Máis de 50 barcos maniféstanse na ría de Muros contra a política pesqueira europea

Concentración en defensa da pesca sustentable © Greenpeace

Este luns concentráronse na ría de Muros-Noia, fronte á Gándara, máis de medio cento de embarcacións pesqueiras para reclamar unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC) que respecte a pesca sustentable. A concentración, promovida por Greenpeace, enmárcase no tour que o barco da organización Arctic Sunrise realiza por nove países de Europa para visibilizar, apoiar e defender a pesca sustentable. En España, a embarcación, antigamente un pesqueiro de focas, xa estivo en Barcelona, Dènia, Muros e o mércores chegará a Bilbao, onde permanecerá até o venres 17, día no que partirá cara a Francia.

A protesta, na que se exhibiron carteis con lemas como "Cañete, non afundas a pesca europea" ou "A pesca sustentable é o futuro", coincidiu ademais coa reunión en Bruxelas de todos os ministros de Pesca da Unión Europea na que abordaron os aspectos da reforma do PPC. Para Celia Ojeda, responsable de Océanos de Greenpeace, a acción en Galicia era "moi importante debido sobre todo ao lobby potente da Xunta de Galicia, única comunidade de España con oficina en Bruxelas que sempre estivo ao lado da gran industria pesqueira". No encontro dos ministros, asegura Ojeda, o ministro español de Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, é o máis remiso a escoitar as voces da pesca sustentable. "Estivo e estará sempre ao lado das grandes industrias", denuncia a responsable de Océanos de Greenpeace.

A pesca sustentable é, segundo a definición de Greenpeace, "aquela que pode manterse de forma indefinida sen comprometer a viabilidade da poboación da especie obxectivo e sen exercer un impacto negativo sobre outras especies dentro do ecosistema, incluídas das persoas" e cuxa xestión é "respectuosa coa contorna marítima e costeira". Aínda que a maioría da frota pesqueira española é artesanal e sustentable, Greenpeace denuncia que tanto o anterior coma o actual Goberno do país primaron os intereses da grande industria.

"A este paso -explica Ojeda- acabarán coas poboacións de peces". Se isto sucede, un gran número de persoas, poida que até vilas pesqueiras galegas enteiras como Muros terminen con todos os seus habitantes en paro. "Se afunden o stock pesqueiro, acaba o traballo, e a pesca sustentable xera moito emprego, tanto directo como indirecto".

Para a organización, concentrar a tal cantidade de barcos en Galicia é sumamente importante, sobre todo tendo en conta que hai uns anos os rastrexadores os recibiron no mesmo lugar a pedradas. O mesmo sucede cos pescadores, que ao finalizar a concentración agradeceron a Greenpeace o seu apoio: "Sen a axuda de ONGs como esta non teriamos a forza suficiente para facernos escoitar".

Este texto foi realizado a bordo dun barco de Greenpeace, que convidou eldiario.es a unha travesía reivindicativa por diferentes puntos da Península Ibérica.

Concentración en defensa da pesca sustentable © Greenpeace
"Cañete, non afundas a pesca europea" © Greenpeace
Concentración en defensa da pesca sustentable © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.