“O andazo de tuberculose é moi superior ao que se calculara”

© yosedemedicina.blogspot.com

Non son tantas as enfermidades ás que se lles pode documentar unha estreita relación coa historia da propia humanidade. A tuberculose é unha delas, unha doenza antiga, coñecida, e con tratamento, pero que significa aínda, a día de hoxe, a segunda causa de morte no mundo. Non é casualidade: dos arredor de 12 millóns de persoas infectados polo bacilo de Koch –o patónexo, illado xa en 1882-, menos do 5% accede a un diagnóstico adecuado e só un 10% a un tratamento. As cifras poden ser moi inferiores; na India unicamente unha de cada cen persoas tuberculosas foi diagnosticada.

A isto hai que lle sumar neste momento a denuncia que Médicos Sen Fronteiras (MSF) realiza dun feito que se silencia nas axendas internacionais: “O avance mundial dunha tuberculose multirresistente aos medicamentos é moi superior ao que se calculara”, segundo declaracións facilitadas pola organización. “Aló onde buscamos atopamos cifras alarmantes, o cal indica que posibelmente as estatísticas actuais só reflictan unha parte moi pequena da magnitude do problema”, explica o presidente de MSF, José Antonio Bastos.

Médicos Sen Fronteiras denuncia que “o avance mundial dunha tuberculose multirresistente aos medicamentos é moi superior ao que se calculara”

En Sudáfrica, por exemplo, onde se rexistra a maior carga de afectados do mundo, MSF viu aumentar nun 211% o número mensual de persoas diagnosticadas no seu programa de KwaZulu Natal, trala introdución dunha nova proba rápida. De todos os positivos, máis dun 13% eran xa resistentes á rifampicina, un dos medicamentos de primeira liña máis efectivos.
 

Unha enfermidade política

A tuberculose multirresistente aliméntase desde varias frontes, coronadas pola irresponsabilidade política e a avaricia. Pódense resumir deste xeito: Os tratamentos empregados son excesivamente longos -duns dous anos- e moi tóxicos, a maioría desenvolvidos hai medio século, con serios efectos secundarios. Tamén supón un problema a existencia dun mercado farmacolóxico no que os poucos fabricantes de medicamentos para tratar a tuberculose mantiveron prezos prohibitivamente altos. Dáse o feito de que a nova proba rápida de diagnóstico –que incrementaría a detección temprerá das formas resistentes– resulta inasequíbel, o que hipoteca a extensión nas áreas que dispoñen de recursos limitados. Iso malia que é precisamente nestes lugares onde máis se necesita.

A nova proba rápida de diagnóstico –que incrementaría a detección temprerá das formas resistentes– resulta inasequíbel, o que hipoteca a extensión nas áreas que dispoñen de recursos limitados.

E, para rematar, produciuse unha insólita reducción de recursos –motivada sobre todo polos recentes recortes aos que se viu obrigado o Fondo Mundial de Loita contra a Sida, a Tuberculose e a Malaria – que xa afecta seriamente aos programas sobre o terreo. Despois de que gran parte dos doantes internacionais incumpriran as promesas realizadas na Reunión de Alto Nivel de Nacións Unidas do 2011, o Fondo Mundial tomou a decisión sen precedentes de cancelar a rolda número 11 de reposición de fondos, prevista para outubro do ano pasado. Sen ela, non haberá subvencións para combater a tuberculose até o 2014.

© yosedemedicina.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.