das eleccións

Lectura do Manifesto do Irixo © Incineradora no Deza non

Representantes das plataformas do Deza, do Carballiño e do Irixo realizaron este xoves un acto simbólico para relanzar a súa campaña, procurando introducir o tema no debate politico de cará aos comicios de outubro e como impulso á recollida de sinaturas para a presentación dunha ILP que promove o cambio no modelo de xestión de residuos.

Nas vindeiras semanas representantes destes colectivos reuniranse, primeiro, con representantes de PP, PSdeG-PSOE e BNG, e despois farano cos dos demais partidos políticos. O seu obxectivo é que na campaña se fale da xestión de residuos, se fagan propostas e se clarifiquen as posicións. Para iso, pediranlles un compromiso sobre o "cambio de modelo" e no caso de non existir "advertirán os cidadáns sobre a posición real de cada un". 

As plataformas pelexan non só por un cambio de localización, senón de modelo, sobre a base "das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe"

Aínda que en principio a Xunta deu marcha atrás no seu proxecto de construír unha planta incineradora no Irixo, a opción tampouco está descartada. En calquera caso, as tres plataformas pelexan non só por un cambio de localización, senón de modelo. Para iso hai uns meses rexistraron no Parlamento unha ILP que busca esa mudanza no sistema de recollida e xestión de lixo sobre a base "das tres erres: redución, reutilización e reciclaxe". "As porcentaxes de recuperación en Galicia son moi baixas", lembra Xosé Manuel López, da plataforma do Deza.

Nestes momentos as plataformas están recollendo sinaturas, nun proceso que esperan que se acelere a partir de setembro. Na súa páxina de Facebook pódense consultar os lugares que contan con pregos para poder asinar, en Lalín, A Coruña, Carballiño, Cerceda, Chantada, Compostela, Costa da morte, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Rábade, Agolada, Rodeiro, Silleda e Vigo.

Xosé Manuel López, voceiro da plataforma 'Incineradora no Deza, non' CC-BY-SA Xosé Bocixa
Lectura do Manifesto do Irixo © Incineradora no Deza non

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.