López Sors: "Non temos nada que ver co rumbo errático do Prestige"

López Sors declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Entre confusión e contradicións varias, o ex director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors, comezou este xoves a súa declaración no xuízo do Prestige asumindo as primeiras decisións tras o accidente do petroleiro. O único cargo público que será xulgado pola catástrofe asegurou que el "ditaba" as primeiras decisións, que non precisaban de "aprobacións posteriores" por parte dos seus superiores. "Non falaba habitualmente co ministro de Fomento", dixo, malia que na instrución si confirmara que falaba "normalmente" con el, segundo o letrado que lle preguntaba. En canto ao rumbo errático tomado polo petroleiro tras o segundo día da catástrofe, o ex cargo público chegou a asegurar que as autoridades españolas "non tiñan nada que ver", aínda que el si que recomendou mantelo afastado da costa. "Desde que chegan os rescatadores, retírase o control da administración; ninguén me pediu autorización nin tiñan por que pedirma", aclarou. 

Ademais, López Sors considerou que "a Administración marítima española fixo un bo traballo" e xustificou o bo facer no feito de que "o Exxon Valdez contaminou máis costa" ou en que "o Erika afectou máis as praias". "O que foi unha barbaridade é que un barco nesas condicións se metese na costa galega e que o capitán atrase o remolque aludindo atrancos económicos", asegurou. "O da onda xigante é unha desculpa fácil; o Prestige non navegaba nas mellores condicións", respondeu logo ao avogado da organización Arco Iris. 

López Sors pediu a tradución simultánea ao galego ao "non entender" o idioma do avogado de Nunca Máis 

O ferrolán López Sors respondeu ao duro interrogatorio do avogado de Nunca Máis, Pedro Trepat, e pediu tradución simultánea do galego ao castelán ao xustificar que "non entende" o idioma do letrado. Analizando as primeiras horas da catástrofe, o ex cargo público do Ministerio de Fomento, intentou explicar a primeira orde -gravada- na que aseguraba que "a consigna" era "que collan o barco, que poidan dar un cabo e que o separen da costa ata que afunda".

O ex cargo de Fomento xustificou o afastamento do buque para evitar a contaminación, un embarracamento e tamén para agardar os remolcadores

Ante as preguntas de por que se tomaba esa decisión nas primeiras horas do accidente, López Sors manifestou que a idea era "anticiparse a riscos maiores" e, ante a posibilidade seria de afundimento, "cría que o mellor era que o barco afundise o máis lonxe posible da costa". Aïnda así, o ex director xeral da Mariña Mercante asegurou tamén que se intentou "evitar un embarracamento" e unha "grave contaminación" e chegou a aclarar que o obxectivo era "afastar o buque" ata unha distancia aproximada de "30 millas", algo que en ningún momento manifestara na instrución do caso. "O barco estaba mellor fóra que dentro", dixo tamén López Sors, que engadiu outro argumento máis para xustificar a marcha do petroleiro mar adentro: "Estabamos esperando aos rescatadores e seguimos separándoo da costa ata que chegasen".

En canto ao rumbo tomado polo petroleiro xa no segundo día da catástrofe, o 14, afastándose da costa, López Sors entrou en varias contradicións ao asegurar nun principio que quen tomou esta decisión foi "o capitán do primeiro remolcador, o Sertosa 32", malia que o avogado de Nunca Máis lle recordou que na instrución asegurara que fora el mesmo quen ordenara ese rumbo. "Ratificamos a decisión do remolcador", intentou aclarar despois, tras dicir tamén que o organismo rector acordado naquel tempo "non podía entrar neses temas".

Preguntado polo rumbo errático posterior, o ex cargo de Fomento asegurou que non era responsabilidade das autoridades estatais, senón dos problemas cos remolcadores e os salvadores de Smit. "Non tivemos nada que ver, quixémolo evitar", dixo. 

O ex director xeral di que meter o petroleiro na ría de Corcubión nunca foi unha opción para as autoridades 

Así, e en canto aos continuos e radicais cambios de rumbo a partir do remolque, López Sors negou presións diplomáticas por parte de Francia para afastar o buque  e atribuíu a dirección errática do petroleiro aos "salvadores e remolcadores" do buque. "Desde que chegan os rescatadores, retírase o control da administración; ninguén me pediu autorización nin tiñan por que pedirma", dixo o ex director xeral, que asegurou, aínda así, que el recomendou manter o barco afastado e que o obxectivo era que "estivese o máis lonxe posible para protexer as costas galegas" e que o límite de 120 millas acordado cos rescatadores era para asegurar un posible rescate. "Non tivemos nada que ver co rumbo errático", chegou a manifestar, tras explicar estas variacións na situación do buque "polos fortes ventos" e as dificultades no remolque.  

Ademais, López Sors asegurou que "nunca" foi unha das opcións trasladar o Prestige á ría de Corcubión, onde varios expertos aseguran hoxe en día que podería ser resgardado. "Nunca o consideramos e ningún mariño nolo recomendou", dixo o ex director xeral, que cre que se metese o barco na devandita ría "agora estaria no cárcere xunto ao señor Mangouras (capitán do buque)". O que si admitiu foi que levar o petroleiro ao porto da Coruña si que foi meditado.

Respecto do vertido, López Sors asegurou que non tiñan "ferramentas para saber cara a onde iría a contaminación" e en canto ao número de toneladas de cru que xa había no mar, o ex cargo de Fomento xustifica "as fluctuacións constantes" das informacións trasladadas no día 14 e queu pasaron das 1.500 toneladas ás 20.000. 

A declaración de López Sors deixou moitas dúbidas sobre a xestión da catástrofe, sobre todo en referencia a un organismo rector que asumiu que era "máis político que técnico" e que non tomaba decisións, senón que as principais decisións correspondíanlle a el. Deste xeito, o ex cargo de Fomento intentou afastar de calquera responsabilidade aos seus superiores, aos que en ningún momento atribuíu decisión importante ningunha.

O ex cargo de Fomento xustifica que non se convocase unha comisión técnica ata o día do afundimento do barco 

López Sors, en vista das actas achegadas por outro avogado de Nunca Máis nas que se indica que a primeira reunión técnica non se produciu até o día 19, asegurou que o órgano rector "era asesorado por técnicos". "Existen técnicos en todas as reunións deste organismo", dixo, tras xustificar que a devandita xuntanza do día 19 foi encargada polo ministro de Fomento, Francisco Álvarez-Cascos, para achegar máis información especializada.

Para López Sors, está xustificado que só a Mariña Mercante se encargase da xestión da catástrofe entre o día 13 e o 19 e non unha comisión técnica como a que se convocou no momento no que se afundiu o Prestige. "O que decidirían estes técnicos era se se podía facer algo máis", argumentou o ex director xeral, que asegurou que se intentou salvar a proa do buque cando a outra metade da embarcación xa estaba afundida, malia que na acta se aseguraba que o obxectivo era sobre actuacións anteriores. "Admito a crítica", dixo López Sors, ante a pregunta do avogado de Nunca Máis de se a xuntanza técnica e a súa acta "pretendían tan só xustificar decisións anteriores". Ademais, negou que houbese diferenzas en canto á actuación anterior ao afundimento. 

HABERÁ AMPLIACIÓN

 

López Sors declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.