Economía feminista para saír da crise

Marcha polo Día Internacional da Muller en Compostela Dominio Público @XesusVazquez

Alén de se efectivamente hai ou non hai xermolos verdes na economía, a atención está agora nas condicións nas que España sairá da crise. Entre as correntes económicas heterodoxas que alertan da crecente desigualdade agravada polos recortes e que propoñen medidas alternativas á austeridade está a feminista. Precisamente, estes días celébrase en Carmona (Sevilla) o IV Congreso de Economía Feminista, unha corrente crítica do pensamento económico que ten no centro da súa análise as desigualdades, especialmente as vinculadas ao xénero.

Hai dous eixos centrais para a economía feminista. "Por unha banda, ten en conta non só a economía mercantil, senón tamén o territorio doméstico, onde se fan os traballos que permiten soster a vida cotiá. Non consideramos traballo só o que ten unha contrapartida económica", explica a catedrática de Historia e Institucións Económicas da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla Lina Gálvez, unha das impulsoras do Congreso.

A segunda pata desta corrente é a procura de indicadores do benestar diferentes ao PIB. "Non mide a desigualdade ou a calidade de vida, e non ten en conta todas as actividades que non son monetarizadas. Por iso, buscamos indicadores e análises do benestar máis complexos e realistas, para non identificar o benestar só co crecemento ou co material", subliña a economista.

"Non só é un coñecemento teórico, ten vontade transformadora"

"Pero non só é un coñecemento teórico, ten vontade transformadora", insiste Gálvez. Por iso, o Congreso, ademais da discusión, aspira a achegar un documento cunha serie de propostas políticas concretas. De feito, hai xa tres anos un grupo de intelectuais e asociacións elaboraron un manifesto que recollía algunhas das propostas da economía feminista para saír da crise.

Entre elas, pór en marcha un plan integral de servizos públicos que permitise xerar infraestruturas sociais, unha especie de Plan E que animase o investimento ao mesmo tempo que se construían gardarías ou centros para o coidado de dependentes. Un plan que incluiría a universalización da educación desde os cero anos. A economista Carmen Castro defendía entón que un plan destas características serviría para reactivar a economía e crear emprego e, ao mesmo tempo, atender as necesidades sociais, crear un modelo de sociedade máis xusto e impedir que as tarefas de coidado sexan un impedimento para que homes e mulleres se incorporen ou progresen no mercado laboral.

Desde entón, as cousas cambiaron e non precisamente a mellor. "Hai que falar de como está a afectar a crise e, sobre todo, a súa xestión a mulleres e homes. Os recortes esnaquizan o público e os servizos sociais, dos que as mulleres somos maioritariamente as usuarias e as empregadas. Por iso propomos un modelo que faga sustentable a vida, que poña as condicións para que todas as persoas vivamos mellor e dignamente", explica Lina Gálvez.

Aspiran a introducir unha análise de xénero en asuntos como a xestión da débeda ou a privatización de bens básicos

O congreso aspira a introducir unha análise de xénero nos asuntos que están no punto de mira económico e social, como a xestión da débeda e a privatización de bens básicos como a auga.

"Hai que facerse preguntas sobre a auga, sobre que é e de quen é. Desde unha perspectiva neoclásica, a auga é un factor produtivo. Desde a economía feminista e, no meu caso, desde a ecolóxica diría que é un activo ecosocial de moitas funcións", afirma Esther Velázquez, profesora titular de Economía Ecolóxica da Pablo de Olavide.

Velázquez considera que hai que reflexionar sobre o uso que se lle dá á auga e como mulleres e homes interveñen de forma diferente. "As mulleres seguen sendo as principais coidadoras da auga, con diferentes consecuencias", asegura a economista.

Marcha polo Día Internacional da Muller en Compostela Dominio Público @XesusVazquez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.