Dous mil profesionais da sanidade plántanse ante a contrarreforma do aborto

Santiago Dexeus (esquerda), Pilar Martínez Ten, Eudoxia Gay e Javier Martínez, na presentación do manifesto CC-BY-SA El Diario

"Esta lei supón un flashback terrorífico", comezaba a súa intervención o profesor e xinecólogo Santiago Dexeus Trías. Este reputadísimo obstetra, que atendeu o parto dos dous fillos de Mariano Rajoy na súa clínica de Barcelona, encabezou este venres a presentación dun manifesto asinado por case 2.000 profesionais sanitarios contra a reforma da lei do aborto que impulsa o Goberno.

Facíao xunto a outros referentes de Xinecología e Psiquiatría, os doutores Javier Martínez Salmeán, Eudoxia Gai Pamos e Pilar Martínez Ten, quen defenderon que o proxecto elaborado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, "vulnera os dereitos das mulleres e converte erroneamente o aborto nun problema psiquiátrico".

"Se algo funciona ben, para que cambialo?". Con esta frase resumía o xinecólogo Martínez Salmeán a idea que defenderon todos os relatores: a vixente Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo aprobada en 2010 funciona. "Reduciu o número de abortos e garante a seguridade de profesionais médicos e mulleres", afirmou Martínez Ten, tamén xinecóloga e experta en diagnóstico prenatal. Os relatores pediron ao Goberno que non aprobe unha lei que carece de demanda social só por motivos ideolóxicos.

"Pode que eles tamén o pensen"

Todos os asinantes lembraron que as leis máis restritivas non reducen o número de abortos, senón que aumentan os abortos inseguros. "Non quero volver ver a mulleres que acoden con hemorraxias ao hospital porque tentaron abortar de maneira clandestina nin a "nenas ben" nas ringleiras dos aeroportos para abortar en Gran Bretaña", asegurou o doutor Dexeus. "As mulleres seguirán interrompendo os seus embarazos. As que teñan diñeiro marcharán ao estranxeiro e as que non acudirán a alternativas inseguras".

Dexeus fai un chamamemtno para rematar coa hipocrisía e desbotar as crenzas relixiosas neste debate

Santiago Dexeus asegurou que esta norma marxina as mulleres e as considera frívolas "cando, como médico, podo dicir que as interrupcións do embarazo son decisións moi duras e meditadas". Dexeus facía un chamamento para que se acabe con tanta hipocrisía". "Coñezo e son amigo de varios políticos do Partido Popular que sei que non se enfadarán porque defenda aquilo no que creo", explicou. E vai alén: "Poida que eles tamén o pensen. Eu pediríalles que acudan á intelixencia e non á ideoloxía nin ás crenzas relixiosas neste sentido", afirmou. Á pregunta de se entre os seus amigos do PP se conta o presidente do Goberno, Dexeus contestou cun sorriso.

En 2005, cando naceu o seu segundo fillo, Juan, Rajoy chanceou cos xornalistas sobre a 'catalanidade' da súa prole, xa que os dous nenos naceron en Barcelona, na clínica Dexeus. O líder do PP atribuíu a decisión á súa muller, Elvira Fernández. "É un problema de confianza, como tantas cousas na vida da miña muller, no doutor Dexeus", manifestou entón Rajoy.

Máis inseguridade para mulleres e médicos?

Os médicos alertaron das consecuencias médicas na saúde das mulleres que suporía a aplicación da lei. "Por unha banda, as feridas físicas debido a interrupcións inseguras e, doutra banda, as secuelas mentais se conseguen abortar de maneira legal" pola complexidade dos novos procedementos, alegou Gai Ramos.

A doutora Martínez Ten coincidiu en destacar o sufrimento que deberán soportar as mulleres debido á longa lista de trámites que deberán seguir aquelas que queiran interromper os seus embarazos, que "farán imposible na práctica abortar debido a malformacións no feto". A xinecóloga lembrou que os abortos por este motivo supoñen unha porcentaxe moi pequena en España (3%), e mostrouse sorprendida de que se converteu no foco do debate.

Os médicos presentes, eminencias nos seus respectivos sectores, enviarán o seu manifesto á Presidencia do Goberno, ao Ministerio de Sanidade e ao de Xustiza. Nesta ocasión, non foron consultados nin antes nin despois da redacción da reforma, como xa denunciaron asociacións de defensa dos dereitos das mulleres. Martínez Salmeán, por exemplo, formou parte do equipo de expertos que traballaron nas dúas leis anteriores: a actual e a de 1985. "Imos loitar con todos os nosos medios para que esta lei non salga adiante. E se é así, haberá casos de insubmisión", asegurou Martínez Salmeán.

"Imos loitar con todos os nosos medios para que esta lei non salga adiante. E se é así, haberá casos de insubmisión"

Os dereitos das mulleres e a inseguridade de pacientes e médicos foron as obxeccións máis nomeadas ao Anteproxecto de Lei Orgánica para a protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada do Goberno, que se atopa en trámite de consultas.

"Outórgannos un papel que non queremos exercer", aseguraba Eudoxia Gai Pamos. A presidenta da Asociación Española de Neuropsiquiatría criticou a excesiva responsabilidade que o texto adxudica aos psiquiatras: "Obrígannos a decidir polas mulleres, algo que non nos corresponde e que ademais non podemos facer. Temos que certificar un dano grave e permanente na saúde mental das mulleres debido aos seus embarazos cando non hai ningún instrumento que permita chegar a esa conclusión", denunciou. " Non podemos predicilo, teriamos que mentir".

"Vai haber, de súpeto, milleiros de enfermas mentais"

Ese dano "grave e permanente" supón a consideración das mulleres como enfermas mentais. "Vai haber de súpeto milleiros de enfermas mentais máis en España", ironizaba Gai Pamos. "É algo moi serio. O estigma dunha enfermidade mental pode prexudicar ás mulleres no futuro, nas demandas de tutela dos seus fillos ou ante unha oferta de traballo", proseguiu.

"O ministro Gallardón considerou con esta lei ás mulleres como unhas inmaduras. O dereito a decidir das mulleres está moi recoñecido en toda Europa desde hai décadas. Era un dereito conquistado e non podemos compartir este retroceso", apuntaba Martínez Salmeán.

Rajoy, con Dexeus tras o nacemento do seu segundo fillo, en 2005 CC-BY-SA El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.