Na rúa para pedir a palabra e a República

A marcha de Compostela, no Obradoiro CC-BY-SA Praza Pública

"Queremos elixir". Foi unha das frases máis repetidas nas mobilizacións que, na tarde e no serán deste sábado, se desenvolveron polo centro das sete grandes cidades do país e tamén noutras localidades como Ribeira ou Ponteareas para esixir que se lle dea a voz á cidadanía para decidir a forma do Estado e tamén o futuro político de Galicia tras a abdicación do rei Juan Carlos I.

A heteroxeneidade foi a nota dominante destas marchas, nas que se alternaron as bandeiras da II República Española coas enseñas galegas con estrela, os escudos da serea de Castelao ou cartaces a prol do referendo e da república. "República do pobo para cambialo todo", reiterouse nalgunhas das concentracións, que non lograron ser multitudinarias e nas que tamén houbo apelacións a un "proceso constituínte" ou, en clave irónica, se animou "aos Borbóns" a acudir "ás eleccións".

No caso de Compostela a manifestación, que culminou na Praza do Obradoiro, derivou nunha asemblea na que algúns dos convocantes debateron accións a desenvolver nos próximos días. Entre as opcións que están sobre a mesa está a posibilidade de convocar unha consulta cidadá con dúas preguntas. Unha delas estaría vinculada á forma de goberno do Estado español, monarquía ou república, e a outra ao futuro dos distintos territorios do Estado con, por exemplo, un encaixe federal, confederal ou independente.

En Compostela formulouse a posibilidade de convocar unha consulta cidadá sobre o futuro político do Estado e de Galicia

Nas marchas convocadas polo país participaron tamén representantes de diversas forzas políticas. Na capital secundaron a convocatoria o portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, xunto ao seu coordinador nacional, Martiño Noriega, e a eurodeputada Lidia Senra. Tamén participaron cunha comitiva propia dirixentes do BNG encabezados polo seu portavoz nacional, Xavier Vence. En Ferrol achegouse tamén á convocatoria un grupo de militantes e dirixentes locais do PSdeG entre os que se atopaba a deputada Beatriz Sestayo. Nesta mesma manifestación participou a líder de Esquerda Unida e vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz.

Concentración en Vigo CC-BY @eva_solla

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.