Xabier Garrido, percebeiro de Oia, atopou un día algo enorme no mar. Achegouse para ver que era aquilo e descubriu un enorme tronco. Non sen enormes dificultades, e coa axuda duns amigos, logrou achegar a terra un madeiro de case 20 metros de longo e máis de 1.000 quilos de peso. Agora, aquela enorme peza de madeira converterase nunha obra de arte que servirá de homenaxe aos milleiros de voluntarios que colaboraron na limpeza das costas galegas tras a catástrofe do Prestige. E verá a luz dez anos despois do afundimento dun petroleiro que causou unha das maiores catástrofes ecolóxicas que se lembran.
"Estiven tempo intentando vendelo, pero non me daban o prezo que eu consideraba que valía", lembra agora Xabier Garrido, ao que lle xurdiu a idea polo nariz. "Cheirábame igual que o chapapote do Prestige e lembroume todo aquilo". Lembroulle aquel sinistro, lembroulle a marea negra e lembroulle a súa época de voluntario. Con milleiros de mozos e mozas chegados de todas as partes do mundo compartiu labor limpando as pedras e as praias da costa galega. A eles quixo homenaxear. "En Oia somos algo máis de 3.000 habitantes e por aquela época chegaron aquí uns 4.000 persoas a axudarnos; foi incrible", rememora.
Máis de 1.600 voluntarios enviaron pedras que formarán parte do monumento de homenaxe ao seu labor
Pero Xabier quería que os voluntarios tivesen o seu protagonismo no monumento, así que pediulles, principalmente a través das redes sociais, que enviasen as súas pedras para completar a obra de arte. Ten cuantificadas unhas 1.600, pero séguenlle chegando día tras día. "As últimas, unha de Punta Umbría e dúas de Tui", advirte. Tenas de moitas localidades galegas, de Nova York, de Venezuela ou incluso de Exipto. E cada unha delas chega coa súa carta, a súa historia, a súa anécdota e milleiros de fotos. "É moi bonito", di emocionado Garrido, que pensa xa en poder facer unha exposición con todo o material enviado polos voluntarios.
Deles agarda tamén unha visita. "Supoño que aqueles que me enviaron pedras quererán vir algún día a visitar o monumento e tirar unha foto cunha obra da que tamén forman parte", di este percebeiro con alma e labor de artista, que conseguiu a colaboración e o apoio de varias empresas que axudan no proxecto. Unha delas, Vascogallega, que lle cedeu unha enorme pedra onde poñer a lenda que acompañaráo enorme tronco que homenaxea a marea branca. "Eu vivín moito aquilo, tamén fun voluntario... E meréceno, meréceno moito", reitera.
Cinco bandas de acero rodearán o tronco, onde irán tamén todas as pedras enviadas polos voluntarios
O enorme tronco que servirá para honrar a aqueles milleiros de persoas que axudaron a recuparar a costa irá rodeado de cinco bandas de acero inoxidable cos nomes dos mariñeiros e daqueles voluntarios. Sobre a enorme pedra, unha placa onde se explicará o que fixeron estes cidadán. Ademais, tanto a madeira como a pedra irán incrustadas nun gran círculo de formigón negro. A obra complétase co principal: as pequenas pedras que a irán decorando e que foron enviadas por todos aqueles que se solidarizaron cos galegos tras a catástrofe sufrida polo país hai dez anos.
O monumento preséntase este xoves e inaugúrase o vindeiro 19 de novembro; estará situado na Guarda, ao pé do monte de Santa Tegra
Esta Homenaxe á marea branca, que así se chamará o monumento, instalarase na Guarda -a cuxo Concello agradece Xabier a colaboración- ao pé do monte de Santa Tegra. Será inaugurado o vindeiro 19 de novembro, xusto dez anos despois do afundimento do Prestige, pero antes presentarse en sociedade este mesmo xoves. Tamén hai prevista unha festa que non ten a data aínda confirmada. O enorme tronco converterase nun novo símbolo e nun reclamo que seguro chamará a atención dos visitantes. Será a humilde honra aos voluntarios do Prestige, que aínda poden seguir enviando as súas pedras a este enderezo: Pedornes, 63. 36309 Oia (Pontevedra). Serán moi ben recibidas.