Naomi Klein: "Necesitamos verdades poderosas que anulen as mentiras do capitalismo"

Naomi Klein, no CCB de Barcelona © R. Varela

A xornalista, escritora e activista canadense Naomi Klein vén de presentar esta semana en Barcelona o seu novo libro, Esto lo cambia todo: el capitalismo contra el clima (Paidós, 2015), un chamamento á unión dos movementos sociais en defensa do concepto de "xustiza climática", unha aposta declarada polas enerxías renovables e a xeoinxeniería e a enésima alerta sobre os riscos que supón o aumento de temperatura no planeta, ante o que é necesario a actuación inmediata por parte da clase política a nivel internacional.

Naomi Klein presentou en Barcelona o seu novo libro, un chamamento á unión dos movementos sociais en defensa da "xustiza climática"

"É mportante ter en conta que tras 25 anos de negociacións sobre o clima só quedan solucións máis radicais" -afirma Klein en inglés ante un auditorio a rebordar no Centre de Cultura Contemporània de Barcelona (CCCB)-. "Se seguimos como ata agora, imos camiño ao desastre pois nos atoparemos con temperaturas de entre catro e cinco graos por riba dos niveis preindustriais nun mundo no que soamente o aumento dun grao xa supón un gran perigo" -incide-. "Non sabemos como será o cambio, pero é seguro que non será compatible cunha sociedade organizada".

O novo volume de Naomi Klein insiste na necesidade de crear unha sociedade democrática máis xusta, ante un sistema económico que non é compatible cos obxectivos na redución de emisións. "Hai que enterrar o modelo neoliberal porque choca frontalmente coas esixencias para frear o cambio climático". Por iso -asevera-, a mobilización é importante: "Necesitamos verdades poderosas que anulen as mentiras do capitalismo".

"O Goberno de España vai en dirección contraria penalizando as renovables e en todo o sur de Europa se seguen fomentando as enerxías fósiles"

Para a autora, no actual contexto, "a lóxica das privatizacións enfróntase ás medidas para combater a crise climática e óptase erroneamente por investir en industrias extractivas para xerar postos de traballo" nunha actitude na que os gobernos van en contrasentido para poñer solución ao problema. "O Goberno de España vai en dirección contraria penalizando as renovables e en todo o sur de Europa se seguen fomentando as enerxías fósiles", unha incoherencia política de base que está no centro da polémica. "Alemaña considérase o goberno máis ecoloxista do mundo, pero a austeridade fomentada polo executivo de Angela Merkel vai contra o imperativo de reducir o cambio climático". En definitiva, "unha redución eficiente de emisións non é compatible co sistema capitalista".

 

A ameaza dos tratados de libre comercio

Segundo Klein, "estamos inmersos nun sistema económico que non funciona para a maioría das persoas". Por iso, os acordos de libre comercio, como o TTIP ou o CETA "acaban abocando o planeta a unha única postura mercantilista" que sería unha mala opción asinar ante a posibilidade de que os gobernos teñan que enfrontar demandas de investidores ante proxectos non realizados. Non obstante, "as cláusulas de seguridade do investidor non son válidas dende unha perspectiva climática".

"O TTIP ou o CETA acaban abocando o plante a unha única postura mercantilista"

A crise climática transfórmase así nun desafío para a sociedade. De feito, en opinión da autora, o movemento ecoloxista está a cambiar, pois existe unha nova xeración de activistas climáticos que presionan para que non se invista en combustibles fósiles, demandando unha "xustiza climática" vinculada á defensa da saúde, na que mesmo os medios de comunicación comezan a asumir as súas responsabilidades.

Así, os movementos sociais estanse a organizar en plataformas que perseguen a xustiza ambiental. "É necesario recordar que o mundo ten límites" -afirma Klein con rotundidade- "e por iso debemos cambiar a nosa relación con respecto á Terra porque no fondo trátase dunha crise espiritual".

Naomi Klein, no CCB de Barcelona © Ramón Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.