E se a alternativa é montar unha cooperativa?

Imaxe do Encontro Internacional Cooperativo © Consello Galego de Cooperativas

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas decidiu proclamar este 2012 o Ano Internacional das Cooperativas. Baixo o lema As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor o Consello Galego de Cooperativas, participado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e as diferentes asociacións de cooperativas, organizou os pasados días 5 e 6 de xullo o Encontro Internacional Cooperativo no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.

Nel, os diferentes actores do sector de Galicia e alén, chegados de Portugal, Ecuador, Francia, Bélxica, Suecia e doutras comunidades autónomas coma Euskadi, Catalunya, Estremadura ou o País Valencià expuxeron os seus proxectos, experiencias e perspectivas no presente e cara o futuro do cooperativismo. Este sábado celebrouse o Día do Cooperativismo Galego, no que se fixeron entrega dos premios á cooperación a varias empresas con esta fórmula societaria. Amais, houbo unha Mostra Cooperativa, na que se podían coñecer diversas e innovadoras propostas cooperativas de Galicia.

Este sábado celebrouse o Día do Cooperativismo Galego, no que se fixeron entrega dos premios á cooperación a varias empresas

Os pioneiros de Rochdale que crearon na Inglaterra de mediados do século XIX a Sociedade Equitativa, a primeira cooperativa de consumo que repartiu os seus excedentes entre os seus socios, xermolo das cooperativas modernas, de seguro non pensaron que case 170 anos despois os principios e valores que elaboraron seguirían a ter plena vixencia e que o movemento cooperativo sería unha certeza, tanto a nivel social como a nivel económico.

Na Galicia de finais do século XIX, os precursores do cooperativismo foron as sociedades de mariñeiros e as sociedades agrarias, que xa que logo eran portadoras de valores solidarios e de apoio mutuo. As confrarías de mariñeiros funcionaban no inicio do século XX como auténticas cooperativas, pois actuaban tanto na produción, na comercialización, na seguridade social e mesmo con actividades formativas. A primeira lexislación cooperativa en España foi do ano 1931 coa chegada da II República.

 

88 mil cooperativistas en Galicia

Na actualidade hai máis de 1.150 cooperativas activas en Galicia con máis de 88.000 socios, cunha tendencia positiva. O cooperativismo galego agrupa 88.000 socios en 1.136 entidades. O Informe de Síntese do Cooperativismo Galego recolleu  no 2007 que había preto de 20.000 persoas cun emprego directo ou indirecto en relación co cooperativismo. No ano 2011, datos da Consellería de Traballo e Benestar aseguran que o 3% dos ocupados en Galicia son cooperativistas ou relacionados. As empresas cooperativas galegas presentan un volume de facturación de máis de 2,4 millóns de euros. A media de idade dos asociados está por debaixo da media xeral da poboación galega, e a presenza de mulleres, aínda que segue sen chegar á igualdade (46%), non deixa de crecer.

As empresas cooperativas galegas presentan un volume de facturación de máis de 2,4 millóns de euros

O descoñecemento por parte da maioría da poboación e falta de divulgación da fórmula cooperativa e o seu funcionamento, tanto interno coma externo, así como o seu verdadeiro impacto na economía real é un problema que o Encontro Internacional Cooperativo tratou. O presidente de CICOPA-ACI, Manuel Mariscal, puxo enriba da mesa esta cuestión na palestra sobre a panorámica das políticas de fomento cooperativo no mundo: “Vivimos nunha sociedade educada no pensamento polo cal se entende que só as grandes empresas teñen futuro e suficiente esperanza de vida e os feitos estannos a dar moitos exemplos de que isto non é así en absoluto. As cooperativas demostraron ser un modelo perdurable e estable con futuro, cos seus 170 anos de historia”, comentou.

 

Por que os países emerxentes como Brasil non padecen apenas a crise?

"Investiron en intelixencia con recursos financeiros e aforros na economía real, para tentar reparar as grandes eivas sociais que padecen. Non se entregaron á economía especulativa como Europa e os EE.UU"

Non esqueceu referirse ás vicisitudes económicas. “Por que os países emerxentes como Brasil non padecen apenas a crise? Porque investiron en intelixencia con recursos financeiros e aforros na economía real, para tentar reparar as grandes eivas sociais que padecen. Non se entregaron á economía especulativa como Europa e os EE.UU.”, comentou. Defendeu que o investimento “intelixente” tamén é potenciar a promoción e creación de cooperativas dende as administracións públicas. Para rematar deixou unha frase para a reflexión: “Teño o convicción de que as cooperativas non somos parte do problema, senón todo o contrario, podemos ser parte dunha solución viable”.

