Mangouras insiste en que o Prestige tivo que ser levado a porto para baleirar o fuel

Mangouras declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Mangouras volve criticar as decisións tomadas polo Goberno español na xestión da catástrofe do Prestige. O capitán do petroleiro defendeu este xoves durante o xuízo que se celebra na Coruña que o barco puido terse trasladado "a unha enseada" para facer alí o transvasamento da carga a un buque "máis pequeno", logo de que se conseguise a súa estabilización.

"Non o estabilizamos para que fose ao océano e as autoridades españolas sabían moi ben o que pasara no buque"

Así, Mangouras insiste nas súas críticas ás autoridades españolas, logo de que o pasado martes xa censurara que o rumbo marcado ao Prestige polo Goberno central convertese o Prestige "nun cadaleito flotante" que ía camiño de "afogar" a tripulación. Agora, o capitán do buque insiste en que para evitar a contaminación o mellor sería telo trasladado a un porto refuxio, pero aclara que o Executivo lle advertiu de que esa opción non era posible.   

"Non o estabilizamos para que fose ao océano e as autoridades españolas sabían moi ben o que pasara no buque", recalcou Mangouras na súa declaración, a preguntas do avogado do Estado, Javier Suárez. De feito, Mangouras aclarou tamén que na tripulación pensaban que irían "a un porto de augas abrigadas", pero que lle responderon, en alusión ás autoridades españolas, que "non podía ser, que o barco tiña que irse".

Mangouras asegura que a día de hoxe aínda descoñece "a razón" pola que rompeu o barco

No seu interrogatorio, insistiu tamén en que, a día de hoxe, descoñecen "a razón" pola que rompeu o barco. En canto ás posibles causas, non descartou que fose por "unha onda xigante" ou porque fose golpeado por "un obxecto". Incluso asegurou que algún membro da tripulación chegou a pensar en que un submarino golpease o barco.

O Prestige, partido e a piques de afundir © Xurxo Lobato / Divulgada pola Plataforma Nunca Máis
Mangouras declara no xuízo do Prestige Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.