O vicepresidente da Alianza Cooperativa Internacional en Europa e presidente de Cooperativas Europa, Felice Scalvini, explicou a clave desta alternativa: “As cooperativas incitan a un mundo mellor porque ofrecen a emancipación á humanidade do drama dos últimos 200 anos de historia: o capitalismo. Karl Marx baseou á replica ao capitalismo de empresa no capitalismo de Estado, a grandes riscos, mais isto revelouse coa experiencia ineficiente, porque cambia o patrón máis non a relación entre traballador e empresa. A cooperativa racha con isto, dá unha alternativa, son empresas diferentes xa que os propios traballadores son donos dos factores de produción: traballo, capital e terras”.

"Marx baseou á replica ao capitalismo de empresa no capitalismo de Estado, a grandes riscos, mais isto revelouse coa experiencia ineficiente, porque cambia o patrón máis non a relación entre traballador e empresa"

Porén, chegado a este punto, que é unha cooperativa? As sociedades cooperativas son parte da economía social e solidaria, a cal responde a uns principio éticos certos formulados pola Alianza Cooperativa Internacional: adhesión voluntaria e aberta, xestión democrática e participación económica das socias, autonomía e independencia, educación, formación e información para as socias, intercooperación e interese polo ben común.

En resumo, nunha empresa cooperativa prima o común e a democracia directa á diferenza das empresas con fórmula mercantís, como as sociedades anónimas (S.A.) ou as sociedades de responsabilidade limitada (S.L.), que teñen o seu centro no interese privado e a relación de propiedade, no que o principal obxectivo é a maximización dos beneficios. Hai diferentes tipos de cooperativas que a vixente Lei de Cooperativas de Galicia recolle na súa modificación do 16 de decembro de 2011. As máis usadas e numerosas son as cooperativas de traballo asociado como Máis Galicia, empresa de comercialización de marisco e peixe, Tagen Ata, empresa de servizos lingüísticos e comunicación; cooperativas agrícolas como Os Irmandiños ou Milhulloa; ou as cooperativas de ensino como a recentemente creada Avoaescola.

 

Exemplos de éxito

O movemento cooperativo ten un fondo contido filosófico e, en concreto, político, mais isto non é traba para que existan proxectos empresarias xa consolidados, algúns deles con ideas innovadoras. Entre todos os proxectos que se presentaron no Encontro Internacional Cooperativo e compartiron a experiencia ao longo das dúas xornadas de charlas destacou a cooperativa ServiMayor procedente de Losar de la Vera (Cáceres). Un exemplo de autoorganización e autoxestión dos servizos sociais por partes dos usuarios.

Sobranceiras tamén foron as presentacións da cooperativa de aforro e crédito Detodas de Ecuador, que brinda apoio financeiro e capacitación a mulleres de moi escasos recursos para tentaren crear emprego digno

Esta iniciativa é xa un centro residencial que foi financiado co investimento dos propios anciáns interesados hai uns anos en recibir uns coidados dignos e encarar os seus últimos anos de vida da mellor forma posíbel. O seu representante, Martín Carvajal, destacou que mentres as residencias privadas financiadas por bancos ou seguros custaban na súa comunidade unha media de 1.500 € ao mes, os usuarios do complexo residencial podíana acceder ao servizo por 600 €.

O xigante das cooperativas na península, a corporación Mondragón, nada no 1956 na localidade gipuzkoana do mesmo nome tamén tivo o seu espazo para explicar o seu proxecto que se basea nunha fórmula de cooperativa mixta de traballo asociado, unha figura que combina a prestación do labor coa achega de colaboracións económicas, tecnolóxicas e financeiras externas. Hoxe agrupa cooperativas como Eroski, Fagor ou Orbea, entre as máis coñecidas. Sobranceiras tamén foron as presentacións da cooperativa de aforro e crédito Detodas de Ecuador, que brinda apoio financeiro e capacitación a mulleres de moi escasos recursos para tentaren crear emprego digno e, por tanto, suba a súa calidade de vida. Esta fórmula tamén se está a experimentando no ámbito galego con Coop57 e a banca ética Fiare, entre outras.

Ante estes exemplos, é obvio que para emprender nestes momentos a sociedade cooperativa se presenta como un modelo válido, perdurable e viable, coas súa propias dinámicas creadores de riqueza, cohesión social e emprego estable e conciliador, diferentes pois da maioría dos exemplos actuais das sociedades de capital.

Imaxe do Encontro Internacional Cooperativo © Consello Galego de Cooperativas
Público asistente aos actos do Dia Galego do Cooperativismo © Consello Galego de Cooperativas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.